Marta Rodríguez Engroba
Se isto é feminismo, que o paren, que quero baixar
Teño que confesar, cando comezo a escribir estas liñas, a miña ignorancia, seguramente gravísima, e admitir que descoñecía a existencia da persoa da que vou falar.
Estou a referirme a Nawal El Saadawi, médico, escritora e feminista de orixe exipcio, e case, polo que estou vendo, unha auténtica "gurú" no que atinxe a loita pola igualdade entre homes e mulleres, e de cuya existencia tiven noticia hai tan só uns días cando atopei, por casualidade, unha entrevista súa publicada nun xornal.
Vaia por diante, que quede claro, o meu respecto por esta señora, e pola súa traxectoria, tanto profesional como persoal, porque non é doado dixerir e superar atrocidades como a ablación xenital que sufriu de nena, ou que a súa familia tentase casala a forza, e, concordo con ela, por suposto, na imperiosa necesidade de acadar a igualdade entre homes e mulleres, pero a de verdade, non a aparente, tan só de cara a galería, pero que no fondo non fai senón agochar a situación de clara inferioridade e mesmo de abuso que, nunha sociedade ainda moi machista, as mulleres estamos a padecer.
Agora ben, o que xa non comparto en absoluto, e que, francamente xa está comezando a cabrearme, e perdoádeme a expresión, de verdade, son certas aseveracións que fai, e que teño a seguridade de que son compartidas por moitos e sobre todo por moitas, tales como, e cito textualmente, "La maternidad es una cárcel", ou "Las mujeres sacrifican sus vidas y su libertad por sus hijos".
Perdón? Falará por ela, e seguramente haberá moitas mulleres que o fixeron e que o están a facer, pero, por favor, Sra. Saadawi, non nos meta a todas no mesmo saco, nin faga das súas ideas, moi respectables, insisto, un dogma que ademais, no meu xuizo, vota polo chan unha das bases fundamentais do feminismo: a liberdade de cada muller a facer coa súa vida o que lle pete.
Non vou explicar por enésima vez que eu persigo, obviamente, a igualdade real entre homes e mulleres. E son nai.
Certamente, non compartín ese "cárcere", como ela define a maternidade, con ningún home, porque como todos os que me coñecen saben, tocoume criar a meu fillo soa prácticamente desde que naceu, e o fixen así, soa, precisamente porque fun quen de rachar certas cadeas nada saudables, ou, dito doutro xeito, porque así o decidín. Foi a miña opción.
Nunca, e repito, nunca, me sentín escrava da maternidade, nin do meu fillo, nin tampouco no cárcere. Todo o contrario.
Para min, ser nai foi o mellor que me aconteceu na vida, ademais dunha opción que escollín libremente, que ningún home me impuxo, do mesmo xeito que posteriormente decidín non ter mais fillos.
Obviamente, a crianza do meu fillo implicou tempo, reaxustes, e o cambio de certos hábitos ou costumes, pero en ningún momento sentín que estivera sacrificando a miña vida nin a miña liberdade a cambio de ser nai. Nin a miña vida profesional ou sentimental se viron lastradas en ningún momento pola existencia do meu fillo, malia que lóxicamente o tiña en conta, pero de ahí ao sacrificio media un treito ben grande.
Si que atopei lastres e paos nas rodas ao longo do camiño, claro que si, pero, curiosamente, eses lastres sempre partiron de persoas, en moitas ocasións, demasiadas, de mulleres, que coa súa actitude discriminatoria e intolerante, que, ou eres coma elas e te axustas aos seus parámetros e normas de pensamento e de vida, ou senón pasas a formar parte da lista das "non gratas",ou, e isto non é menos malo, das coitadiñas e débiles, manipuladas e sometidas, sen decatarse, ou non querendo decatarse, de que son elas, as que din exercer o feminismo e a igualdade exemplarizante, as que manipulan e tentan someter, e digo tentan, porque, afortunadamente, non sempre teñen éxito, as que desvirtúan o feminismo, e fan, de tan digna causa, un esperpento e un exemplo do despotismo e da intolerancia mais deleznable.
Mención aparte merece esa especie de mestura entre desprezo e conmiseración coa que este tipo de persoas se refiren e nos tratan as mulleres que somos nais. A min non se me ocorre nin remotamente cuestionar, ou ainda menos, faltarlle ao respecto nin descalificar a unha muller que decidiu non ter fillos. Acaso eso a convirte en alguien mellor ou peor que eu, que tomei outra opción? Un pouquiño de sensatez, por favor, e de coherencia!
Como me pode falar esta muller, e non é a única, de liberdade, cando tenta impoñer as súas "doctrinas" por riba de todo?
Afirma tamén Nawal El Sadawi "Debemos ser psicológimante independientes de nuestros hijos. Las madres hacen que los hijos sean dependientes de ellas, les imponen su autoridad, reproducen lo que padecen".
E dalle, mais do mesmo! Eu tiven un fillo, non un apéndice, nin unha persoa carente de criterio que circule pola vida supeditado polas miñas consignas, nin tampouco, por suposto, eu dependo psicolóxicamente del. Tentei edúcalo xustamente na liberdade e na autonomía, que eu defendo por riba de todo, e, humildemente, penso que acadamos un aceptable éxito, do que ambos nos sentimos orgullosos, claro que sí!
En definitiva, e xa para rematar, comezo a estar ata os mismísimos… "ideais" dese "pseudofeminismo" que semella condear sen piedade a cantas optamos por ser nais, un "pseudofeminismo" que si que constrúe cárceres e destrúe, pola contra, un dos bens mais importantes, ademais dun dereito para calquera persoa: a liberdade, así que, se o feminismo é así (ogallá non!), de verdade, que o paren, que eu quero baixar!
Asociación Si, hai saída