Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: Sira e o robot
Sira e o robot é unha saga de literatura infantil-xuvenil, creada por Mark Wiersma e Miguel Mosqueira, con ilustracións de Iván Sende. O primeiro volume da colección, Adventures on Titan, apareceu en 2015 da man de editorial Xerais, e en outubro de 2017 viu a luz o segundo volume, Crazy Times on Planet Earth, autoeditado a través dun crowdfunding.
A saga é un proxecto multidisciplinar, que inclúe pezas musicais e representacións en vivo. Na narración e nas cancións úsanse tanto a lingua galega como a inglesa, e aparecen tamén anacos en francés, alemán e mesmo chinés. A música é un elemento importante nos libros, que veñen acompañados dos discos de audio onde os personaxes van narrando a trama e cantando as cancións, o que permite ler os textos e aprender inglés ao tempo que se escoita a historia. Amais, as ilustracións a cor de Iván Sende fan o libro atractivo visualmente.
A trama discorre en Galicia no ano 2050, logo de que o inglés fose declarado lingua cooficial. A protagonista das aventuras é Sira, unha nena que vai acompañada do seu robot William. No primeiro libro viaxan até Titán, o satélite de Saturno, onde desde o ano 2020 se vén celebrando un festival musical. No segundo libro teñen que viaxar ao pasado, ao ano 2033, para evitar que o presidente dos Estados Unidos, Justin Bieber, asine un tratado anticontaminación para evitar o cambio climático e así evitar que o malvado Technoduro leve a cabo os seus plans radiactivos.
Amais dos propios Mark e Miguel, no disco aparecen as voces de Xiana Arias, Roi Vidal, Álex Charlón, Carlos Blanco, Sonia García, María Arce, Samuel Solleiro ou Paku Granxa. As cancións están compostas polos autores do texto, con produción musical de Marcos Paino e mesturadas por Tomás Ageitos. No primeiro libro contan coa colaboración do Leo i Arremecághona, e inclúen samplers doutros grupos, como Galegoz.
A idea de ambientar a historia nunha Galicia distópica de 2050 vai acompañada de numerosas referencias á cultura pop actual, como simpáticas chiscadelas que fan que sexa un libro divertido non só para nenos e nenas, senón tamén para as persoas adultas. No primeiro libro viaxan a Titán nun canastro, e no segundo viaxan no tempo nunha Citroën C-15; a capital de Galicia é MegaMetrópole, entón chamada Nogueira de Ramuín; a canción do verán de 2050 é "Cyborg, que será o que ten o black baby?" de Georgie Dann Junior.