Marta Rodríguez Engroba
Para vós, desprezables maltratadores, asasinos de mulleres; e para vós, que chamades loita ao que non é máis que postureo
Desexaría ter, polo menos unha vez na miña vida, a oportunidade de dirixirme a todos e cada un de vós, maltratadores, asasinos de mulleres, seres desprezables, crueles, que non merecedes nin o aire que respirades, cara a cara, mirándovos aos ollos, algo do que dubido que sexades quen, porque a auténtica realidade é que a vosa ruindade, ademais da maldade máis atroz, agocha unha cobardía infinita, esa cobardía que non vos deixa soster a mirada.
Sei que non será posible. Por iso vouno facer desde aquí.
Non vou redundar no que xa todos sabemos: Que calquera alimaña é mais digna de respecto que vós. De feito, estou segura de que é o que se daría por suposto, pero, mirade por onde, non é así.
Pola contra, e por moi raro que poida soar, a miña mensaxe é outra ben diferente.
Quero dicirvos que non temades, estade tranquilos, porque podedes seguir agredindo, humillando, e mesmo asasinando, sen o menor problema, sen que ninguén vos impida continuar coa vosa barbarie.
Estou segura de que o sabedes de sobra, de que vos decatades de que, por moito que se diga que se está a loitar contra vós, para que a xustiza vos castigue como merecedes, a realidade e bén distinta.
É mais, é unha gran mentira. Unha mentira firmemente baseada e asentada no postureo descarado de quen dí abandeirar e apoiar a causa contra vós, pero que, na realidade, en non poucos casos, soamente buscan deixarse ver, aparecer nesas fotos que case todo o mundo verá, e o que pase a partir de aí, as mulleres, ou quen sabe se tamén os nenos e nenas aos que se lles arrebate a vida, serán o de menos. A prioridade, o que importa, é o beneficio acadado, ou que se pode chegar a acadar.
Porque concordaredes conmigo, desprezables maltratadores, en que a quen, coma vos, é quen de matar sen o menor titubeo, nada lle importa o rexeitamento que din sentir cara vós quen se coloca detrás dunha pancarta, quen le un manifesto ou quen lles aplaude e, moito menos, vos disuade de seguir asasinando.
Tal vez ao comezo, cando estas accións eran algo novo, chegastes a sentir un certo temor, ou polo menos a dúbida, de que algo se estaba a mover, pero axiña vos quedou ben claro que os vosos recelos eran infundados. Que eran tan só balas de fogueo, de ruido, sen máis, e que non se trataba, nin de lonxe, do que se pretendía vender, de que a finalidade perseguida non era loitar contra a violencia de xénero, nin moito menos axudar as súas vítimas, senón unha especie de xeito de promocionarse, habilmente disfrazado, iso si, de altruismo, de empatía, e mesmo de feminismo, malia que dun feminismo un tanto peculiar, do que, ou es como quen o impón, ou, automaticamente pasas a ser declarada xa non sospeitosa, senón directamente culpable, sobre todo si, como no meu caso, manifestas abertamente que non vas contribuir a fomentar a súa mentira, porque a min, como a tantas mulleres que sufriron ou están a sufrir na súa pel o azoute da violencia machista, ou que teñen preto de si a alguén por cuxa vida temen cada día, se nos abren as carnes ante tal espectáculo.
E aínda máis nos doe ver como son quen de enganar a xente de bo corazón, xente que crendo na verdade do que predican, apoian o que xa resulta obvio que non da resultado algún para o que din defender.
Por iso tamén me gustaría preguntarvos a vós, cabezas visibles destes minutos de silencio, destes actos que decides de repulsa, que é o que esperades conseguir repetindo unha e outra vez o que xa está máis que demostrado que non produce nin o máis mínimo efecto.
De verdade pretendedes facernos crer que aínda tedes o convencemento de que os, por desgraza, cada vez máis frecuentes minutos de silencio son algo efectivo para loitar contra a violencia de xénero? Que avances se conseguiron grazas a estes actos?
Xa sei que diredes que é un xeito de visibilizar esta lacra. Moi ben. E que, xa está?. Iso é todo?
Ata aí chega a vosa loita?.
Cústame crer que teñades enriba un despiste de tal calibre que aínda non saibades que a loita contra a violencia de xénero é un traballo de cada día, un traballo que, para levalo adiante, precisa empaparse da realidade das mulleres, das nenas e nenos que están a sufrila, ou, mellor dito, de compartila, de entendela e de acompañalos no duro camiño para deixala atrás.
Que é preciso chamar as portas indicadas, e falar cara a cara, esixindo realidades, sen apoiarse en tópicos que soan moi ben, pero que nada aportan e menos aínda arranxan.
Que saír á rúa, berrar, esixir xustiza, está moi ben, pero que nunca, e repito, nunca se pode pretender sustituír con isto un traballo ineludible, un traballo que non pode ser flor dun só día e que non se pode aparcar ou volver a recoller según conveña... ou según en que datas.
Se me permitides unha opinión, errades na base, que é escoitar a quen de verdade vive a realidade da violencia de xénero: as vítimas e a quen traballa con elas, e que, cando isto ocorre, cando non se escoita as únicas que coñecen toda a verdade, hai que ter moito coidado, moita prudencia, coas mensaxes que se lanzan, que poden inducir a erros e a tomar, porén, nalgún caso, decisións equivocadas que poden ter consecuencias fatais.
Para vós, o contacto coa violencia de xénero remata coa lectura do manifesto. Para quen a sufre, non remata nunca.
Teño que confesarvos que moitas veces non podo evitar pensar que o voso non é descoñecemento. Que, pola contra, sabedes moi ben o que estades a facer e o levades a cabo moi conscientemente: Facervos moi visibles con moi pouco esforzo.
Sei que non podo meter a todo o mundo no mesmo saco, e non é esa a miña intención, pero creo que, a estas alturas, afortunadamente, moita xente comeza xa a decatarse de que non é ouro todo o que reluce, de que hai moitos intereses que se tentan camuflar e se fan pasar por altruismo e implicación.
Comezan, en definitiva, a ser conscientes de que o que moitas veces se denomina loita, non é mais que postureo.
Así de sinxelo e así de lamentable.
Asociación Si, hai saída