Pedro J. Peón Estévez
A odisea do trole 102: IV O longo e retorto caminho (The long and winding road)
Saben vostedes que un trole dura ata tres veces máis que un autocarro diésel.....?
Estoutro sábado 22-10-2018 disque foi declarado "día sen coches". Seino porque o dixeron na televisión entre imaxes de bicicletas, xente sorrinte caminhando entre verdes paisaxes e coloristas cometas ó vento con flores e bolboretas arredor. Recoméndannos prescindir do carro e utilizar bicicleta ou transporte público. Xa, pero é que o transporte público que temos é moi contaminante de "nuestro señor" Autocarros con motores diésel que van e venhen polas urbes ceibando miles de toneladas de residuos nocivos convertendo urbes como Madrid en trampas mortais baixo un denso e escuro panterlo de fume. Ante iso só cabe rezar para que venha o vento e limpe a atmosfera. Moita tecnoloxía punta e moita historia pero ante as emerxencias graves só podes facer o que, de sempre, fixeron todos os animais ante o perigo: sair correndo a todo meter e o que máis corra, máis amigo é. E tamén rezar de paso, pero sen deixar de correr. Non fíes naquel "fía en deus e non corras" e corre coma un tolo e "o que venha atrás que arree". Lembrade Fukushima. Ou Chernobil. Ou Harrisbourg?. Non, non vos esquezades de Harrisbourg. Eses tiveron moita sorte; será porque rezaron. Os de Chernobil non, que disque son ateos...
E pensar que sempre tivemos aquí en Pontevedra a solución do problema! Tivemos o derradeiro transporte público limpo de España, que non da península Ibérica, pois os tranvías seguen circulando en Porto e Lisboa etc. e Coímbra aínda dispón de trolebuses. Estivo nas mans de Transportes a Unión -que non destacaban precisamente por seren alá moi ecoloxistas, visto o que lhe fixeron as ras de Gandarela-. Pero non só se trataba de anti-ecoloxía, había moito máis. Compría erradicar os troles como fora pero non se podía facer da noite para a manhá de xeito radical pois eran moi populares entre a xente de toda a bisbarra desde o Morrazo a San Vicente de Cerponzóns. E, encima, estaban os forógrafos de tranvías e troles, sobre todo os ingleses. Mira que eran teimudos! Cada pouco estaban aquí a facer fotos e mais fotos para tentar de convencer ós seus governos da posibilidade de recuperar un medio de transporte de calidade que, de lonxe, perderan. Eu lembro ter falado cun deles onda o bar La Terraza ( penso que sería Alan Murray pola data). Eran J.H. Price, que estivo en 1959 retratando os troles mailos os tranvías de Vigo; H.Taylor estivo en 1961 e en 1969; M.J. Russel, en 1975; Alan Murray, nos anos setenta e en 1983, e tamén John Ward, David Flett e Tony Walmsley. Había a quen lhe doía a cabeza cada vez que os fotógrafos ingleses rondaban por Lourizán, e non precisamente ós xefes da Unión. Lembremos de paso a un tal Stuart Johnson que andou por Santander, e sen esquecermos ós do país: Zagala, Pintos, Pacheco, Sarabia, Ksado e un sin fin de afeccionados e estudiosos do tema como pode ser Héctor Poderoso García, a quen non debe deixar de consultar todo aquel que queira conhecer o tema en fondura. Coa cantidade de documentación existente e sendo este un tema tan importante para Pontevedra, entendo que non exista un museo do trole, dada a nosa tradicional desidia, pero cando menos unha exposición, unha efeméride...algo! Ben, sigamos co conto. Nos últimos anos oitenta montouse unha campanha de desprestixio dos trolebuses reducindo ata cero o mantemento das instalacións e o total abandono dos veículos facendo pasar o servicio por lento, suxo e obsoleto. Quen se prestou moi ben para este cometido foi o alcalde Rivas Fontán en Pontevedra seguindo os pasos do tristemente célebre Rafael Portanet en Vigo. Tan só Camilo Nogueira, do PSG-EG, tentou salvar os troles organizando unha manifestación que tivo moi pouco seguimento (o sentidinho sempre foi algo minoritario). O caso era que en toda España se foi apagando o transporte eléctrico e tocábalhe quenda ó derradeiro bastión dos trolebuses. Pero antes a(s) empresa(s) aínda tiveron que rexeitar unha ventaxosa oferta para renovar o parque móbil con modernos, silenciosos e rápidos trolebuses, sen barreiras físicas, adaptados a todo tipo de usuarios e impulsados por baterías e motores eléctricos de última xeración. Como eses que circulan arestora por 230 vilas europeas. Soamente Moscova ten 1300 troles en activo e as chinesas Shangai e Pekin 1750. Entón por que foron desbotados en toda Espanha? Pois é moi sinxelo; cómpría consumir milhóns de litros de combustibeis fósiles pois as petroleiras presionaban, subornaban e ameazaban (como sempre fixeron) e neste país foron moitos os que se deixaron querer. A nivel local había unha razón engadida pero esa é outra historia.
