Carta aberta a cidadáns institucións e partidos políticos.
O vindeiro Domingo 17 de Setembro e con motivo da Semana Europea da Mobilidade, as asociacións de usuarios de bicicleta A Golpe de Pedal de Vigo e Pedaladas de Pontevedra e mais a asociación Salinas de Ulló de Vilaboa, e co apoio das asociacións de ciclousuarios de Arousa en Bici de Vilagarcía, Composcleta e Asciga de Santiago de Compostela e Crunia de A Coruña, convocamos por segundo ano consecutivo a "Marcha – manifestación pola mobilidade sostible – Vía Verde Pontevedra – Vigo".
Demandamos con esta marcha a creación dunha Vía Verde ou vía para bicicletas e peóns entre a cidade de Pontevedra e a cidade de Vigo, co aproveitamento das vías do tren sen uso existentes entre ambas cidades e que a día de hoxe se atopan totalmente abandonadas comezando a xerar incluso un problema de saúde pública e risco de incendio en zonas poboadas.
Na actualidade o modelo de mobilidade se amosa insostible e representa un gran reto para a conservación do planeta. Cremos que a recuperación do trazado ferroviario e a creación de conexións ciclistas/peonís é unha oportunidade para toda a comarca. Fundamos esta reivindicación en:
A vía verde entre Pontevedra e Vigo é unha oportunidade para saldar a débeda coas parroquias rurais dos Concellos que atravesa e establecer con elas unha conexión segura que facilite a mobilidade activa nunhas distancias perfectamente válidas para desprazamento a pé ou en bicicleta. Conectar Tomeza con Pontevedra, Figueirido co Toural e con Paredes en Vilaboa, Arcade con Paredes e con Cesantes, Cesantes con Redondela e Redondela con Cedeira, Rande e Chapela e Chapela con Teis e o centro de Vigo.
A Vía Verde Pontevedra – Vigo é unha oportunidade para destacar e preservar o alto valor ambiental e histórico que temos na Enseada de San Simón, recoñecida como espazo Rede Natura europeo. A vía verde pode acercar á poboación e dar a coñecer de xeito integrador e respectuoso co medio estes grandes valores contidos na parte interior da Ría de Vigo, xa que percorrería toda a cara Leste e Sur da enseada de San Simón.
Esta conexión de mellora do acceso das parroquias cos centros urbanos é tamén unha oportunidade para o rural e o seu desenvolvemento. Serve para resolver un problema de mobilidade importante en Galicia debido á súa grande dispersión da poboación pero tamén para fixar poboación no sector servizos asociado ao turismo.
Existen problemas de masificación e estacionalización do turismo. A Vía Verde, cos valores ambientais xa mencionados, é unha oportunidade económica para todos os Concellos da zona, e sobre todo as súas áreas rurais, coa promoción do Cicloturismo, un turismo verde en bicicleta totalmente implantado en toda centroeuropa que escapa das grandes aglomeracións e da estacionalización no verán. A rede de vías ciclables Eurovelo é o maior expoñente desta potencialidade económica sostible, unha rede promovida pola propia Unión Europea e que a día de hoxe chega ata Caminha, na fronteira portuguesa con Galicia, polo que está Via Verde sería un posible tramo da Ruta Eurovelo Atlántico.
Actualmente estamos inmersos na necesidade dun cambio de modelo de mobilidade, deixando atrás o modelo baseado en vehículos a motor, coas correspondentes emisións de gases contaminantes, ruído , riscos para a seguridade das persoas, impulsor do sedentarismo e problemas de saúde asociados e demandante incesante de infraestruturas moi custosas económica e ambientalmente. No seu lugar xa se promove desde Europa un cambio cara un modelo centrado no peón, a bicicleta e o transporte público, máis sostible e saudable que deixe o vehículo particular só para aqueles casos nos que outra opción non é viable. As distancias entre parroquias e centros urbanos pola vía verde, en xeral son inferiores a 10 Km ou 30 minutos, que fan da mobilidade en bicicleta unha das mellores opcións de comunicación nestes ámbitos.
En comparación coas grandes infraestruturas para o tráfico a motor, como o desdobramento do Corredor do Morrazo, a Ponte de Rande a nova autovía de Pontevedra ao Confurco e Vigo; a Vía Verde co aproveitamento das vías do tren fora de uso e de camiños rurais tradicionais e de servizo existentes, ten a día de hoxe un trazado xa case definido entre Pontevedra e Vigo polo que require dunha inversión moito menor que calquera das infraestruturas motorizadas mencionadas.
Actualmente, en Galicia xa foi cedida a vía do tren sen uso entre Barro e Vilagarcía e entre Santiago de Compostela e Cerceda. Coa vía de Vilagarcía, xa en proceso de conversión en Vía Verde, practicamente xa sería posible conectar as tres principais cidades do Sur de Galicia a pé e en bicicleta artellando un eixo verde no sur de Galicia e a futura rede Eurovelo Atlantica, que debera continuar pola provincia de Coruña cara a Costa da Morte ata chegar as cidades de A Coruña e Ferrol. Artellando así unha gran rede de turismo activo comparable ao Camiño de Santiago e sendo un activo turístico e motor económico.
Petición aos partidos políticos e institucións:
Por todos estes motivos, e seguramente moitos máis, dende as asociacións convocadoras e aquelas que nos apoian pedimos a todos os partidos políticos e a todos os gobernos dos Concellos de Pontevedra, Vilaboa, Soutomaior, Redondela e Vigo, así como á Deputación de Pontevedra e á Xunta de Galicia, e sobre todo, ao Ministerio de Fomento e ao Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF):
- Que deades o voso apoio unánime a posta en marcha desta Vía Verde Pontevedra – Vigo coa vosa presenza ao paso da marcha ciclista Pontevedra – Vigo do próximo Domingo 17 de Setembro, en Pontevedra 9:00, Arcade 10:30, Redondela11:30 , Chapela 12:30 e Vigo 13:30-14:00.
- Que se aprobe nos plenos locais, provinciais e autonómico a demanda desta Vía Verde Pontevedra – Vigo e a creación completa da primeira vía verde ciclista e peonil de Galicia, ben dimensionada por toda a costa galega, futura Ruta Eurovelo Atlántica de Galicia.
- Que se demande e dean os pasos definitivos para a cesións das Vías do Tren fora de uso á Fundación Vías Verdes ou o organismo competente para a súa posta en valor.
- Que se fale coas asociacións galegas para a definición do proxecto de trazado da Vía Verde Vigo – Pontevedra – Vilagarcía e a súa continuación cara a provincia da Coruña coa extensión da Ruta Eurovelo Atlántica, a día de hoxe existente por toda a costa portuguesa ata Caminha.
- Que se requira un presuposto para levar a cabo todos estes pasos e a pronta execución dunha infraestrutura para a mobilidade sostible e alternativa.
Dende as asociacións convocadoras esperamos a boa receptividade deste desexo colectivo por unha Galicia máis sostible e que saiba recoñecer e coidar o seu grande valor ambiental e humano.
Asociación Pedaladas (Pontevedra)
Arousa en Bici (Vilagarcía)
Asociación Salinas do Ulló (Vilaboa)
Asociación Crunia (A Coruña)
A Golpe de Pedal (Vigo)
Asociación de Ciclistas Galegos (Santiago)
Composcleta (Santiago)
Vedegaia (Autonomía)
Mobi-Liza (A Coruña)
Federación Galega de Ciclismo (autonómica)