Marta Rodríguez Engroba
Relacións tóxicas. O "agarimo" que vampiriza
Cando falamos de relación tóxicas, case de inmediato se nos ven a mente a imaxe dunha parella sentimental na que un dos seus membros "fagocita" literalmente ao outro, lentamente, día a día, ata chegar a provocar unha total dependencia.
Certamente, e por desgraza, esta é unha situación que se dá con demasiada frecuencia, pero non é soamente neste eido, no da parella, no que esto ocorre.
Amizades e familia poden, as veces, chegar a ser un terreo moi propicio para estas destrutivas relacións, que, de non poñer remedio, machacan psicoloxicamente a quen cae nas súas garras, que non entende moi ben o que lle está a pasar, non sendo, porén, quen de saír desta enfermiza relación.
Xeralmente, este tipo de vínculos comezan dun xeito totalmente normal e mesmo disfrazados de confianza e agarimo extremos.
Quen non se atopou con alguien, familiar, amigo, con quen semella ter unha especial conexión, en quen confias, que se preocupa por ti, e que te fai, a súa vez, partícipe das súas confidencias, das súas preocupacións, algo que non fai con niguén mais?
A priori, isto non é malo, todo o contrario, e unha relación así pode chegar a ser, ademais de moi gratificante, algo que perdure para sempre.
O problema xurde cando unha das dúas partes inicia un desequilibrio na balanza e chega un momento no que esixe bastante mais do que da.
Pouco a pouco comeza a acaparar mais e mais cada día o teu tempo e a túa atención. Segue confiando en ti, eso si, tanto que o "chorreo" de problemas e desgrazas que chega a verter sobre ti e continuo, mentras que o que a ti che sucede, as túas preocupacións, deixan prácticamente de existir, e a mínima atención que se lles presta é para dicirche que son tonterías, nada comparado co que eles ou elas están a pasar.
De súpeto, xa non compartides conversas, porque estas, co paso dos días, acaban por converterse nun monólogo sobre os seus problemas, o mal que o pasan e tamén sobre unha especie de confabulación do mundo en xeral na súa contra que fai que a súa vida sexa unha sucesión de problemas, de disgustos e malos momentos que che contan con todo luxo de detalles unha e outra vez, e ollo, non o fan no mesmo ton que antes, amigable e demostrando a confianza que teñen en ti, nin moito menos.
O que empregan nesta nova fase da vosa relación oscila entre o queixoso, mesmo próximo as bágoas, e o mais elevado, de reproche, como se tí tiveses nas túas mans a solución para todas as súas coitas e non estiveses pola labor de poñelas a súa disposición, impedíndolle recuperar esa ledicia que antes sentía e amosaba.
O peor é que, pouquiño a pouco, e a golpe de laios e exabruptos son quen de ir inoculando en ti a dúbida primeiro de non estar a prestarlles toda a axuda que precisan e o convencemento de que así é, unido a un cada vez maior sentemento de culpabilidade.
De nada serven cantos consellos lles des, nin canta axuda lles brindes, porque non van facer nada por mudar a súa situación. O único que van facer e continuar bombardeándote coas súas morbosas peroratas, que fan que cada vez que vos atopades, remates psicolóxicamente esgotado.
Tamén teñen días bos, claro que si, pero eses non van compartilos contigo. Para eses cambian de auditorio, co que amosan a súa cara máis alegre e amable derrochando sorrisos e ledicia.
Ti tés a obriga de ficar no "banquillo" ata que acumulen de novo o lixo dabondo para botarcho enriba, pero no momento que consideren oportuno, no que, obviamente, deberás estar disposto a correr raudo a escoitalos e a soportar as novas descargas de laios e improperios.
Calquera hora, calquera día son bos para chamarte, e sempre coa seguridade de que acudirás, e non soamente iso, senón que agardarás o tempo que sexa preciso, porque as citas que concertan contigo non van unidas precisamente á puntualidade. Iso queda reservado para os dos bos momentos. Ti agardarás o tempo que lles veña ben. O primeiro é o primeiro, e ao fin e ao cabo, teñen a seguridade de que ti sempre vas estar aí.
A cousa muda cando ti tés a "osadía" de tentar reclamar atención porque, por unha vez, es ti quen ten problemas e precisas falar.
Inútil agardar ser correspondido do mesmo xeito, Non teñen tempo e, ademais, as súas traxedias épicas precisan toda a atención. Non é cousa de perder o tempo coas túas tonterías, algo do que acaban por convencerte, e, unha vez máis, sínteste culpable. Como puideches ser tan egoísta?.
Tampouco agardes que acepten ser compartidos con outras amizades ou que dediques tempo a outras actividade alleas a eles. Non van manifestar abertamente que lles moleste, pero as súas críticas, e os comentarios máis ou menos maliciosos e tinguidos dun mal disimulado desprezo polo que fas, así como os xuizos sobre o resto de persoas coas que te relacionas, aos que, sen coñecer, condean, van facendo nacer en ti as dúbidas, porque, claro, se quen cho está a dicir é esa persoa que tanto te apreza, con toda seguridade está no certo e o único que quere é axudarche e facerche ver a realidade.
Ademais, se hai un momento no que podes estar seguro de que van reclamar a túa atención, é cando tes previsto algo que che gusta e che vai ocupar tempo. Non falla. Con toda seguridade lle vai xurdir algún dos seus "desaguisados emocionais" e ti deberás, unha vez máis, correr no seu auxilio, deixando de lado todo o alleo a súa persoa.
Tomar conciencia de que estamos atrapados nunha relación tóxica non é doado. É como caer nunha tela de araña na que te vas enredando e da que non podes escapar, pero dun xeito sutil, que fai que cando te decatas xa non sabes como saír dela.
Son auténticos vampiros psicolóxicos que chupan a enerxía de aqueles aos que escollen como presa.
Non obstante, hai un primeiro síntoma ao que non adoitamos facer caso, e que é un indicativo de que algo non vai ben.
Se algunha vez te decatas de que hai unha persoa que, cando estás na súa compaña, te fai sentir incómodo, coa que sintes un desacougo indefinible, e que che provoca unha sensación de tristura e de esgotamento emocional, non dubides que é o momento de poñer distancia e botala da túa vida.
Polo teu ben.
Asociación Si, hai saída