Entre tanto ocuparémosnos do noso 102 e do seu orixinal e dobre periplo de costa a costa.
En 1956 a macro-empresa Transportes Metropolitanos de Barcelona encargou a Macosa (La Maquinista Terrestre y Marítima) a construción de 27 trolebuses (18+9) BUT Q1 de tres eixes e dous pisos. Unha vez rematados pasan a ser a serie 600 (de 601 a 627) e circulan nas linhas 3 e 40 ata 1962 en que son retirados pois tenhen moitos accidentes por emborcamento. Son reenviados a Macosa que os rebaixa a un piso pero alóngaos considerablemente. En1964 volven a rodar ata 1968, ano en que TMB decide eliminar os trolebuses e o noso 102 é vendido a Salvut ( Valencia ) xunto con outros 22 irmáns. Alí formará parte da terceira serie (nums. 70 a 93) rodando desde 1970 a 1976, ano en que Valencia erradica os trolebuses e 17 deles son revendidos a TEP incluíndo un cámión- torreta (V - 105143) para o mantemento da catenaria, un tanto "vintage" pero non tanto como aquela vetusta torre negra de antano dos Ferreiro, Lamoso e Santomé. En Pontevedra, como xa sabemos, andan ata 1989 e, para a derradeira viaxe, ponhen a punto ó 102 que o 31-08-1989 para definitivamente...Nadinha diso!... a súa epopeia só fixo empezar.
A comezos dos oitenta, a imaxe das Cocheiras era verdadeiramente arrepiante coa explanada chea e os hangares rodeados de cadáveres de troles carcomidos polo óxido, sen rodas, sofrendo as inclemencias á intemperie, desmembrados de vagar por voitres chatarreiros. Inmerecido final para quen tanto ben tinha feito. Dixen xa que non entendo por que non hai un museo de troles en Pontevedra? Pois en Londres hai máis de un e son verdadeiros parque temáticos que reportan bos beneficios. Pero nós somos moito máis listos que os ingleses; onde vai parar...!
O noso 102 librou daquel escarnecedor desguace e volveu a Barcelona en tren, por obra e graza do Amigos do ferrocarril de Barcelona (AAFCB) ganhándolhe a partida a uns ingleses que o querían levar para un deses seus museos (máis lhe houbera valido!) Asimesmo foi como o 102 volveu á casa. Para conhecer estes feitos polo miúdo, aconsélholhes consultar a Xabi Flórez- Trolebús102. El explica todo o nacemento, vida e ocaso deste bendito trole moito melhor ca min.
Ben, pouco me falta xa por contar desta aventura que arrancou un 12 de Xunho de 1889 ás oito da manhá cando os vecinhos ficaron pampos en vendo unha pequena locomotora de vapor Saint Leonard remolcando tres coches de tranvía pola estrada de Marín adiante. Era a viaxe inaugural, e o tranvía levaba ós prohomes, artistas e demais autoridades cívico- militares e relixiosas. Marín recibiu ó tren toda engalanada entre dianas e alboradas. O malo foi no día seguinte que era a viaxe aberta ó público. Todo quisque quería subir e seica houbo trompadas, bastonazos, couces, tiróns de pelos e amplo repertorio de insultos. Viaxeiros destacados do "tren velho" foron Vincenti, Riestra, Echegaray, Montero Ríos e, como non!, o noso benquerido irmán Daniel que ía pintar a ría desde Lourizán. Coas fermosas fotos en branco e negro de Zagala, o tren e esta pasaxe de cabaleiros barbudos con revirichados bigodes, sombreiro, bastón e levita, podería semelhar unha película cómica múa, pero non. Era o progreso. Unha avanzadilha do "proghreso"que se lhe vinha encima a Lourizán.
