Marta Rodríguez Engroba
Por que axudades a que nos maten?
Moi pouco ou nada se pode dicir da semana que remata.
A min, polo menos, non me saen as verbas. Soamente son quen de sentir moita carraxe, moita dor e moita tristura.
Tres mulleres asasinadas por mor da violencia machista, dúas en menos de vintecatro horas, algo que xa non é raro, nin insólito.
Xa forma parte do noso día a día. Xa case non conmove e cada vez é menos o tempo e o espazo que se lle dedica. Chegará u momento no que pasará practicamente desapercibido.
O único que non muda é a parafernalia "post asesinato", que se repite con todos e cada un destes crimes. Minutos de silencio, condeas cariacontecidas dos nosos políticos, verbas prometendo medidas que nunca chegan, ou que, de chegar a aplicarse, é obvio que non están a funcionar, e así unha e outra vez, nun macabro bucle que vai deixando cadáveres tras de sí.
Teño que confesar que xa non entendo nada.
Non son quen de comprender esa obstinada teimosía dos nosos políticos en aplicar iso ao que tan pomposamente chaman medidas, solucións, e que ante a evidencia máis tráxica de que son totalmente inútiles, insisten unha e outra vez en continuar levándoas adiante.
Dín que lles preocupa a violencia de xénero, que están a traballar para combatila, pero, nun máis que evidente afán de sacar proveito dela, algo que se traduce, entre outras cousas, en apetecibles postos de traballo para quen eles teñen de man, para os "seus", ignoran por completo a base na que, por puro sentido común, debería asentarse esa presunta loita contra a violencia machista que dín estar levando a cabo: Escoitar as vítimas, as persoas que compartimos con elas a súa dor, o seu terror, a súa impotencia.
Non se pode pretender xestionar unha lacra que xa adquiriu tales dimensións desde os despachos, despachos ocupados por persoas, en non poucos casos, que posiblemente teñan moita formación, ninguén o dubida, e moitos títulos para colgar nas paredes que xustifiquen a súa presenza , pero ningún coñecemento da realidade das mulleres, das súas crianzas, que están a convivir co horror cada día.
É indecente utilizar os asasinatos de mulleres, de nenas e nenos, porque non esquezamos que a violencia de xénero tamén se cobra a vida de moitos deles, como unha ferramenta política, porque de todos é sabido que, habilmente utilizada, pode ser moi beneficiosa para os políticos de turno.
Como indecente é tamén tomarnos por idiotas e repetirnos, cada vez que a violencia machista se cobra unha vítima máis, o mesmo "mantra" co que pretenden convencernos de que nos van a salvar.
O dixen moitas veces e non me cansarei de repetilo. Somos vítimas, non idiotas.
Non poden chegar a imaxinarse nin por un segundo como nos fan sentir cada vez que escoitamos esas solucíóns máxicas que nos prometen diante das cámaras, dos micrófonos, que non teñen nada que ver coa nosa realidade, que deixan en evidencia que non lles preocupamos en absoluto, que a súa prioridade é trepar, acadar postos importantes e ben remunerados para eles e os seus acólitos, mentras as nosas vidas, as vidas dos nosos fillos, continúan sen valer un céntimo.
Mulleres e nenos en perigo e desprotexidos, atención as veces algo máis que cuestionable cando acuden a denunciar,leis algo máis que laxas que permiten aos maltratadores pouco menos que campar as súas anchas, axudas para tentar refacer as súas vidas que se demoran infinitamente ou, nalgúns casos, non chegan, e un longo etcétera, son sistemáticamente ignorados e substituidos por discursos grandilocuentes, pero totalmente baleiros, falsos.
É que non se decatan do que están a facer? Non se decatan de que están contribuindo a que nos maten?
Por iso, porque tendo nas súas mans as ferramentas non digo para erradicar a violencia de xénero, porque esa sería unha utopía, pero si para tentar ir paliándoa, e optando, pola contra, en seguir facendo algo que a todas luces non funciona, eu lles pregunto aos políticos, as institucións, por que axudades a que nos maten?
Porque, por se non o tedes claro, iso é o que estades a facer: axudar a que nos maten.
Agardo que algún día me respondan,
Asociación Si, hai saída