Tribuna Viva
A bipolaridade do BNG respecto dos traballadores públicos
Quero manifestar a miña opinión persoal sobre os distintos posicionamentos políticos que manifesta o Bloque Nacionalista Galego respecto dos traballadores públicos dependendo de si lle corresponde a este partido político adoptar solucións aos problemas ou non. É sinxelo de explicar, pero complicado de comprender, basta con botar unha ollada á páxina web desta formación e infórmannos con absoluta claridade do apoio que prestan ao comité de folga dos traballadores de Xustiza; como defenden e incluso fan súas as reivindicacións referentes á discriminación salarial con respecto de traballadores doutros territorios do Estado, aos inxustos descontos por incapacidade temporal, etc.
Este posicionamento do BNG páreceme loable e xusto ao igual que as reivindicacións laborais que están levando a cabo os traballadores dese colectivo pero sorpréndeme a contundencia das afirmacións vertidas por persoas influintes deste partido, coñecedoras da realidade no Concello de Pontevedra, onde tiveron e teñen a responsabilidade de gobernar e, por tanto, de xestionar tamén as condicións relativas ao persoal ao servizo deste Concello.
Dito esto, eu pregúntome, qué distintos somos os traballadores da Policía Local do Concello de Pontevedra qué non merecemos a equiparación salarial co resto de corpos de Policía Local das grandes cidades de Galicia? Por que os traballadores do Concello de Pontevedra teñen os mesmos descontos por incapacidade temporal que os traballadores de Xustiza e non fan nada por arranxalo? Por que temos o Alcalde que máis cobra das grandes cidades de Galicia e a Policía Local que menos cobra?
Quero novamente mostrar o meu apoio ás reivindicacións dos traballadores de Xustiza e a confianza en que logren as súas xustas demandas. Ao BNG un consello, menos predicar e póñanse ao carro, teñen a oportunidade de demostrar que eso que venden na súa web é certo e ao final, ao mellor, gañamos todos.
Funcionario da Policía Local de Pontevedra
Manuel Sánchez Pallares