Tanto lhe rompín a cabeza ós meus amigos coa lideira do 102 que, catro deles, aceitaron ir comigo a Barcelona na súa procura pero antes xa mandara unha mensaxe a AAFCB interesándome polo trole e por Xabier Flórez, un dos que xestionaran a recompra. Contestáronme que o tal Xabier aínda era socio de Amics del Ferrocarril pero que xa case non pasaba por alí e sería moi difícil que coincidira con el. En canto ó trole, estaba nun lugar (secreto) e non se podia visitar.
Aquela resposta amoscoume abondo polo seca e misteriosa. Cheguei á conclusión de que as cousas entre o tal Xabi, a AAFCB e TMB (Transporte Metropolitano de Barcelona) non andaban moi ben, polo que me fun directamente aTMB. Mandeilhes dous correos e non lhes foron entregados seica por saturación de buzón ou algo así, que aínda no sei moi ben que é iso. O asunto era que os bilhetes do avión xa estaban pagos e alá fumos a desfrutar da cidade deixando o trole ben aparcado. Tómeno como lhes pete pero eu, cada vez que estou en Barcelona, comprendo moi ben a envexa que lhe tenhen por aí.
En cerca dunha semana só tiven tempo de ver un chisco do moito que esperaba. Coma así pasmei na minha primeira visita ó interior de La Pedrera, fixen sendeirismo pola Costa Brava, participei na Diada, comímos na librería Contrabando e no Surtidor, visitamos un refuxo antiaéreo coas doctas explicacións de Marc, retratámosnos co gatón de Botero, fixemos cantidade de amigos, en fin...e todo da man de Antonia e Angel, os máis amables e xenerosos anfitrións do mundo. E foi Ángel quen se interesou pola minha trolefilia. Díxenlhe que quería ver o 102 aínda que tivese que derrubar as portas da cocheira Triangle. Angel díxome que axinha me sacarían os de seguridade polas orelhas se tal intentaba. Cómpría atopar un formulario na rede, cumplimentalo e esperar resposta. Quedei en facelo así pero cando estiver de volta en Pontevedra. De autorizarme TMB á visita, voltaría a Barcelona de contado. Polo pronto non quería facer nada que alterase a nosa, de por si, apretada axenda. E ademais non había tempo. Punto.
Xa en Pontevedra mandeilhes unha solicitude sobre formulario de visita, logo penseino melhor e envieilhes outro de información, que me pareceu máis axeitado, menos molesto. Recibiron ambos, puxéronlhes as referencias 169479 e 179481 e prometeron contestar na semana seguinte. E así foi. Remitíronme a un outro enderzo electrónico e aconselháronme consultar una páxina do seu patrimonio histórico que eu tinha xa moi vista e que conducía a ningures. Pero o máis bonito foi que me preguntaban: " Como valorarías a atención que recibiches?". Tinha dúas alternativas, unha: "Be, estic satisfet" e " malament, no estic satisfet " que foi a que eu marquei pedíndolhe, en resumo, que non andaran mareándome e que se non querían informar, que non pasaba nada. Por último díxenlhes que ía facer o meu trabalho con ou sen a súa colaboración e pidinlhes perdón por se os tinha molestado. Conclusión? TMB quixo facer un museo do transporte ponhendo o carro diante dos bois e meténdose nun berenxenal do que dificilmente sairá con ben. Con este fin leva anos acumulando material de época que se deteriora a marchas forzadas, vexamos:
14 Tranvías
23 Autobuses
1 Trolebús; o 102 (a empresa tivera ducias de troles e todos foron irracionalmente desmantelados)
1 Coche do funicular de Montjuich
4 Trens
14 Coches de bombeiros, cinco veículos auxiliares e algún exemplar máis.
Isto e o que tinhan hai dez anos. Despois de gastar unha manchea de cartos, as pezas non foron restauradas, nin mantidas, nin tan siquer limpadas e fican coas rodas planas (ou sen elas) baixo unha grosa capa de pó, oxidadas, saqueadas e durmindo o sono dos xustos á espera do museo pantasma que nunca chegará.
