Tribuna Viva
Manifesto en Defensa do Parque e do Lago de Castiñeiras
É coñecido o deterioro en que se atopa o parque de Castiñeiras desde fai anos debido ao abandono institucional. A imaxe deste entorno hoxe é de silvas e balados polo chan, falta de coidados das árbores e, o máis preocupante, coa lagoa perdendo auga en tempo de seca.
Fai un días varias asociacións e comunidades de montes de Marín e Vilaboa decidimos conformar unha plataforma en defensa do parque de Castiñeiras, SOS CASTIÑEIRAS, e elaboramos un manifesto coa intención de sumar máis entidades e darlle a volta a esta situación.
MANIFESTO EN DEFENSA DO PARQUE E DO LAGO DE CASTIÑEIRAS
As entidades abaixo asinantes, sensibilizadas e comprometidas coa situación de deterioro e abandono que sofre o Parque e o Lago de Castiñeiras, un enclave que ata fai uns anos era unha referencia desde o punto de vista ambiental, turístico e de lecer, diríxense á opinión pública para
DENUNCIAR:
1. O deterioro do parque vai cada vez a máis, o que está a provocar unha mala imaxe do conxunto e as queixas das persoas que se achegar ao lugar. As principais mostras deste abandono son as seguintes:
- a) Falta de coidado e de tratamento do xardín botánico e das zonas arboradas. Non se fan podas, nin tratamentos silvícolas nin retirada de árbores danadas ou secas.
- b) A lagoa artificial, o elemento máis emblemático do parque, presenta un estado lamentábel nos períodos de seca porque non se fan traballos de mantemento nin se reparan as fendas do muro.
- c) O valado de madeira que rodea a área do parque está deteriorado e en moitas zonas está derrubado no chan ou non existe.
- d) Unha senda de terra que se arranxou o ano pasado ten varios puntos en mal estado pola acción das chuvias e as escorrentías.
- e) O mobiliario está deteriorado e en mal estado.
- f) Os baños públicos non se poden utilizar por falta de mantemento e limpeza
- h) Deficiente sinalización tanto nos accesos como no propio parque.
Por outra parte, nos terreos do parque existe unha importante área arqueolóxica formada por un conxunto de mámoas que precisa tamén de mantemento, limpeza e promoción.
2. Que a Xunta está a incumprir o convenio asinado no 2001 coa comunidade de montes de Vilaboa, con 30 anos de vixencia, que obriga á administración autonómica a desenvolver un plan anual de actuación nas máis de 20 hectáreas conveniadas. Esta situación foi comunicada pola comunidade de montes en repetidas ocasións, sen que haxa ningunha resposta por parte da consellaría de medio ambiente.
No caso das comunidades de montes de San Tomé e San Xulián, a Xunta de Galiza desentendeuse e non lle deu continuidade ao convenio que estivo en vigor ata o ano 2013.
3. Que esta situación de deterioro, declive e abandono vaise ver acrecentada polo traslado ao concello de Cotobade do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre que ata agora estaba situado no parque de Castiñeiras, en terreos da comunidade de montes de San Xián (concello de Marín).
En consecuencia co anterior,
DEMANDAN
- Que a Xunta de Galiza desenvolva un plan de actuación para a conservación, o mantemento, a limpeza e a promoción do parque forestal de Castiñeiras e para frear o deterioro e o abandono que sofre este espazo de grande valor paisaxístico, pedagóxico, cultural e de lecer. Este plan desenvolverase en colaboración cos concellos, a deputación provincial e as comunidades de montes, e terá como obxectivo frear o deterioro e abandono que sofre o parque e conseguir que recupere o esplendor que tivo no pasado, cando era lugar de visita, encontro, educación ambiental e lecer para miles de visitantes.
- A conservación, mantemento e reparación da lagoa artificial, por ser a imaxe recoñecíbel e símbolo do espazo.
- A recuperación e potenciación das actividades de educación ambiental que se viñan desenvolvemento no parque.
- O desenvolvemento de medidas complementarias de conservación, posta en valor e promoción dos conxunto arqueolóxico e do roteiro das mámoas do Morrazo, un itinerario de 7 km que conecta a Mámoa do Rei en Castiñeiras con Chan da Arquiña en Domaio. E tamén a conexión de Castiñeiras co Espazo Cultural e Natural dos Sete Camiños, nas parroquias de Salcedo, Lourizán e San Xulián.
Asemade, ACORDAN
- Constituírse en Plataforma en Defensa do Lago e do Parque de Castiñeiras.
- Crear unha comisión coordinadora integrada por representantes das comunidades de montes e doutros colectivos.
- Desenvolver unha campaña reivindicativa, de sensibilización e defensa do parque e do lago de Castiñeiras, baixo o lema SOS LAGO DE CASTIÑEIRAS!
- Solicitar entrevistas coa Xunta de Galiza e coas alcaldías dos concellos da contorna (e o apoio dos plenos municipais).
- Organizar un programa de actividades reivindicativas e de denuncia.
ANPA Ceip Seixo; Asociación Cultural Almuinha; Asociación Cultural Anxuíña; Asociación Cultural Ronsel de Seixo; Asociación pola Defensa da Ría APDR; Asociación Vai polo Río Gafos; Asociación Veciñal de Bertola; Asociación Veciñal O Tombo de Ardán; Asociación Veciñal Postemirón Graña; Asociación Veciñal Salcedo (Heroes do Campo da Porta); BNG de Marín; BNG de Vilaboa; Club Ciclista Marín; Club Pinarium; Colectivo Nacionalista de Marín; Comunidade de Montes de Salcedo; Comunidade de Montes de San Xulián; Comunidade de Montes de Santomé; Comunidade de Montes de Vilaboa; Laboratorio de experiencias ecosotenibles, LABECOS