Tribuna Viva
Corrupción en Sanxenxo
Ese é o ambiente que se respira tras a chegada de Telmo Martín á política municipal. Pode que sexa só unha sospeita, pode que sexa a inercia da súa anterior etapa como alcalde, da que aínda estamos a pagar as consecuencias cos nosos impostos, pero o certo é que a sombra da corrupción é máis forte desde a súa chegada. Porqué?
Podería ser porque o pobo entende como corrupción a forma na que Telmo Martín ocupou a alcaldía, cunha suposta compra de vontades políticas. Podería ser que poñer en marcha a nova gasolineira, paralizada polo anterior goberno e cun expediente aberto na Xunta de Galicia, se entendera tamén como algo irregular, corrupto ou, polo menos, estraño.
Quizais pagar a ENMACOSA por inspeccionar a seguridade das atraccións deste pasado verán sexa un feito normal, ou quizais non e os veciños e veciñas vexámolo como un pago de favores. Destinar 90.000€ para obras de mantemento no abastecemento de augas e adxudicarllos a Espiña e Delfín, concesionaria do servizo, é algo tamén bastante difícil de explicar.
Sabemos que o Partido Popular de Telmo Martín está bañado en corrupción ata o máis alto. Sabemos que os favores neste partido páganse con concesións públicas. Por iso non entendemos a razón que levou hai uns meses ao concelleiro de medio ambiente a anunciar a privatización do servizo de mantemento dos parques públicos. Cal é o motivo? Os empregados do Concello xa non poden facerse cargo? Tampouco comprendemos porqué van destinar 85.000€ a privatizar o servizo de recadación municipal. Novamente xorde a dúbida. Se ata agora era posible manter ese servizo cos empregados municipais, porqué agora necesitamos esa privatizacion? É normal que a cidadanía se faga moitas preguntas cada vez que os señores do Partido Popular licitan unha concesión.
E falando de concesións públicas, parece ser que o Real Club Náutico de Sanxenxo pretende modificar a súa concesión para aumentar a cota de negocio que ten no porto deportivo da nosa localidade. Un feito así debería ser prontamente enfrontado desde o Concello pois para calquera necesidade ou servizo que se requira no porto temos unha empresa pública, Náuta, que revertería os seus beneficios en Sanxenxo e non en mans privadas. Pero Telmo e todo o seu goberno calan e consinten. Podería ser corrupción?
Finalizamos. As últimas ordenanzas aprobadas, á parte das meramente estéticas, reducen a porcentaxe de vivenda protexida e abren camiño á renegociación da edificabilidade. O urbanismo, que tantas débedas provocou e aínda hoxe seguimos pagando, volve ser obxectivo número uno para este goberno PP-SAL. É normal por tanto e á vista de todo o anterior, que a cidadanía vexa o aumento da corrupción en Sanxenxo como un feito innegable e unha preocupación importante pois, ao final, quen pagaremos as débedas seremos os veciños e veciñas, non os Concelleiros.