Lonxe fican xa os breves momentos de gloria do102 na cidade Condal. Velaí un resumo:
Do 4 ó14 de novembro de 1994 estivo exposto no barrio de San Martí albergando unha exposición fotográfica con vistas históricas do transporte público no devandito barrio.
Do 27 ó 29 de xunho de 1997 na Praza de Catalunya no 125 aniversario dos tranvías.
Septembro de 2000 , Praza da Universidade. Xornadas da Mobilidade.
25 de febreiro de 2006, visita de varias asociacións á cocheira Triangle. O 102 estaba exposto en lugar preferente.
15 de septembro de 2006, participa no centenario dos buses de Barcelona.
25 de novembro de 2006. Portas abertas en Fabra y Coats.
15 de avril de 2007, cerimonia de peche da cocheira Lutxana. Este foi o derradeiro acto social do 102. Era o seu sino. Ó longo da súa vida sempre lhe tocou de ficar de último, apagar a luz e pechar a porta. Será este o final daquel 102? Coido que non, eu confío nel; é un supervivinte. Xa o estou vendo rexurdir das propias cinzas como a ave Fénix e volver a rodar polas rúas do mundo, aquí ou nas antípodas. Ou pode que nalgunha vila espanhola pero antes teremos que acabar con este rexime feudal de séculos, de servos e senhores, eternamente saturado de corrupción e incompetencia. Cando tódalas urbes do planeta recuperen o transporte urbano eléctrico, (non lhes queda outra) os nosos mandatarios aínda pasarán uns 50 anos a pensalo. Quen dixo aquilo de " que buén vasallo si oviese buén senor!" tinha máis razón ca un santo. O trolebús eléctrico é un medio de locomoción que se adiantou ó seu tempo. Pola contra, os nosos mandaricas seguen arrastando un século de atraso.
Sei, por fidedignas fontes, que unha noite un vixilante facía ronda nocturna no tenebroso baixo das cocheiras Triangle e que ó pasar á altura do 102 oiu un lene ruído dentro del. O home entrou alumándoo todo ca súa lanterna e non viu nada. De súpeto guindou a lanterna e saltou do trole correndo desesperado ó longo do hangar petando cos pés no cu. Atopáronno dalí a pouco presa dun ataque de nervios e trataron de acalmalo:
- Pero, que che pasou? Viches algo?
- Ver non vin nada pero, tras de min, oín dicir: "Sigue Granha; estamos completos"
Algunhas notas:
O triste e inxusto final do transporte público limpo en Espanha resúmese nesta peza do refraneiro castelán: "Entre todos la mataron y ella sola se murió". Eis a cuestión.
En Clot del Moro, concelho de Castellar de n'Hug, Barcelona, aínda debe haber ( se non lhe botaron terra encima) un cemiterio de trens apodrecidos. Eis o verdadeiro museo do transporte barcelonés.
Disponho de dúas fotos do trole 610 de Barcelona (supostamente o 102) na forma orixinal de dous pisos e xa reformado a un. Pendentes de confirmación.
Recomendo, a quen interese o tema, un libro imprescindible que, ademais, aporta datos e fotos dos Tranvías de Vigo. Trátase de: Pontevedra-Vigo Tranvías e trolebuses (1889 - 1989), do historiador carbalhés Xoán Fraga Rodríguez
Non sei como nin onde se pode conseguir. O meu foi agasalho da minha filha María, neta do cobrador H. Peón, hai como vinte anos. Citarei unha frase desta obra, verbas que eu suscribo plenamente: "Estes trolebuses de cor branca e numerados do1 ó 6, comezaron o servizo o 15 de decembro de 1943 entre Pontevedra e Marín, un traxecto de 8 km. nunha rota preciosa pola ría (por Molhabao, Pontemuínhos, Pastora, Praceres, Estribela, Cantodarea...) ata que chegou a barbarie celulósica".
Fermosísimos topónimos, algún esquecido (Pastora) e algún outro usurpado ( Pontemuínhos )
A todos os que me axudaron e aturaron (en especial a minha Lidia), grazas de corazón.