Pedro J. Peón Estévez
A odisea do trole 102 (I)
I - TEP (Tranvía Eléctrico de Pontevedra)
Tenho fronte de min unha secuencia composta por tres fotos históricas. A primeira delas contén a imaxe dun trolebús parado na estrada Pontevedra - Marín ante a entrada das cocheiras. Sobre el, a complexa catenaria que o surte da necesaria enerxía eléctrica que, a través de dúas pértigas (trole), acada o motor que o impulsa. Esa linha está sostida por arcadas metálicas, ancladas en columnas de formigón de sección H, con perforacións redondas como a que asoma pola dereita da foto. É finais dos oitenta e xa está rematado o acceso á AP9 desde a avenida Beiramar ó nó de Salcedo e que pode verse como fondo da imaxe. Xusto nese lugar, o tal acceso ten unha ponte sobre a estrada a Marín e que a costrinhe de xeito irracional impedindo calquera futura ampliación da vía. O trole é o 102, dos chamados valencianos, na súa derradeira viaxe. Na súa traseira pódese ver a publicidade da difunta Caixa de Aforros de Pontevedra promocionando as "revolucionarias" tarxetas de creto (o que deron en chamar dinheiro de plástico). O conductor manipula o atrapatroles dispóndose a efectuar a operación seguinte baixo a atenta olhada do inspector (o senhor Manuel Solla, coido). Na seguinte imaxe, o chófer procede ó cambio de linha soltando as pértigas da xeral para conectalas na que conduce ás cocheiras...por certo; este lugar chamouse Cocheiras desde que existe a empresa dos tranvías. Espero que se conserve o nome e non se perda, como outros moitos topónimos, pola desidia dalgúns. Volvendo ó trole, o inspector observa desde o carril esquerdo en previsión de posibles accidentes. A terceira e definitiva imaxe é o trole 102 entrando en terreos da empresa tras abandoar a estrada xeral. Vai canso de rodar por media Espanha pero aínda lhe agardan alguhas aventuras, malia que el nin o sospeite. Quen queira que fora o que colgou esta imaxe nas redes superpúxolhe a frase seguinte: "31 - 8 - 1989, EL TROLE 102 ENTRA EN LAS COCHERAS DE MOLLABAO POR ÚLTIMA VEZ, ! Y NADIE VOLVIÓ A SABER DE EL!" Isto non é de todo certo; nin as cocheras estaban en Mollabao nin... pero recuemos un pouco no tempo.
Eu aparecín en agosto de 1950 na minha pequena Gandarela a escasos douscentos metros das cocheiras dos troles. Nacín a domicilio, na casinha de planta baixa que levantaran os meus pais non había moito sendo eu o terceiro filho de cinco. A parcela era do meu avó paterno Xosé e a terra do desmonte foi formar parte da explanada das cocheiras. Non foi esa a única relación que tivemos ca empresa, tamén recibíamos a corrente dela pero pagabámoslha á Fenosa. E iso non era todo; o primeiro trabalho do meu pai trala guerra foi erguendo a Escola Naval de Marín e despois exerceu de cobrador de troles toda a vida. A xente chamábalhe Peón "O dos troles" e a el non lhe parecía mal. A empresa TEP componhíana as naves de talheres, as oficinas e a central (eléctrica) e todas formaban parte do meu hábitat e o do meu can o Quico. Unha vez, algúnha besta tiroulhe un ferro e traspasoulhe unha coxa pero era moi sofrido e valente e axinha curou...mais nunca esqueceu ó seu agresor. Coido saber quen foi, pero xa tanto ten. Xa lhe debe ter pedido contas o Quico no alén, onde os dous levan xa moito tempo. Daquela o xérente era don Sebastián Fabelo Mariño a quen o persoal apodaba "Cabasa" porque era careco total. Para os tempos que corrían, con tanto abusón malaostia, don Sebastián era unha boísima persoa e un xefe moi considerado, segundo o meu velho. Nunha ocasión cacheino agochado entre uns ramalhos nunha das minhas andainas pola xunqueira e díxome: "Hai ahí unos señores, si te preguntan por mi dile que no me has visto".
