Marta Rodríguez Engroba
Prezados maltratadores, pregamos se absteñan de agredir ata setembro. Pechamos por vacacións
Co mes de xullo xa asomando pola porta, e cando xa moitas maletas están feitas agardando o momento de emprender viaxe, para Si, hai saída comezan uns meses que foron, inicialmente, cando comezamos o noso traballo hai uns anos, de preocupación , ata chegar a ser, na actualidade, de franca e, por desgraza, fundada alarma.
Comeza o período vacacional, e os que deberían ser unhos meses de lecer, sobre todo para os máis pequenos, xa que nos adultos as obrigas laborais mandan, rematan moitas veces por convertirse non xa en fonte de problemas, senón nun auténtico polvorín que pode estalar cando menos se agarda, provocando resultados moitas veces tráxicos.
Por una banda, a obrigada convivencia que as vacacións impoñen en parellas que, malia estar a manter unha relación conflitiva, continúan, por unha ou outra razón, xuntos, e compartindo teito, e que o resto do ano manteñen máis ou menos agochadas as súas diferencias, xa que o case frenético ritmo de vida que, como a maioría, levan, fai que practicamente non coincidan agás para durmir, e ás veces nin siquera iso, son o caldo de cultivo perfecto para que a tormenta estale, sacando a superfice todo o lixo acumulado e, porén, a agresividade contida ata ese momento con máis ou menos éxito, sen esquecer, ademais, a eses membros da familia que se engaden a "festa" e que, con mellor ou peor intención, ou sinxelamente por descoñecemento, alimentan, cos seus "sabios consellos" e actitudes non sempre conciliadoras, a bomba que leva tanto tempo latexando e que remata por estalar mais tarde ou mais cedo, e quen sabe con que resultado.
Por outra banda, cando se trata de parellas que xa romperon, polo menos "oficialmente", o seu vínculo, e se deu, ademais, unha situación de violencia de xénero, no caso de ter nenos, o reparto das vacacións, o intercambio destes, e todo o que conleva, e mesmo os conflictos polo destino vacacional elixido por cada proxenitor, fan, en non poucas ocasións, que a situación vaia dexenerando e tornándose máis e máis violenta, ata culminar, ás veces, nos terribles resultados que todos coñecemos.
Esta é unha constante que se repite cada ano. Non é nada novo, nin nada que non se poida previr, e precisamente iso, a prevención, esa prevención da que tanto se fala, que tanto se usa como ferramenta para esgrimir nos medios de comunicación, diante dos micrófonos, dunha cámara, ou mesmo portando unha pancarta ou liderando unha manifestanción ou un deses minutos de silencio que tan ben quedan e que dan moito lucemento e ningún traballo,e a que nin se planifica, nin se ten siquera na máis mínima consideración, malia que non hai nin un só verán que non nos deixe pegadas de sangue no que a violencia machista atinxe, cobrándose as vidas non soamente de mulleres, senón tamén de menores.
Comisarías baixo mínimos, e practicamente sen persoal especializado durante o verán, polo menos durante unha gran parte do seu horario, Xulgados en idénticas condicións, o mesmo que hospitais, centros de saúde, etc, etc, etc, fan prácticamente inexistentes unha atención e unha protección as vítimas xa de por si bastante cuestionables o resto do ano, e que as deixan, a elas e aos seus fillos, nunha situación de evidente risco e de case total indefensión.
Tampouco os que ata poucos días antes berraban na rúa denunciando unhas deficiencias que non se molestaron xamais en comprobar in situ, e esixindo uns medios que lles importan moi pouco, pero que hai que reivindicar porque lles vai de maravilla para deixarse ver, se van tomar a molestia nin de comprobar o que está a acontecer, nin moito menos de votar unha man a ningunha desas mulleres ás que tanto din defender e loitar polos seus dereitos… pero sen pasarse, que as vacacións son sagradas!.
E así verán tras verán, ano tras ano. Igual da que cada un sexa máis tráxico que o anterior.
E que ninguén me interprete mal, por favor. Obviamente, todos temos dereito ao noso descanso e ao noso tempo de lecer, pero previndo, tentando arranxar os fallos que xa están sobradamente detectados e identificados, pero que ninguén semella ter interés en arranxar, por moitas vidas que isto custe.
Así as cousas, durante o verán, para as mulleres que se atopen nesta situación, como para os seus fillos, a única alternativa é, semella, encomendarse a aquel ou aquilo no que crean, na confianza de que lles axude a sobrevivir ao verán, ou xa, tirando de ironía, ou case de humor negro, apelar aos propios maltratadores, e pregarlles que se absteñan de agredir ou asasinar ata Setembro, porque pechamos por vacacións!
Lamentable, intolerable e tráxico.
Asociación Si, hai saída