Adrián Estévez Iglesias
Viaxes desde O Alcouce: C-533
Todo xurdiu cando mirei un fito quilométrico preto de Lalín. Souben así da antiga estrada C-533, a comarcal A Gudiña-Lalín. Falei con Fran e Cris da posibilidade de percorrela de cabo a rabo, e aló fomos!
Quedamos en Sanguiñeda ás 8 da mañá, onde me recolleron. Agardando por eles un home cunha maleta preguntoume se estaba agardando para ir a Fátima. Era o día 20 de maio, a pregunta tiña certo sentido, pero non, hoxe non era o día de ir a Fátima.
Chegaron, e saímos cara ao leste co Sol de fronte. A-52 a topi. Comentouse a idea de almorzar un bocata de xamón na Cañiza, mais aguantamos até Allariz. Paramos no bar A Muralla, xunto ao convento das Clarisas. O sitio ten unha terraza traseira en plena muralla medieval. Tiñan El País e La Región. Pedimos cafés con leite grandes; pulgas eles e torradas eu. Deixamos El País a un lado e abrimos o mapa. Desde A Gudiña subir polo Bolo até As Ermidas. Logo cruzar o Sil, e en vez de ir pola N-120 ir polo tramo vello, sempre ao norte do río. Despois atravesar Quiroga e seguir pola vella até Monforte. Escairón, Chantada, Alto do Faro, Rodeiro, Lalín. E comezamos!
Máis autovía, boas conversas. Stop na Gudiña, na vila, para sermos conscientes de que iamos comezar. Contador a cero e enerxías a tope. Primeira curiosidade: o paso peonil baixo a ponte do ferrocarril. E a degustar a estrada, identificando paisaxes e topónimos, cultivos e vehículos, persoas e animais, ríos e montañas. Ir na parte de atrás do coche é unha saturación de estímulos: en vez de atender á estrada podes desconectar do tráfico e alucinar coa paisaxe.
O encoro do Vao á esquerda, na cola, fin do Campa antes de chegar ao Bibei, sobre o que pasamos. Maio, pero encoro baixo. Atravesamos Viana do Bolo, vila de servizos da contorna, imaxinamos. Subimos o alto do Covelo e baixamos. Nun miradoiro intuímos a presa do Vao. Desvío ás Ermidas. Xa estivera hai ano e pico con Sandra, logo de estar o día de San Sebastián en Castro Caldelas na festa dos Fachós. Bo territorio en primavera, con cultivos e paxaros aniñando no santuario. Como non fomos a Fátima, limos exercicios de cataquese con textos desconcertantes. Regresamos á estrada polo medio da aldea. Intriga pola igrexa a medio construír xunto ao cruzamento.
De regreso na estrada, á dereita intúese a serra do Eixe e á esquerda a Cabeza Grande de Manzaneda. Cruzamos o Xares e logo de Freixedo empatamos coa estrada vella de Ourense a Ponferrada, OU-533 até cruzar o río. Sen chegar á Rúa metémonos polo tramo vello, a actual OU-933. Un tramo moi chulo, todo ao norte do Sil, coa N-120 máis pegada ao río e cruzándoo en ocasións. Ao pé das montañas, os últimos curutos do Courel cara ao sur, discorre a vía do tren. O Sil está encorado en San Martiño. Atopamos os primeiros fitos, e paramos a tomar as primeiras fotos xusto no límite provincial. Era unha zona boscosa, sen vistas, e seguimos adiante. Pouco despois paramos sobre a presa do encoro de San Martiño, cun banco con fermosas vistas. Á altura de Montefurado intuímos o antigo leito do Sil grazas á vexetación fluvial, e vimos o furado no monte. Tamén vimos a vila, coa súa estación de tren.
Pasado Vilaster paramos nun tramo con antigos quitamedos de pedra. Víase a estrada vella, abaixo a nacional, logo a vía do tren e despois o río. A calzada consérvase ben, dentro do que cabe, coa vexetación estreitando a vía e a erosión comendo o asfalto e mostrando as pedras máis gordas. Seguimos, e en Bendilló tivemos que enlazar coa nacional, parando xusto antes nun muíño de aceite a carón dunha capela. Por todo este tramo desde A Rúa viñemos por onde discorre o camiño de Santiago, con varias instalacións artísticas kitsch variopintas: desde bonecos de Disney a rostros curiosos.
Atravesamos Quiroga á dereita e San Clodio á esquerda, e collemos outro tramo da OU-933. Xa abandonamos o Sil e seguimos cara ao río Lor. Este tramo está mellor conservado. A nacional distánciase, un anaquín. Consérvanse moitos sinais vellos. Paramos en casa Pacita, a carón do río. Lugar de pesca de troita. Eu pedín un vermú, e Pacita enfadouse con Fran porque mudou de sitio na barra. Un ciclista lía La Voz de Galicia do día anterior, e outra persoa lía a do día mentres agardaba polo xantar. A nós non nos puxeron o pincho, un anaco de chourizo, que tiña o ciclista. Seguimos, e a seguinte parada foi na Estación, aldea que pertence a tres parroquias. O que nos levou a parar foi unha antiga estación de servizo, que a xulgar por un almanaque do Banco Pastor deixou de funcionar en 1981. Tiña un panel ben interesante cos talleres próximos de SEAT das provincias de Lugo e A Coruña, e outras curiosidades ben molonas.