Mais adiante vin unha xente paseando pola explanada. Ninguén me preguntou nada e funme á casa. Cando lho contei a meu pai, dixo : "Si home; eran os accionistas e Cabasa seica tinha as contas sen facer". Aínda tardei anos en atoparlhes senso a aquelas palabras.
Lembro axudar ó velho a contar a recadación polas noites cas minhas hirmás. Había que contar e empaquetar as chicas e patacóns, reais e realilhos, pesetas e de dúas cincuenta. Iso as moedas pois pesetas en papel había moitas diferentes e de peso, cinco pesos, de vintecinco, cincuenta, cen, de cincocentas raras veces e de mil, aínda máis raras. El contaba os bilhetes vendidos e botaba contas e, se as contas cadraban, daba por rematada a tarefa.
Nesta altura, quixera lembrar a alguns trabalhadores dos TEP, e digo algúns porque todos non me van acordar, polo que pido perdón se alguén se sente molestado. Na oficinas recordo ó xerente, o devandito Sebastián Fabelo, tamén a Antonio de le Peña, a Víctor Mercadillo e ó senhor Apolinar. Dos inspectores lembro ó sr. Servando, Dapena (máis conhecido polo carinhoso apodo de Satán), o meu aprezado Xosé Freixeiro, Millán e Manuel Solla. Cobradores-as lembro a Ana, Lourdes Cancela, Blanca, Crespo, Herminio Peón, Andrés e Ricardo (irmáns Patoula), Couso, Venerando, Guede, Sanmartín.....Conductores foron Vilaboa, Jorge Carrera, os dous Mouriños, os dous Dapena, Hermida e o inesquecible Graña. E como non quero cansar a ninguén, vou pasar de corrido polo persoal de talheres e que me perdoen todos mailos seus descendentes: Germán, Sito, Plácido, Otero, Manolo Patoula, Antonio Agulla, Adolfo, Herundino, Helio, Fermín (pai e filho), Canosa, Paco Pastora, José e Severino González Ferreiro, Antonio Lamoso, Piñón, Vilariño, Malvar. Todos foron bos, todos importantes, uns grandes profesionais como xa non hai agora. Había moitos máis pero estes son os que eu lembro arestora e tinha que citalos porque, máis adiante, cando fale de obras, reparacións, reformas, adaptacións etc. de vehículos chegados de medio mundo nun estado lamentable para formar con eles un servicio moderno, cómodo, saudabre e ecolóxico, quero que saiban que todo se debe ó esforzo desta xente que venho de nomear e doutros e outras coma eles e elas. Todo o tema electrónico estaba a cargo do técnico e profesor senhor García.
O transporte público de viaxeiros comeza a finais do século XlX (1889 ) e o último trole retirouse o 31-08-1989. Total, un século de existencia de tranvías e troles nas linhas de Pontevedra a Lérez e Marín. Cen anos de historia da TEP e os seus tranvías e troles que remataron no mais patético abandono en aras do "progreso?" achegado por modernos, bruideiros e contaminantes autocarros.
