Pedro J. Peón Estévez
Rock and Ría
Esa penha autodenominada "Galicia bilingüe" clama decote contra o suposto acoso que sofre o castelán por parte do galego pero nada di dos moitos anglicismos que contaminan a cotío o idioma patrio. Xa, pero pasa que hai unha diferencia sustancial: o inglés farda. É por iso que o título deste escrito é "Rock and Ría" parodiando aquel mítico "Rock and Ríos" e un é moi afeccionado a estes xogos de palabras que, traducidos ó galego venhen dicir Rocha e Ría.
As rochas que afloran no mar chámanse cons (en galego) mentres que os Cons (en francés) son os que soterraron as tales rochas e caminhan sobre elas en Lourizán. E non pasa ren. Postos a tirar de barbarismos, benvido sexa algún galicismo que outro.
A que vén esta pintoresca introducción? Pois vén a colación do eslogan "Debaixo da fábrica están as praias", moi ben traido pola Asociación pola Defensa Da Ría para a última (que non derradeira) marcha contra a celulosa, que foi moi secundada pese á excelencia climatolóxica e a coincidencia con outros eventos, caso do "Surfin' the Lérez" ( outro anglicismo )
Despois de avanzar uns dous quilómetros polo Muro de Contención da Celulosa (que non autovía) chegamos á fábrica, un dos máis salientables monumentos franquistas aínda por derrubar. Poucos cambios se viron desta. As forzas represoras que pagamos entre todos exercen de seguridade privada do enxendro. É a súa maneira de dicirnos que fan o que lhes sae da bragueta.
Tamén desta había panos ó clareo. Un rezaba: Cumprimos coa máis esixente lexislación ambiental. Porque ti o digas, barrigas. Botei a faltar as cominhas que lhe puxeron na prensa. Con elas, a mentira pasa por chiste. O outro pano dicía: Damos máis de 5000 empregos en Galicia. Dar, daban, pero non dan, e cada vez menos. E cando sexa térmica de biomasa, menos aínda. Olho ó can.
De calquera xeito, estes detalhes forman parte da rutina, do habitual. Mais, coma así, cheirábase algo novo no ambiente:
Non había tipos encaramados no alto dos tanques insultándosnos e tirándonos fotos. Nin un só. Non axexaban polas xanelas nin estaban tra-los gardas olhando de esguelho. Que foi daquelas olhadas de odio de outrora? Que foi daquel rinchar de dentes? Boto en falta as "peinetas" e cortes de mangas desde as alturas. Estaremos a perder efectividade?
Moi logo me decatei do que estaba a pasar. Elnosa pecha ( en parte grazas a que o seu meirande cliente deixouna tirada, despois de tela enaxenado hai tempo) E mentres o comité de empresa, manipulado por Pedrosa, se entretinha en tocarlhe as bólas ó alcalde maila APDR, a empresa redactaba cartas de despido para tutti cuanti. Todos, agás o comité, viámolo vir.
E así se explica o elocuente silencio celulósico. Caerían da burra por fin?
Nunha farola da Ferraría hai un cartel colocado a baixa altura que botou alí días e días sen que ninguén lhe tocase. Ai tempos aqueles en que os arrincaban, tapaban e ata botaban pancartas abaixo! e agora nin ameazas, nin agresións, nin insultos... que está a pasar?
Seica os tempos son chegados. O Gran Conseguidor, o Felón Nongrato foi chimpado, Elnosa vaise e os celulosos, vendo o color que vai tomando o asunto, aplícanse o famoso refrán:
"Cando as barbas do vecinho vexas afeitar, pon as túas a remolhar..."