Ao entrar en Monforte vimos unha factoría vella con boa pinta. Logo perdémonos ao circunvalar preto do edificio enorme rollo Escorial. Demos un par de voltas cara ao suroeste, logo preguntamos e enfiamos cara a Escairón. Gústame o xogo que teñen Cris e Fran, de adiviñar a capital de concellos con nome que no se corresponde co do municipio (Cotobade – A Chan, por exemplo; Meis – Mosteiro etc). E isto vén a que Escairón é a capital do concello do Saviñao, claro.
Fran lembrou que xantara nun sitio que non estaba mal, con boa variedade de pratos. Soáballe que era azul, por unha estrada a man esquerda. Atopámolo, e quixo a casualidade que fose o Avenida, onde fan bos concertos ás noites. Non caín da burra até que no aseo dos homes vin unha pegata deseñada por Fojo, como a que teño no computador. Xantamos ben; de primeiro eu fabada, Fran friame e Cris xamón con melón. Logo febras para os tres. Teñen sidra de tirador, minipunto. E unhas filloas de sobremesa.
Seguimos cara a Chantada, e deixamos á dereita un fito que conservaba a numeración orixinal. Queda pendente de fotografar. Antes de cruzar o Miño barallamos baixar até Belesar en vez de cruzar polo viaduto novo, e así foi. Esa zona sóame de ver vídeos en YouTube da subida a Chantada, que mestura unha zona estreita de curvas cunha subida de tres carrís para lle pisar a fondo. Mólame ver youtubes de rallys cando teño resaca, e escoitar copilotos galegofalantes indicando lume nos vídeos onboard.
A vila de Belesar é ben curiosa, con embarcadoiro para catamaráns, xa no encoro dos Peares. Toda a ribeira oeste está a vide, e a leste é unha zona frondosa de verdes moi fermosos. Fran e Cris falaban de casas que se venden, e de cando en vez falabamos da posibilidade de vivir nas Ermidas, en Belesar, ou noutros lugares.
Seguimos cara adiante. Bordeamos Chantada, onde saímos unha vez os colegas de camiño ao Courel e León-Asturias, unha noite que tivemos que acampar onde puidemos nun camiño forestal e espertamos rodeados por unha nube mesta de moscas.
O seguinte tramo é, inexcusablemente, o corredor galego CG-2.1, até o alto do Faro. O mesmo ca unha nacional, pero con valo para evitar a entrada de animais. A baixada do Faro a Rodeiro é similar, pero chámase PO-533. Atravesamos Rodeiro, a carón do campo de fútbol Louzánico no que xogara uns meses atrás, e seguimos até Lalín. Pasamos polo fito que xa coñecía, e ao entrar na vila demos un par de voltas para facer o traxecto completo da estrada, pois o tramo final, xa a carón da praza da igrexa, na rúa do Faro, é de dirección única. A dicir verdade en Escairón faltounos un anaquiño, cen metros desde a rúa do Avenida até a estación de servizo. Agardamos que non nos quedase ningún miliario atrás.
Desde Lalín collemos cara ao Carballiño. Fran pensaba que había que chegar até Vilatuxe, pero baixamos xa pola PO-902. Desde a rotonda vimos o Manuel Anxo Cortizo con bastante xente. Pasamos por Catasós e logo un anaco en paralelo á vía do tren, á vella e á nova, polo val do río Abeleda. Logo xa o concello do Irixo, con pintadas simpáticas contra o caciquismo. Atravesamos Dadín, con xogos de palabras divertidos. No Carballiño en vez de atravesar collemos cara a Cea e logo demos a volta sobre a barriada das chabolas. Enfiamos cara o sur a carón do río Varón (ou Barón?), e cruzamos o Avia para atravesar Leiro. Despois pasamos xunto Beade, e paramos tomar a última á entrada de Ribadavia, antes de pasar baixo o viaduto da A-52. Peña celtista xogando á baralla.
Encamiñamos a N-120, atravesando Quins, falando da romaría da Franqueira (fica anotada!) e intentando adiviñar os montes cara ao norte, por Fornelos. Ao sur, xa Portugal. Xa chegando, logo de cruzar Ponteareas, pasamos por Cans, as canteiras vellas de Atios e a avenida de Antonio Palacios. E Sanguiñeda de novo.
Plans para o futuro: a C-531 de Xinzo de Limia a Vilagarcía de Arousa? Coñecer a zona Ártabra? Quen sabe!
- Estrada C-533, e N-120, vía do tren e río Sil
- Estación de servizo abandonada