Manuel Pérez Lourido
Fariña calidade
Os galegos temos evolucionado tanto que, de cando en vez, chegamos a sentir orgullo por algo feito aquí. Refírome á acollida da serie "Fariña", de moda grazas, entre outras cousas, ao súbito espertar (o libro levaba un par de anos á venda) dun ex-alcalde ofendido. O caso é que a serie "Fariña" estalou nas pantallas e abriunos os ollos a unha realidade que deixamos a miúdo ás nosas costas: os galegos tamén podemos facer moi ben as cousas. Unha pontevedresa, Tareixa Fernández Valdés e o seu marido, o noiés Ramón Campos, están ao fronte da produtora Bambú (Velvet, Las chicas del cable, Tiempos de Guerra, Gran Hotel) que puxo en imaxes o que relatara o xornalista Nacho Carretero (A Coruña). Os principais actores de "Fariña" tamén son galegos, levan con nós toda a súa vida e semella que os descubrimos onte.
A acollida da serie na nosa terra inclúe un insólito deleite ao escoitar o acento dos personaxes, e isto inclúe aos actores de fóra da comunidade. De súpeto falar castelán con bo acento galego converteuse nunha virtude. É o primeiro chanzo para chegar a admirar o feito de falar galego. Con bo acento, iso si.
Cando desapareceu do mapa de Galicia o antes moi estendido nome de Paio porque se convertera nun sinónimo de habitante de Galicia en tempos nos que tivemos que emigrar a Andalucía, onde sufrimos a xenofobia de rigor e nos alcumaron como "paios", o que se fixo foi por en marcha ese autoodio característico noso, mestura de complexo e mala conciencia, que nos retratou durante séculos.
Xa son tempos de mudar, aínda que sexa a golpe de publicidade. Todos lembramos aqueles anos oitenta e os anuncios de "Galicia calidade" que, mentres facían abrir os ollos no resto do Estado, aquí preguntabamos de que Galicia se estaba a falar. Unha empresa galega de alimentación hai anos que rescatou a idea de poñer en valor os nosos costumes e cada anos nos agasalla cun anuncio reivindicativo (se cadra deberan cambiar de xeito para non aburrir). Agora son os narcos arousáns e as súas falcatruadas as que nos poñen no escaparate audiovisual.
Non deixa de ser unha mágoa o que "Fariña" está a presentar en última instancia e ata se corre o perigo de confundir a excelencia na representación co contido do representado, pero benvido sexa se conseguimos sacar peito por facer algo ben, en lugar de pedir desculpas.