Tribuna Viva
Roubaron a ilusión dun neno
Hai uns días celebrouse o Día da Árbore na nosa parroquia de Cerponzóns. Con toda a ilusión do mundo uns cantos nenos e nenas acompañados dos seus familiares celebraron este día para que así, deste xeito, vaian aprendendo o valor da natureza, recordándolle o necesario que é para a nosa contorna e a nosa vida, ademais de que teñen que amala, coidala e respectala.
Para os máis pequenos foi unha sensación marabillosa, o achegarse deste xeito á natureza, que a sintan desta forma, que a experimenten, que a gocen, que a cheiren....
Foi o momento idóneo para que cada neno plantase a súa árbore e, desta forma, espertar neles a conciencia social para que se teña respecto e se coide da natureza. Deste xeito, facémoslle ver que lle devolvemos á natureza algo do moito que nos dá.
O plantar unha árbore significa moito máis que o acto en si de plantalo, non é só un símbolo, o que se intenta dar a entender aos máis pequenos é que están realizando unha gran obra: plantaron unha árbore, plantaron unha gran sombra o día de mañá, plantaron aire puro e limpo, plantaron a beleza dunha nova paisaxe o día de mañá.
E así foi como se lles deixou facer... o buraco, poñer a árbore, manipular a terra, regar, poñerlle o seu nome e así, deste xeito, cada certo tempo ir visitalo e contemplar como a súa árbore vai crecendo grazas ao seu traballo.
Un proxecto que contou coa organización da Comunidade de Montes, xunto á colaboración da Asociación de Veciños O Chedeiro e a Asociación Cultural Chan do Monte, un proxecto que cumpría o seu segundo ano de vida e que seguro lles encheu de ilusión e ensinaralles o valor do respecto de a natureza.
Pero....
Aos poucos días da plantación alguén quixo romper a ilusión posta por estes nenos, alguén que ao pasar polo lugar achegouse ao sitio e arrincou un destas árbores.
Arrincou a ilusión, arrincou ese momento de felicidade posto por ese neno cando plantou esa árbore, arrincou parte da nosa sombra, do noso aire, da nosa beleza paisaxista.....
Quizais alguén que chegue a ler este escrito viu como hai uns días no seu horto plantouse unha árbore...
Juan Jose Esperon
35284454 Q
Secretario da Asociación de Veciños 'O Chedeiro'