Marta Rodríguez Engroba
Orzamentos duplicados... axuda duplicada?
Esta semana iniciouse coa nova de que os orzamentos para os concellos contra violencia machista serán duplicados, así como tamén lles serán restituidas competencias que o anterior executivo lles quitara, e que redundarán, din, nunha atención directa e mellor as vítimas de violencia de xénero.
Din tamén que estos orzamentos se empregarán en accións destinadas a prevención e ao seguemento das vítimas en todo o proceso, incluido o acompañamento a hora de denunciar, xuizos, etc, etc.
O anuncio desta medida, ademais dunha medalla na solapa para o novo goberno, é moi celebrada en xeral por todos os colectivos feministas, ou eso dín polo menos aos medios de comunicación.
E é aquí onde eu xa non teño ningunha dúbida do que veño dicindo hai moito tempo, especialmente desde que me embarquei no traballo contra a violencia de xénero: Estou neste mundo porque ten que haber de todo, pero desde logo, ou son moi rara, ou teño unha especie de teimudez conxénita que me fai ir sempre contra corrente. Non hai outra.
Explícome.
Non é que eu non me alegre por este aumento dos orzamentos, por suposto que si, e son precisos, iso é de sentido común, pero, francamente, de como serán empregados, teño as miñas dúbidas, polo menos nalgúns concellos, non digo en todos, por suposto, e estou pola contra, segura doutros efectos derivados deste aumento dos que me gustaría estar errada , pero que me temo que, mais tarde ou mais cedo, acabarán por facerse evidentes, o que non quere decir que sexan recoñecidos.
Unha vez mais semella que case todo o relacionado coa violencia machista se amaña a golpe de talonario, e, se ben, insisto, os recursos económicos son moi importantes, no o é menos o factor humano, todo o contrario, é fundamental, e, en non poucas ocasións, ao abeiro destos presupostos, e de telos en conta en absoluto, se lles encomendan moitas destas máis que delicadas tarefas a persoas escollidas con quen sabe que criterios, malia que tampouco é tan difícil intuílos, pero que, desde logo, nada teñen que ver coa sensibilidade que require o trato con persoas que están nun estado máis que vulnerable.
Por que digo isto?.
É moi sinxelo, e non creo que estea a descubrir a pólvora.
Se algo teño claro e que, ademais das vítimas, e isto dando por sentado que elas si o farán, moita xente se vai beneficiar destes orzamentos.
Teño a completa seguridade de que, ao abeiro dese seguemento, desa atención persoalizada que din que van recibir as mulleres vítimas da violencia machista, se vai a ocupar máis dun despacho.
Como tampouco dubido que máis dun amigo, cuñada, ou máis ben amiga ou cuñada, que hai que dar exemplo e demostrar que se está pola igualdade, terá a súa oportunidade de ouro para ocupar esa cadeira que tanto tempo levaban desexando, e que por fin está aí, agardando ser ocupada por alguien que, se non cumpre os requisitos que serían precisos, tampouco pasa nada, xa se adaptará o posto a ela ou a el, e sempre pode xustificarse a súa adxudicación con iso de que "ten unha gran formación", ou empregando ese termo ás veces tan ambiguo de "técnico", que ninguén sabe case nunca qué significa, pero que, en según en que eidos, ninguén pregunta.
Eu respecto as túas contratacións, ti respectas as miñas. Eu calo, ti calas.
Todos contentos.
Tampouco a algún que outro colectivo, ou polo menos a algunha das súas integrantes, lles vai vir nada mal esta conxuntura, e esa constancia, a base de horas de pancartas e fotos, diante dos concellos e ben pegadiñas a quen é algo,que terá , por fin, a súa recompensa.
Estou convencida de que máis dunha antisistema, desas que o condean, pero non teñen reparo en vivir del, pechará os seus ideais nun caixón e, despois tirarán a chave, ante a perspectiva dun posto deses dos que renegaban de boca para fóra , pero polo sinxelo feito de que non eran elas as que o ocupaban.
Tampouco teño claro se cando estos orzamentos sexan postos a disposición dos concellos, estes considerarán a posibilidade de prescindir desas persoas que, malia estar exercendo unha labor para a que claramente non valen, e deixando patente que o trato con mulleres maltratadas non soamente non é o seu, senón que fan mais mal que ben, pero que, en moitos casos, semellan estar "blindadas" e nin todas as barbaridades que poidan cometer abondan para que deixen de martirizar a quen está vivindo un inferno, e atopa outro cando lles pide axuda.
Me temo que seguirán inamobibles no seu sitio, ao que prefiro non saber como nin por que chegaron, e que aínda se lles procurará mais lucemento, porque haberá mais medios para maquillar a realidade. Dito doutro xeito, seguirán cobrando, mesmo máis que antes, por contribuír a maltratalas.
Como tamén seguiremos sendo unhas auténticas, e perdoádeme a expresión, "moscas cojoneras", as que estamos a facer, e pensamos seguir facendo sen cobrar, unha considerable parte do traballo polo que elas se levan unha boa nómina cada mes.
Un traballo ao que non podemos dedicarlle a xornada laboral ao cen por cen, como nos gustaría, porque temos que sobrevivir, polo que cada unha de nós traballa no que pode, e o noso labor en violencia de xénero é, e creo que queda claro, por convicción, non por interese, pero, claro, non gusta que isto se evidencie.
Que os orzamentos aumenten é unha boa nova, sen dúbida.
De como van ser empregados e quen vai saír máis beneficiado deles, diso, francamente, teño as miñas dúbidas e grandes.
Pero, xa se sabe, eu son así de rara…..Serán cousas miñas!
Asociación Si, hai saída