Antes de proseguir, permítanme que lhes conte algo relacionado con este tema, non sexa que me esqueza. Hai unha gándara (xunqueira) que linda coas cocheiras e as leiras da casa onde eu nacín. Nese humidal, noutrora criadeiro de aves acuáticas e hábitat dunha nutrida fauna menor, tódalas noites de verán cantaba un coro de miles de ras que, ademais, papaban milheiros de mosquitos para sorte nosa. Parte dese espazo foi recheado con terra para fecer o acceso á AP9 desde a avenida a Marín ata Salcedo. A mesma empresa que fixo o vieiro deixou unha ñexplanada a carón e unha canle de formigón que, partindo das cocheiras da Unión, baixaba ate a xunqueira. Ninguén de nós conhecía, nin de lonxe, a razón de tales obras.Pero a cacicaxe si, coma sempre. Un día as ras calaron de súpeto e eu achegueime por mor de ver a causa. Sobre as augas de todo o humedal flotaba unha película veteada de cores. Os de transportes a Unión verteran bidóns e bidóns, centos e centos de litros de aceite de motor usado pola devandita canle...e non pasou nada! Na explanada xurdiu, como por encanto, unha planta electrica de grandes proporcións que foi moi celebrada pola asociación Pontemuínhos. Como que era para procesar a corrente das turbinas da celulosa, a súa ama! Se ve que dentro do recinto fabril estorbaba ou era perigosa. Foi máis doado empaquetárnola a nós...total, xa estabamos fodidos...
Desde 1889 ata 1924 circulou pola estrada de Marín un tranvía arrastrado por unha locomotora a vapor. Tenho ante min unha foto do enxenho circulando pola curva da galería en Praceres no medio de grande espectación e coa igrexa ó fondo. Chegaba o progreso tras daquela "nosa senhora de ferro, que diría o gran Curros. Pero...ai!...112 anos despois outro tren veu arruinar a vida da parroquia. E aí seguen os pasos a nivel, condenados en sentencia firme do Supremo sen que ningún mandarica os retire para burla e escarnio dos sofridos vecinhos que tanto loitaron contra eles. Contan daquel primitivo tranvía, que ía caminhando pola estrada de Marín o noso ilustre vecinho Montero Ríos e, chegado o tren á súa altura, dilhe o conductor:
- Sube usted, don Eugenio?
E respondeulhe o outro:
- No, que hoy llevo prisa.
Foi en1924 cando realmente naceu o Tranvía Eléctrico de Pontevedra coa súa flota de vehículos que deixaron tantas e tantas imaxes entranhables na Boa Vila...pero sigamos cos trolebuses. Aparecen en 1943, son seis unidades apodados "Chinos" pois o seu primeiro destino era a cidade chinesa de Cantón. Foran carrozados sobre bastidores Leyland pola empres bilbaína Seida. Estaban pintados totalmente de branco e numerados do 1 ao 6. Neles comezou a exercer o meu pai de cobrador e neles fun eu á escola, primeiro á de dona Carmen Viñas en Mollabao -da man da minha irmá Marucha- e despois a Marín ó Grupo e ó Instituto Laboral sen pagar ren polas viaxes, grazas ó meu pase escolar de familiar de empregado. Os Chinos foron bendecidos por "Sifó", o cura de Lourizán, que era un padre en todo o amplo sentido da palabra. Don Xosé Silva (Sifó) fixo tres cousas salientables na súa vida: bautismar os troles; bautismarme a min sete anos despois e, dez anos máis tarde, bautismar á celulosa. Eis o seu palmarés. Ser bautizado por "Sifó" sempre foi un grao en Lourizán. Os troles tamén transportaban mercadurías ocasionalmente. Lembro que, nos días de feira, enganchábanlhe un remolque onde levaban mesmo ovelhas e porquinhos pois os carrilhos de un cabalo do Manco e "Paquinho o dos pés grandes" non daban abasto.
