Tribuna Viva
25 anos de 'Ben veñas, maio', por Manuel Lourenzo González
Comezara a década dos 90, superada mal que ben a Transición e coa Autonomía en marcha con plenas competencias en materia de Educación, coa Lei de Normalización Lingüística acabada de aprobar, e aínda a Xunta de Galicia non dera máis que tímidos pasos para contrarrestar a secular postergación do galego nos centros de ensino. Os Equipos de Normalización Lingüística eran un dos elementos máis significativos da acción galeguizadora, sempre con precariedade de medios en contraste co entusiasmo e traballo xeneroso dos seus responsábeis. Por outra banda, tampouco os poderes públicos afrontaran a organización do necesario labor de formación do profesorado nun tempo en que se requiría unha actualización global dos modelos e métodos da ensinanza. Neste ámbito, eran os propios profesores e profesoras os que se autoorganizaban nos chamados Movementos de Renovación Pedagóxica, como a Asociación Socio Pedagóxica Galega ou Escola Viva, para compartiren experiencias, coñecer novos enfoques pedagóxicos, propoñer proxectos e avanzar no proceso normalizador do galego.
É neste contexto onde xorde en Pontevedra, da man dun grupo de profesoras/es de Secundaria vinculados aos Movementos de Renovación Pedagóxica e constituídos como Coordinadora dos Equipos de Normalización Lingüística (Victoria Ogando, Pilar Herráiz, Luís Bará, Patricia Puime, Vicente Rodríguez e máis eu), a iniciativa de organizar unha serie de actividades nas que participase conxuntamente o alumnado de todos os institutos públicos da cidade. Chamóuselle "Ben veñas, maio", nome tomado das cantigas afonsinas que festexan o rexurdir cíclico da vida en cada primavera. No primeiro curso, 1992-93, convocouse un concurso de narración e unhas xornadas de teatro para os diferentes grupos en activo; ao ano seguinte incorporouse o concurso de banda deseñada; posteriormente, fóronse engadindo o de música, o de poesía e o de fotografía; e aínda no curso pasado comezou un certame de curtametraxes. E así chegamos ao actual curso 2017-18, cando se fan os 25 anos desde aquel animoso comezo do "Ben veñas, maio" e constatamos que nas súas actividades seguen a participar, se cadra con máis intensidade, os nosos estudantes de Secundaria compartindo esforzos, creatividade e emocións.
Aínda que nas orixes non concorreron todos os institutos, cando aínda se diferenciaban os de Bacharelato e os de FP, na actualidade colaboran todos, co compromiso engadido de que a organización do evento recae cada ano na persoa responsábel do ENL dun centro distinto. Tendo en conta que se trata dun traballo complexo que require moita dedicación e que se realiza de xeito altruísta engadindo tempo propio ao da xornada escolar, e considerando ademais que nalgún caso os organizadores foron profesores provisionais, sen vinculación sólida co centro nin co proxecto, constitúe un mérito grandísimo que o "Ben veñas, maio" se mantivese vivo durante tantos anos, sen faltar nunca á súa cita e incluso aumentando o número de actividades e de participación. Aínda que coñecemos outras iniciativas semellantes levadas a cabo noutras vilas, e mesmo en Pontevedra houbera algún antecedente, hai que pensar que a súa duración e vixencia é un caso único en Galicia e moi probabelmente no Estado.
Cabe engadir que, mentres que nos comezos eramos os mesmos profesores os que, ademais de convocar os certames e ler os traballos para outorgar os premios, preparabamos os agasallos correspondentes a base de solicitar libros ás editoriais, nalgún momento pasamos a contar co goberno municipal para a provisión da dotación económica necesaria. Na actualidade mantense esa colaboración, ocupándose ademais o Servizo de Normalización Lingüística do Concello dos labores de comunicación pública das actividades e da infraestrutura dos actos escénicos. Con todo, da organización xeral seguen a encargarse os ENL co mesmo nivel de compromiso e esforzo ca o primeiro día.
A maiores, no presente curso anúnciase como novidade o ofrecemento do Concello de Pontevedra de gravar e publicar na rede as actuacións musicais, o que constituirá un acicate máis para animar o estudantado á participación.
Foron 25 anos de vizosa traxectoria, ao longo dos cales centenares de mozas e mozos escribiron contos e poemas, quizais as súas primeiras letras creativas, debuxaron páxinas de banda deseñada, fotografaron con intención artística, interpretaron teatro ou música, filmaron vídeos. Se navegamos por internet, particularmente por YouTube, atopamos bastantes mostras deste labor. Moitos deses estudantes, hoxe persoas adultas, continuaron a desenvolver a súa faceta artística, e entre eles podemos atopar nomes coñecidos; e sen dúbida, tanto estes coma os que abandonaron, gardan unha grata lembranza daquelas xornadas entusiastas da súa estapa escolar. No seu nome e no de todo o profesorado que se implicou, o grupo que o puxemos en marcha desexamos e auspiciamos, como pouco, outros 25 anos de "Ben veñas, maio" igual de vizosos e memorábeis.
Manuel Lourenzo González. Profesor e escritor