Marta Rodríguez Engroba
Cantos minutos merece a vida dunha muller?
Dous minutos e medio escasos foi o total do tempo dedicado, entre dúas canles de televisión, nos telexornais, ao dobre asesinato machista cometido en Zaragoza o pasado Xoves..
Un home asasina a súa parella e a súa nai, e unha das canles dedícalle un minuto e a outra escaso minuto e medio.
En ámbolos casos se deu conta deste crime practicamente ao remate dos telexornais, antepoñendo mesmo os sucesos acontecidos no estranxeiro, e, por suposto, faltaría máis!, os avatares políticos do noso pais, porque entre o debate dos lazos amarelos e o sinvivir de non saber como están as relacións entre Soraya e Casado, por poñer dous exemplos, que importancia ten que dúas mulleres máis sexan asesinadas, máxime cando isto xa é algo habitual, ao que non paga a pena dedicarlle demasiado tempo nin espazo?.
Especialmente chamativo me resultou este feito nunha das canles que, cada ano, cando se achega o vintecinco de Novembro, día da eliminación da violencia sobre a muller, e durante meses, nos agasalla coa emisión dun programa no que recrea a historia de mulleres que foron vítimas de violencia de xénero, e nos que intervén un amplo elenco de todos os actores que supostamente tiveron un papel destacado na historia, desde a propia vítima, ata algún policía, pasando por letrados, psicólogos, etc. Mesmo familiares e amigos, que, agás contadísimas excepcións, e malia ser coñecedores do inferno que estaba a vivir a muller, non moveron un dedo para axudala ou dar, polo menos, a voz de alarma, nin pensaron, remotamente, en presentar unha denuncia, pero que, curiosamente, non teñen nin o menor reparo en contar todo canto calaron en moitos casos durante anos diante dunha cámara, e con unha soltura, ademais, que a min, que ainda a día de hoxe, despois de anos tratando con mulleres maltratadas, me deixa abraiada, porque confeso que eu non son quen de evitar que me conmovan ata o máis fondo e me custe manter a compostura cando escoito as mulleres que acuden a Si, hai saída relatar o seu sufrimento e as situacións tan desgarradoras que elas e, en moitas ocasións, os seus fillos, están a vivir.
Non entendo como quen viu como a súa filla, súa nai, súa amiga ou calquera outra muller que lle toca moi de preto, é quen de contalo como quen fala da película que viu a pasada noite, diante dunha cámara e menos ainda entendo que teñan a osadía de dicir que o medo lles impedíu presentar unha denuncia, pero que, pola contra, se presten encantados a acudir a un programa de televisión que, admitámolo, para ben ou para mal, ten audiencia..
Mención aparte merece o panorama que se lles dibuxa neste programa ás mulleres que están a ser maltratadas, e ao que xa me teño referido nalgunha ocasión.
Fálase de polcías que as acollen con todo o agarimo do mundo cando se deciden a presentar a denuncia, dunha posterior protección case blindada, chegando mesmo algunha a manifestar que leva máis dun ano con dous policías que son a súa sombra as vintecatro horas do día, de xuices que, sen dubidalo nin por un segundo, dictan ordes de afastamento a discreción, e de recuperacións milagrosas de mulleres que pasan do inferno máis absoluto a unha vida plena e satisfactoria nun tempo récord.
Ogallá isto fora sempre así, pero, por desgraza, cando, en ocasións, unha muller que está considerando a posibilidade de tentar escapar do seu calvario, alentada pola perspectiva que un programa destas características lle xenera, acude, co tremendo e case sobrehumano esforzo que isto implica para elas, a denunciar e se atopan de bruzos con unha realidade, que non responde en absoluto as expectativas que se lle presentaron, o máis frecuente e que recondideren a súa decisión e que mesmo desistan de continuar adiante.
Todo isto que estou a relatar non fai, na miña opinión, máis que evidenciar, o desolador do panorama en canto a loita contra a violencia de xénero no noso pais, e digo loita porque dalgún xeito hai que denominar a este teatro, márketing, ou como se lle queira chamar, malia que, no fondo, eu teño moi claro cal é o seu verdadeiro nome: Mentira.
Que o asesinato de dúas mulleres non sexa, polo visto, algo suficientemente grave como para non ocupar moito máis dun minuto das noticias é claramente significativo e evidencia o "interés" que existe en España por erradicar un feminicidio que vai a máis cada día.
Vivimos nun pais de pandereta, nos guste ou non admitilo, no que nos importa máis asistir as leas entre os políticos enzarzados en demostrar, e perdoádeme a expresión, quen a ten máis longa, as pelexas por demostrar quen é máis fanático, que non e o mesmo que ter conviccións, ollo, que os asasinatos das mulleres, agás, claro está, que falar deles, ou facer que se fai, principalmente en datas moi concretas, implique beneficios. Nese caso, ben paga a pena finxir por unhos poucos días que somos persoas superimplicadas e con unha concienciación digna de destacar.
Din que o fin xustifica os medios….malia que falemos de vidas!.
Asociación Si, hai saída