Viaxeiros asiduos e carismáticos dos troles eran, como non, o gran John Balan (Manuel Outeda) o home orquestra de Seixo. Algúns recitais de trole tiven a sorte de seguirlhe en riguroso directo. Entre os seus grandes éxitos recordo Dos gardenias; No te sueltes la melena; Release me, do gran Engelbert Humperdinck, como el dicía; Amor secreto ( única versión en Espanha desta sintonía de novela radiofónica e, a que máis me gustaba: El Dongo-Dongo. Amén dun sinfín de parodias e películas de corte surrealista que el mesmo guionizaba e interpretaba. Non se pode entender o trole sen John Balan. Tamén lembro a Juanitinho o anano de Estribela e Danielito o dos Praceres (ambos integrantes da mítica comparsa Xarángalho Mángalho de Marín), Luciano o da lotería (ai que mexo por min!), o mestre Repolo da Canhota ( que nos ponhía á última en swing e rithim and blues no trole da unha da manhá), Ismael e Patata, peixeiras, "capulhos" etc. Todos eles respectables e recordados con sincero afecto. Tamén, con máis proximidade, os meus ilustres vecinhos dona Concha Boulhosa pintora, profesora de arte en Pontevedra e outro pintor: o xenial Carlos Sobrino. A outro nivel, non quero esquecerme de Paleo, un rapaz dos Praceres que tinha por diversión entrar de súpeto no trole e berrar: "Como están ustedes!?" chimpándose fóra antes de se pecharen as portas. O malo foi que un chófer, que estaba moi farto del e xa o esperaba, pechoulhe a porta cazándoo dentro. Total, que o conductor foise onda el e meteulhe unhas morradas. Santo remedio; Paleo non volveu repetir a graza.
Eran abondo curiosos os pequenos carteis fixados en diferentes puntos do trolebús. Había un asento de tres prazas instalado nun lateral en sentido lonxitudinal e próximo á plataforma traseira cun letreirinho que rezaba: "asiento reservado para mutilados de guerra". Nel podía sentar quen quixer a non ser que aparecese algún mutilado de guerra, entón era obrigado cederlho pois tinha prioridade. Nunca vin ningún deses mutilados. Otros carteis dicían: "prohibido hablar con el conductor","no fumar ni escupir en el coche" ou "no cruce por detrás de este vehículo; puede ser atropellado por otro que usted no ve". A este último non lhe facía eu moito caso ata que outro trole que vinha da vila estivo a piques de matarme en Molhabao ao pé da escola.
O devandito acceso da AP9 levouse por diante a casa de Germán Méndez, o xefe de talheres e boa parte do terreo da empresa. A entrada antiga das cocheiras facía unha suave curva abeirada de frondosas amoreiras pola banda de Pontevedra. Cando as amoras estaban ben cumpridas, ténhome regalado boas afartas das que pilhaba no chan. O senhor Servando colhía follas verdes destas árbores para alimentar os seus vermes da seda. Daquela eu pensaba que os tales vermes tecían panos e gravatas. Pola banda de cara a Marín había un enorme depósito cilíndrico de auga sostido a grande altura por catro columnas perforadas iguais ás do tendido eléctrico. Tamén había unha cancha de tenis feita nos tempos da Unión e onde xogaba o xerenteToranzo e os seus amigotes.
Contaba o meu irmán Minucho, nacido no 40, que sobre a explanada das cocheiras había, antes de eu nacer, grandes medas de lenha recubertas con terra que ardían lentamente nunha sorte de combustión semi-afogada para produciren carbón vexetal que, polo visto, se empregaba nos gasóxenos, uns aparatosos enxenhos acoplados ós carros para paliar a crise enerxética da posguerra causada polo bloqueo internacional ó réxime fascista de Franco. Autocarros provistos destes cachifallos circularon provisionalmente nos primeiros corenta por mor do adoquinado da estrada e o levantamento das vías do tranvía. Moi logo serían substituídos polos "chinos", que en 1957 se verían reforzados por tres novas unidades construídas nos talheres da propia empresa e numerados 7-8-9. Con eles TEP adoptou a cor crema na metade superior e azul na inferior e que ficou como parte da súa marca ata a fin.
Pronto chegarían os sesenta e, con eles, dous feitos que ían conmocionar a tranquila vila de Marín: a rodaxe de Botón de Ancla en Color cos celebérrimos músicos o Dúo Dinámico, ídolos incuestionables da xuventude daquela e... por certo; creo lembrar que un trole tamén sae nesta película. O outro acontecemento, non menos impactante, é o desembarco dunha partida de troles BUT Q1 da London Transport no muelhe de Marín no medio dunha nutrida expectación. Pero ese será material da próxima entrega.