Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'En busca de aquel sonido'
En busca de aquel sonido. Mi música, mi vida é unha autobiografía do compositor italiano Ennio Morricone. O libro forxouse a través das conversas mantidas co compositor Alessandro de la Rosa. O libro comeza fermosamente arredor dunha partida de xadrez, que serve para romper o xeo tanto entre os dous compositores (Ennio nado en 1928, e Alessandro nado en 1985) como coa persoa que vai ler o libro. Unha introdución na que xa aparece reflectido o modo en que se vai desenvolver o texto: con conversas cómodas, agradables e coa música como eixo central para tratar diferentes temáticas.
A gran maioría do público coñecemos a Morricone grazas ao mundo do cinema, para o cal compuxo numerosas pezas sonoras. Xa que logo, o libro principia explicando a súa chegada ao mundo do cine, a relación cos diferentes actores cos que traballou, e o afianzamento profesional que o levou a levar a cabo cada vez unha maior experimentación na súa creatividade.
A partir da súa formación académica, comezou a traballar como trompista co seu pai durante a segunda guerra mundial, sendo un adolescente, tocando en clubs nocturnos de Roma e en estudos de gravación. De aí pasou a escribir arranxos de orquestra, cos cales comezou a traballar coa compañía RCA. Nesa época seguiu formándose en Darmstadt, e traballou en arranxos de pezas moi diversas, mesmo algunhas que chegaron a triunfar no Festival de San Remo. O achegamento ao mundo do cinema foi progresivo. Luciano Salce confiou nel para a banda sonora do filme Il federale, de 1961. 1964 foi un ano importante na súa carreira, pois ese ano comezou a traballar con Sergio Leone e a colaborar co Gruppo di Improvvisazione Nuova Consonanza.
Á hora de falar sobre a súa relación cos directores cos que traballou -desde Pasolini a Tarantino pasando por Almodóvar- non morde a lingua á hora de explicar desencontros e mesmo enfados, mais sempre desde unha humildade e asunción de culpas aínda que non sempre fose necesario.
Un dos aspectos máis interesantes deste libro é a fonda análise de aspectos musicais. Resulta un libro difícil de ler para as persoas -coma min- non iniciadas en notación e teoría musical. Amais, trata a historia desta arte desde a música sacra da idade media, aos compositores do barroco, o clasicismo ou a música máis contemporánea.
Resulta curioso ver a súa metodoloxía de traballo, que deu pé a unha obra moi prolífica. Bótase en falta máis información biográfica para entender a obra no seu contexto vital, pero dá a impresión de que sempre se enfocou na súa labor de compositor, co apoio da súa muller Maria, a quen adicou o Oscar honorífico recibido en 2007 por sacar a familia adiante mentres el estaba pechado no despacho e no estudio de gravación. Quizais as súas maiores sinceridades extramusicais son sobre as súas crenzas místicas ou relixiosas, que o levaron a compoñer entre outras pezas unha misa para o papa Francisco.
As conversas persoais dannos o punto de vista que Ennio ten do mundo, e este compleméntase de forma formidable con textos de sete persoas que coñecen moi ben o compositor: Boris Porena, Sergio Micelli, Luis Bacalov, Carlo Verdone, Giulano Montaldo, Giuseppe Tornatore e Bernardo Bertolucci.