Marta Rodríguez Engroba
A realidade da muller maltratada, a gran descoñecida
Esta semana, que xa case remata, foi moi intensa para Si, hai saída.
Tivemos a fortuna de ser convidadas a facer algo que é, certamente, ademais de moi preciso, unhas das tarefas máis gratificantes no noso traballo na loita contra a violencia de xénero, que é a de impartir charlas e participar en xornadas e diversos actos de carácter divulgativo.
Estes días tivemos un pouco de todo, xa que estivemos, desde cos máis novos, nalgún centro de ensino, ata en xornadas organizadas por profesionais de diversos eidos, algo polo que estamos profundamente agradecidas, xa que cremos que isto quere dicir que, pouquiño a pouco, o noso traballo vai dando os seus froitos e que, polo menos, estamos a ser quen de demostrar que o noso é de verdade, que realmente cremos no que facemos, e que cada día temos máis motivos e máis forzas para continuar adiante…..malia que non falte quen prefiriría o contrario!. En fin, eses son "danos colaterais", pura anécdota.
De toda esta actividade, como non podía ser menos, sacamos varias conclusións, e hai dúas que me gustaría destacar.
A primeira, e esta é a que máis ledicia nos produce, é que, unha vez máis, puidemos constatar que é rotundamente falso que aos mozos e mozas non lles interese a violencia de xénero, e todo o que esta lacra conleva.
Foi, como sempre que acudimos a algún colexio ou instituto, enormemente gratificante, ver, non soamente a atención coa que nos escoitaron, senón como interactuaron con nós, como nos fixeron partícipes das súas reflexións, e teño que destacar como me impactaron as súas preguntas. Que ninguén me diga que a mocidade fica indiferente ante a violencia machista. Igual o que se debería facer é un exercicio de reflexión, ser sinceros, e admitir que igual somos nós, os adultos, os que non estamos pola labor de traballar con eles neste eido, porque, xa se sabe, do que non se fala, non existe. O mesmo dá que sexa evidente o repunte desta lacra entre os rapaces e que as agresións machistas comecen a unha idade cada vez máis temprana.
Preferimos ollar a outro lado e finxir que isto non vai con nós.
Eu, pola miña banda, parabenizo de corazón a todos estas rapazas e rapaces e non podo por menos que animalos a continuar de igual xeito e darnos así unha lección, a todos cantos deberíamos ser os seus referentes, e que, en non poucas ocasións, deixamos moito que desexar.
A segunda conclusión a que chegamos non foi, nin de lonxe, tan optimista.
Nunha xornada na que, como comentaba ao comezo deste artigo, tivemos a oportunidade de dirixirnos a un amplo aforo de profesionais, aos que, por certo, lles agradecemos a súa atención e o agarimo co que nos trataron, e na que falamos, obviamente, de violencia de xénero, pero dende unha óptica que tal vez non sempre se contemple, que é dende as experiencias da propia vítima, o seu doloroso día a día, non soamente mentras dura a relación co seu maltratador, senón tamén a partir do momento no que decide poñer fin ao seu inferno e interpoñer unha denuncia, e a cantidade de atrancos que atopan, e que as fai, en non poucas ocasións, desistir de seguir adiante.
Impresionounos profundamente ver os xestos de sorpresa que ían aparecendo nas súas caras cando lles relatábamoscomo estas mulleres a maioría das veces, nos conten o que nos conten, son cuestionadas, cando non case culpadas. Como se minimizan os motivos que as levan a denunciar, co tremendo esforzo que isto implica para elas, sobre todo cando o que as leva a esa comisaría é o maltrato psicolóxico, ese que é case invisible, que tanto animamos a denunciar, pero que case sempre queda impune, din que "por falta de probas", e a posterior desprotección para elas e para os seus fillos que isto implica, xa que, como todos sabemos, se non se detecta perigo, non se adopta medida algunha.
Non quedaron menos sorprendidos cando lles relatamos os seus problemas no eido laboral, tanto para tentar reintegrarse a el, normalmente despois dun longuísimo período de illamento imposto polo seu agresor, como para, en numerosos casos, conservar o seu emprego, malia esas facilidades que di a lei que se lles dá a estas mulleres, pero que na realidade quedan en mera teoría, porque non soamente non se teñen en conta as súas especiais e delicadas circunstancias, senón que factores como o absentismo polas consecuencias derivadas da súa situación (xuizos, diversos trámites, etc, etc) poden chegar a ser casusa de despido, despido que xa adoita consumarse sen ningún xénero de dúbida se, e isto non é raro que ocorra, a súa ex parella se presenta no centro de traballo montando un numeriño deses que aos elementos desa catadura se lles dá tan ben.
E así un longo etcétera de aspectos que fumos desgranando e que facían que os xestos de sorpresa foran en aumento.
Así as cousas, eu pregúntome, como se pretende loitar contra a violencia de xénero cando a realidade de quen a sufre, a estas alturas, é ainda prácticametne descoñecida?.
Como se pode permitir que a vida de tantas mulleres se poña nas mans de quen non ten nin a menor idea do que sinten, da súa dor, do desgarro que levan tan adentro, e, o peor de todo, en moitos casos nas mans de persoas as que non lles importa en absoluto, e para as que a atención ás vítimas de violencia machista é un trámite máis que lles garante un soldo cada mes, asegurarse unha cadeira nun despacho e mesmo facer méritos para que tanto ese soldo como ese despacho e poida que tamén o estatus laboral e social melloren notablemente?.
Non é de extrañar que a nos, as mulleres, nos sigan matando, porque ninguén nos escoita a nós, as que realmente podemos falar de violencia de xénero porque levamos as súas pegadas na nosa pel, na nosa alma.
A nosa parella, ou ex parella, é o executor material, sen dúbida, das agresións que sufrimos, pero o certo é que, por moito que se tente solapar, as mulleres están a matarnos entre todos, entre unha sociedade e o sistema, un sistema que, ás veces, presenta sospeitosos tintes de negocio, que ignoran a nosa realidade e a que tampoco amosan interés en concienciar… nin en concienciarse. Tal vez non sexa o mais conveniente para moitos.
Asociación Si, hai saída