Andrés Díaz Sobral
Carta do alcalde de Ponte Caldelas aos socialistas galegos
ACOMPAÑÁDENOS!
Os socialistas galegos temos por diante o reto de culminar o proceso de renovación do partido emprendido o pasado mes de maio co tsunami de democracia interna que lle devolveu a secretaría xeral do PSOE a Pedro Sánchez. Que lle devolveu o partido aos seus militantes.
Os socialistas galegos, e entre eles os de Ponte Caldelas dun xeito moi activo, falamos alto e claro cun berro colectivo que se escoitou en toda España.
Agora toca non relaxarse e dar por feito que as cousas están rematadas. Non é así. Queda moito por facer. Nada menos que renovar as nosas estruturas orgánicas en Galicia, nas catro provincias e, finalmente, en todas e cada unha das agrupacións locais. Temos moita tarefa por diante ata finais de ano.
Os galegos e galegas non merecen que sigamos defraudándoos con ofertas débiles e liderados erosionados e permanentemente cuestionados dende dentro. Necesitamos construír unha organización sólida que ofreza algo ao que agarrarse contra o inmobilismo, a inxustiza social, o caciquismo atroz e o desgoberno ao que equivale o Partido Popular.
A carreira para a nova Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE xa está lanzada. Tres precandidatos están recollendo os avais e gustaríame animarvos a dar o paso de avalar a algún dos tres. Ao que en conciencia estimedes como o mellor para liderarnos nos próximos anos. Os socialistas levamos nas veas a democracia interna e a participación na vida interna do partido. Toca demostralo unha vez máis. Galicia meréceo.
Os socialistas caldeláns estamos ávidos de escoitar as propostas e os programas de Gonzalo Caballero, Xaquín Fernández Leiceaga e Juan Villoslada. Queremos que falen moito durante esta precampaña e a campaña que vén. E, sobre todo, queremos que deste proceso saia un líder forte e ilusionado, que represente a sintonía total de Galicia coas novas caras que rexen o noso partido en España. Se se dan esas circunstancias, entre todos e todas seremos quen de edificar un PSdeG-PSOE alternativo e que sexa alternativa. A unidade, da que tanto se fala, chegará soa se o facemos así.
Unha vez cumprida esta misión urxente, porémonos mans á obra para ofrecerlle a esta provincia unha Secretaría Xeral provincial que estea ao servizo dos alcaldes, dos tenentes de alcalde e dos portavoces de toda a provincia, sacándoos da soidade e o abandono co que lamentablemente tiveron que facer o seu traballo nestes últimos tempos. Para darlles o apoio que precisan e acompañalos nese reto diario que é a política municipal dende un concello.
Queremos construír socialismo dende a proximidade e o servizo á cidadanía. Pídovos un esforzo para non baixar os brazos. Para participar, opinar, avalar e votar. Sempre votar para fornecer o cambio no socialismo en España, en Galicia, na provincia e en cada uno dos 62 municipios que a compoñen.
Acompañádenos!