Marta Rodríguez Engroba
A verdadeira implicación vívese... ou non
Se para o equipo de Si, hai saída a inactividade é un concepto que nos resulta, se non descoñecido, si bastante alleo a nós, a semana que remata foi o exemplo máis palpable disto.
Desde a pasada fin de semana, na que xa mesmo o Domingo se requeriu a nosa axuda, o ritmo foi totalmente frenético, e o certo é que tivemos, e estamos a ter, que facer verdadeiros malabarismos para tentar chegar a todo.
Isto provocou que, nos poucos momentos que puiden atopar para tomarme un pequeno respiro, reflexionara sobre dous aspectos moi significativos que esta situación evidenciou.
O primeiro, o máis preocupante e perigoso, é que algo moi grave está a pasar no eido da violencia de xénero.
É obvio que algo se está a facer moi mal, ou, non está, polo menos a funcionar, como penso que deixa ben claro o número de mulleres, cada vez maior, que acuden a Si, hai saída solicitando a nosa axuda.
Certamente, como nos di moita xente, inflúe o feito de que, algo máis de catro anos despois dos nosos comezos, somos un pouco máis coñecidas, pero, aínda así, non podemos obviar que un número considerable desas mulleres que se achegan a nós o fan despois de ter tentado saír da súa situación polos cauces recomendados, é dicir, denunciando, pasando polo posterior proceso xudicial, tentando acceder as axudas pertinentes, etc, etc, e que non obtendo resultado algún, e, ainda por riba, sentíndose en non poucas ocasións totalmente desprotexidas, o mesmo que os seus fillos, indefensas, cuestionadas, non cridas ou directamente cullpabilizadas pola súa desgraza, recorren a nós como a derradeira opción, iso no mellor dos casos, porque non é difícil sacar disto a conclusión de que moitas desistirán de continuar adiante, e mesmo algunhas, véndose sen recursos para saír adiante elas e os seus fillos, optarán pola peor das alternativas, unha alternativa que pode ser a súa sentenza de morte, pero que, e isto é tremendo, é a única e a que as aboca, ademais, un sistema que di protexelas, pero que lles da as costas, preocupándose tan só de aparentar que fan, o que repercutirá, obviamente, no seu peto e no seu estatus profesional e social.
Por outra banda, ante uns días de tan intenso traballo no que teño que confesar que cheguei, algún deles, ata a esquecerme de xantar, así, como soa, non puiden evitar escoitar por enésima vez a tanto "psicólogo", e, sobre todo, "psicóloga", afeccionados, iso si, que, unha vez máis se encargaron, sen que ninguén lles preguntara, dito sexa de paso, de "diagnosticarme"que o meu non é vida, que teño que poñer límites, votar o freo, etc, etc, etc.
E digo eu, ademais do feito obvio e do que non semellan decatarse, de que non lles pedín opinión, comezo a estar moi farta de que identifiquen o meu traballo en violencia de xénero cun sacrificio e a considerarme pouco menos que unha frustrada que utilizo este recurso para paliar as miñas "pantasmas", porque non teño outro aliciente na miña vida.
Pois ben, desde aquí quero aproveitar para dicirlles a todos e todas eses "gurús" que non "sufran" tanto por min, non hai motivo.
Efectivamente, a miña implicación, como a de todas as miñas compañeiras que integramos o equipo de Si, hai saída, vai moito máis alá da sinxela palabrería e de saír nas fotos, algo que resulta evidente que non é o noso modus operandi.
A nosa prioridade é axudar as vítimas da violencia machista que acuden a nós, e foi unha tarefa que acometimos con coherencia, e sabendo moi ben o que estabamos a iniciar. Ou se está ou non.
Isto non é sinónimo, malia que moitos pensen o contrario, de mulleres amargadas, fanáticas, ou sen vida propia, algo que fago extensivo, como digo, a todas as miñas compañeiras.
Todas temos vida, cada unha ao seu xeito, obviamente, e no meu caso concreto, por ser a cabeza máis visible do noso colectivo e porque semella que hai quen pensa que o feito de ter sido maltratada me convertiu nunha especie de "iluminada" que non penso en nada máis que non sexa a violencia de xénero, sen coñecerme, iso sí, direilles, para a súa tranquilidade, non vaia ser que non durman pola miña causa, que lamento decepcionalos, pero son unha persoa moi normal, a que lle encanta saír, divertirse, ter vida social... vamos, o que ven sendo, insisto, unha persoa normal, como ben saben os que me coñecen polo míudo.
E máis, teño que recoñecer que ás veces, cando saio da casa, son das que non teño presa por voltar... o que lamento ao día seguinte!.
Cando me metín nesta loita, o fixen moi conscientemente, sabendo onde me metía e as esixencias que implicaba, pero, tal como xa intuía, e co paso do tempo, afirmo rotundamente, o faría de novo unha e mil veces.
Non lles dá a cabeciña para pensar que se estou nisto é porque me fai feliz, porque me enche e, por suposto, porque quero? Ninguén me obriga, e se un día chego á conclusión de que xa non podo ou non desexo seguir adiante (algo que dubido moito, a verdade), pois porei punto e final e a outra cousa.
Eu non teño a culpa de que a maioría da xente que tanto fala non atope nada que os mova, que os encha, pero, ainda así, os respecto, e se son felices, por exemplo, tomando o sol toda a fin de semana, ou pensando no novo coche que van mercar e que ten que ser máis grande e máis potente que o do veciño, pois mira que ben… a min que me importa!.
Esta xente, curiosamente, é da que, na barra do bar, di estar moi implicada e condenan a violencia machista nuns "ataques de concienciación" que duran o que dura a caña que están tomando.
Dito doutro xeito, e a todos eles llo dedico, a verdadeira implicación se vive, de corazón... ou non!.
Así de sinxelo.
Asociación Si, hai saída