Tribuna Viva
Un futuro de loita e esperanza
Un ano da fusión. Un ano despois e aquilo que fai medrar e avanzar un pobo segue a ser igual. Un ano despois, o Cerdedo Cotobade é un espello rachado que reflexa a imaxe do que quixo ser e definitivamente non o é.
Cubela, o Cubela do PP, o Cubela que só fai seguir as ordes de Rueda, o Cubela máis interesado en medrar que no futuro do Concello e do País, véndenos un concello irreal, un soño que non é. Ú-los máis e mellores servizos públicos que nos prometeron? Onde a conciliación da vida laboral coa familiar? Vistes o Polígono Empresarial de Salgueirós? E a rede viaria municipal, está en bo estado? Prímase nela a seguranza? A rede de saneamento está rematada? Onde deixaron de se producir verteduras aos ríos e regatos? Hai alternativas laborais para a poboación? E para a mocidade? A xestión forestal é un exemplo a seguir e as vagas de lumes lembranzas do pasado, non si? Quitámoslle todo o rendemento ao patrimonio e a cultura e témolo coidado?
Coñecedes a resposta a esas preguntas igual ca nós: non, non e máis non.
E tamén sabedes que o pobo de Cerdedo e o de Cotobade tiñan a razón cando se opuñan a unha fusión que só respondeu aos intereses do Partido Popular: Cubela leva anos cumprindo as ordes do seu xefe Afonso Rueda e non servindo aos intereses do seu pobo. Moi ao noso pesar non somos exemplo de nada novo. Desta fusión non se acadou un novo modelo municipal nin tampouco unha nova estrutura de desenvolvemento económico que aposte polos sectores produtivos locais para evitar a fuga da mocidade lonxe da casa. Pola contra si que mantemos as vellas prácticas fixadas no ADN do Partido Popular: o amiguismo, as prácticas clientelares, en definitiva o caciquismo máis rancio e reseso. Mesmo empeoramos: Cerdedo quedou sen rexistro civil e agora a veciñanza ten que desprazarse até Cotobade.
E, por suposto, non hai transporte público entre ambos os dous núcleos do Concello.
Máis tamén vai alá un ano da loita exemplar dos pobos de Cotobade e Cerdedo, da loita de veciños e veciñas bos e xenerosos que arelaban e arelan un futuro mellor.
Nós soñamos e, con Castelao, sabemos que, máis cedo que tarde, habemos converter os nosos soños en realidades. Fomos quen de pór o PP de Cotobade e Cerdedo contra as cordas. Pensamos, entre todos e todas, un novo modelo de concello para enfrontar o esgotado modelo do P.P. de Cubela. Loitamos contra un despropósito de futuro incerto. Unímonos sen medo e con forza para gañarmos un mañá moi diferente do que nos ten previsto o Partido Popular. Non aceptamos manipulacións nin propagandas propias de tempos pasados.
Vivimos tempos difíceis nos que só temos a seguranza de que nos agarda un futuro de loita e, temos a completa certeza, de esperanza. Aí, na loita e na esperanza, habédesnos atopar sempre aos homes e mulleres do BNG. Coa honra e co orgullo que nos dá sabérmonos parte deste pobo. Seguimos!!!
Grupo Local do BNG de Cerdedo-Cotobade