Pedro J. Peón Estévez
Na lembranza de Antonio Malvar (Tucho)
Este pasado 26, un grupo de amigos achegámosnos á Barcia, unha fermosa aldeíña do concelho da Lama aninhada ó pé da aba de nacente do imponhente monte Seixo. Aquel belido recanto vén sendo o berce do río Verdugo e tamén da nosa benquerida Celia Cortizo, eterna companheira do noso Tucho, amigo leal e loitador infatigable a quen só a treidora e vengativa morte foi quen de o vencer despois de inmerecido e innecesario penar. Esa foi a razón da nosa presenza en tan apartado lugar: acompanhar ó noso Tucho na súa derradeira viaxe xunto con Celinha e os seus filhos e netos, vecinhos e amigos todos.
Se tiveramos quedefinir ó noso finado amigo, diríamos del que foi bo e xeneroso mais non ha faltar quen pense que ese é o recurrido tópico que sempre se aplica a quen morre: " que boínho era !" No caso de Tucho iso non é un cumprido. No seu caso é a pura verdade. Aínda hai ben pouco podiamos atopar a Tuco nun sinnúmero de actos reivindicativos: conferencias, asambleas, manifestacións etc. Alá onde se loitase pola paz e a liberdade, alá estaba Tucho e tanto lhe tinha se chovía ou se nevaba; el xamais falhou unha soa vez mentres a saúde lho permitiu, e mesmo xa falto de forzas por mor da devastadora enfirmidade, el facía por estar e sempre na companha da súa eterna Celia, a súa Lela, como lhe din os netos, sempre atenta, mimosa, namorada sempre...
Lela, Lela
Lelinha por quen eu morro,
quero mirarme
nas meninhas dos teus olhos... Seica lhe cantaba ca boca pequena.
Os que o conhecimos sabemos da súa loita sen acougo a esta e outra banda do Atlántico a fin de acadar unha vida honrada e digna. Todos sabemos do seu amor polo trabalho e a familia - a súa Celia e súa descendencia. Porque Tucho deixa tras de si semente selecta de primeira calidade como os filhos Ana, Fernando, Maruxa e os filhos dos filhos, eses Miguel, Álvaro, Antón, Xan, esas Maruxinha e Nora ou eses Roque e Nito para os que Tucho foi un AVÓ con maiúsculas, pois mentres tivo forzas, nunca deixou de armarlhe xogos, andainas, festas e toda sorte de actividades forxadoras do corpo e o espíritu. Que sorte a deses nenos e que sorte a de Gongo. Que quen é Gongo? Iso só a eles lhe importa.
Cando a persoa vai indo velha comeza a cuestionarse o sentido da vida. Ademais das eternas preguntas, quen somos? de onde vimos e a onde imos? a miúdo cavilamos encol da razón desta vida...se paga ou non a pena de trabalhar e padecer para logo desaparecer e que os nosos descendentes continúen este mesmo absurdo sen saber moi ben para que...Pois ben; Tucho atopou unha moi boa razón de exstir: loitar arreo por un mundo melhor para todos e deixar un grato recordo. E abofé que o logrou con creces!
Os amigos e amigas maiores de Tucho Malvar queremos agradecer ós vecinhos e familiares a súa amable acolhida naquela terra que el fixo súa pois era a patria pequena da sua amada Celia e onde a familia se xunta nos veráns para disfroitaren xuntos da aldea e da súa natureza case virxe.
Rematados os actos e tras unha breve olhada polo lugar, fixemos caminho de volta prometendo volver non tardando moito.
Os caminhantes que adoitan achegarse pola doce Barcia do Seixo, que saiban que no seu cemiterio novo descansa un home de ben chamado Tucho.
Entanto, nós baixamos cara a Pontevedra bordando o Seixo acompanhados polo Verdugo ate Ponte Caldelas. Alí o río partiu na procura da ría de Vigo e nós cara a Boa Vila.
Asinado:
Aída, Nené, Lidia, Xulio, Quique e Pedro