Tribuna Viva
Denuncias de violencia de xénero
A asociación Si, hai saída alerta sobre as tráxicas consecuencias da falta de seguemento e da incorrecta valoración do risco en moitas denuncias de violencia de xénero.
Desde a asociación Si, hai saída desexamos alertar e lembrar, unha vez mais, as tráxicas e irremediables consecuencias que pode provocar, e de feito provoca, a falta de seguemento de moitas das denuncias presentadas por mulleres vítimas de violencia de xénero, e que, en non poucos casos, é debida a minimización do temor que a muller di sentir e a falta, porén, da protección que precisaría.
Os últimos crimes machistas, cometidos en poucas horas, no que unha muller en Úbeda, outra en Maracena e dúas nenas en Castellón foron salvaxemente asasinadas son a tremenda ratificación da nosa denuncia.
A muller asasinada en Úbeda, así como a nai das nenas acoiteladas polo seu pai en Castellón presentaron denuncias por malos tratos, e en ningún dos dous casos se contou coa protección pertinente.
No caso de Castellón, o risco foi valorado como baixo, o que deixa claro o que moitas veces repetimos. Un programa informático, por moito que sexa creado por especialistas, non pode detectar, con unhas preguntas xenéricas, o factor humano, os sentementos, a rabia, nin a maldade do maltratador.
Nunca, e repetimos, nunca, o factor humano pode ser relegado ou ignorado.
É imprescindible que se escoite a muller, que é quen realmente coñece ao agresor, e que non se lle reste importancia a súa alarma, algo que case nunca se está a facer.
Hoxe, dúas nenas foron salvaxemente asasinadas porque as súas vidas, como tantas outras, foron confiadas a un programa informático.
Tampouco as chamadas de auxilio de Saraima, a muller asasinada en Úbeda, foron escoitadas, e o seu caso foi desestimado.
Pouco mais se pode engadir.
De nada serven eses protocolos que agora se afanan en activar para axudar aos seus fillos, nin os minutos de silencio. Nada diso vaille devolver a vida.
Por eso, desde a asociación Si, hai saída demandamos a revisión urxente do proceso de atención as vítimas de violencia de xénero cando acuden a denunciar, así como dos criterios de selección do persoal designado para tal función, criterio nos que prime, como non pode ser menos, a sensibilidade, a humanidade, e a empatía, sen ter en conta tan só outros méritos que non garanten para nada os anteriores, imprescindibles e case sempre esquecidos.
Obstinarse, por parte de cantos teñen a potestade de tomar estas medidas, en seguir expoñendo as vidas de mulleres e menores e permitindo que sexan segadas, con un sistema que está mais que demostrado que non funciona é, nin mais nin menos, un xeito mais de maltratar e de matar.
Marta Rodríguez Engroba.
Asociación Si, hai saída