Marta Rodríguez Engroba
Non abonda con matarnos, tamén se nos insulta
Catro mulleres asasinadas en menos dunha semana.
O mesmo da. Catro, cuarenta…..que máis ten?
É mais que obvio que nada mudou, nin vai mudar, incluídos os minutos de silencio e as concentracións, que tranquilizan moitas conciencias, sobre todo de cara a galería e principalmente para quen, non tendo nin a máis mínima intención de mover un dedo para comezar a loitar de verdade contra a violencia machista, acada o seu momento de gloria cun discurso coidadosamente preparado, sobre todo agora que o panorama político está nun momento idóneo para tentar coller posicións e quen sabe se algún futuro "chollo" e interesa deixarse ver e facerse escoitar, malia que ese discurso, como digo, coidadosamente preparado, sexa totalmente falso e baleiro.
Por se isto, que para min é unha total falta de respecto a tantas mulleres que perderon a vida por mor da violencia machista e as que están a sufrila, non abondara, temos que soportar que en certos medios de comunicación aparezan titulares como os publicados esta semana en relación co crime de O Porriño, no que ademais de contarnos, faltaba máis!,que o presunto (moi importante non esquecer nunca o de presunto!) asasino deixou unha nota pedindo perdón, que, nada, por suposto, facía presaxiar o acontecido e que era un home pacífico ao que ninguén temía, nin siquera a súa ex muller (imaxino que tamén pertencería a esa especie de asasinos dos que sempre se nos aclara que "sempre saudaba"), se nos aclara, e cito literalmente, "SE INVESTIGA SI ELLA PUDO DEFENDERSE".
Isto xa é… non sei nin como cualifícalo!.
Que pasa, que se ela tentou defenderse o delito é menos grave?- Ou é que a culpa foi dela por tentar salvar a súa vida? E que acaso, cando unha muller é ameazada de morte, para que a lei se aplique coa contundencia que compre e mesmo para ser crida, ten que ficar impasible e deixar que a maten?.
E que nin siquera despois de mortas, ou, mellor dito, de ser asasinadas, as vítimas da violencia machista deixamos de ser cuestionadas?
Eu non son, obviamente, experta en leis, nin me erixo en autoridade en materias que non coñezo, pero como cidadá de a pé, que tento, iso si, estar o máis informada posible, entre outras razóns porque é o único xeito, ademais do primeiro chanzo para tentar loitar contra as inxustizas, porque desde a absoluta ignorancia pouco ou nada se pode facer, agás desbarrar, algo que, lamentablemente é moi frecuente, ainda non coñezo ningún delito no que a vítima sexa obxecto de tantas humillantes dúbidas, cando non evidentes aldraxes, que no que atinxe a violencia de xénero.
Desde a propia contorna da muller, que, en non poucas ocasións non escatima eloxios hacia o presunto agresor, destacando a súa afabilidade, o seu comportamento intachable, como se deran por sentado que un maltratador ten que levar unha mensaxe tatuado na fronte que advirta da súa ruindade, pasando moitas veces por quen recolle a súa denuncia, se toma a dificilísima decisión de dar este paso, ata un penoso e case sempre longo proceso xudicial no que semella ser ela a xulgada, e ten que aturar que os aspectos mais íntimos da súa vida sexan diseccionados, e non soamente os relacionados co delito que é obxecto dese proceso, senón de todo o anterior e posterior. Pasadas ou novas relacións se as hai, a vida que fai, porque claro, unha muller que dí ser vítima ten a obriga de parecelo. Non se lle permite tentar respirar e facer o posible por normalizar unha vida marcada case sempre polo terror, nin se entende que, ademais de ser o seu dereito mais elemental, se convirte tamén no que probablemente sexa o seu único mecanismo de defensa para non afundirse total e definitivamente.
Pero o colmo dos despropósitos xa é dicir que se vai investigar se unha muller asasinada tentou defenderse.
Alguén me pode explicar a relevancia que pode ter que Magdalena, a muller asasinada en O Porriño, tentara ou non defenderse?
E que acaso, se o fixo, o seu asasino e menos criminal? Ou tal vez o seu crime estaría xustificado?
Do que non me cabe ningunha dúbida e que o sinxelo feito de plantexar esta cuestión é xa, en si mesmo, un insulto a todas as mulleres, e, principalmente, a todas as vítimas da violencia machista, como Magdalena neste caso.
Eu suxeriríalles a todos aqueles con competencias en tan "relevante" investigación que se tomaran a molestia, por exemplo, de averiguar por qué a violencia de xénero non deixa de medrar.
Se terá algo que ver que moitas veces non se tome en serio as mulleres cando denuncian, ou non se lles protexe como é preciso.
Que investiguen por que as leis, a xustiza, non son, nin de lonxe, aplicadas coa contundencia e a rigorosidade que un delito tan grave como atentar contra a vida das mulleres requeriría.
Que investiguen, que nos dean respostas, e, por suposto, que aporten solucións e que se fagan efectivas.
Investigacións como a que plantexa se a vítima se defendeu ou non para o único que sirven é para que ainda por riba de maltratarnos, de asesinarnos, as mulleres se nos insulte.
Un xeito mais de maltratar que engadir a lista.
Asociación Si, hai saída