Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'El CLAS. El equipo de Asturias. El sueño de su afición'
Desde hai uns cantos anos, adoito pasar boas tardes do mes de xullo vendo o Tour de Francia. Afeccioneime de neno, en parte grazas a deportistas que competían no equipo ciclista CLAS-Cajastur. E a paixón lectora é ben compatible co deporte, como demostra o libro Plomo en los bolsillos.
El CLAS. El equipo de Asturias. El sueño de su afición é un libro que recolle a historia deste conxunto ciclista desde as súas orixes en 1978 até a súa desaparición en 1994. O texto está redactado polo xornalista Sergio Fuente Requejo, especializado no eido deportivo (tamén ten un libro sobre o Oviedo CF) e licenciado en Xeografía e Historia. O volume destaca pola súa documentación. As 572 páxinas inclúen numerosas fotografías e recortes de prensa da época. Amais, o autor levou a cabo máis de oitenta entrevistas a personalidades do ciclismo e o xornalismo.
O conxunto naceu en 1978, e ao pouco tempo comezou a participar en competicións en categorías infantil, cadete e xuvenil, e despois creou un equipo sénior amateur. Xa en 1988 pasou ao profesionalismo, dirixido por José Manuel Fuente Tarangu. A fin do equipo tivo lugar en 1995 debido a cuestións económicas, ao entrar na empresa como director xeral Pedro Astals. O novo directivo non percibía que o equipo fose un reclamo publicitario, a pesar de que fomos moitos os que coñecemos a marca leiteira a través das retransmisións deportivas.
O momento cumio do equipo foi entre 1992 e 1994, coas vitorias de Tony Rominger na Vuelta España e o seu segundo posto no Tour en 1993 por detrás de Miguel Induráin. Nese mesmo ano a Vuelta a España saíu e rematou en Galicia, ao se celebrar ese ano o Xacobeo. Épica foi a 19ª etapa, con fin no Alto del Naranco, desputada o 14 de maio. Ese día había moitísima xente animando a Romnger, que se xogaba a vitoria ante Alex Zülle e rematou por vencer a etapa.
As persoas afeccionadas ao ciclismo xeralmente non son fans dun equipo, senón dun corredor (desculpen o uso do masculino xenérico: lamentablemente o ciclismo feminino aínda non é mediático). Mais o CLAS supuxo unha excepción á norma, pois durante os seus anos de existencia arrastrou moita xente (neste caso si, homes e mulleres) que se desprazaba para ir animar a pé de estrada. Un dos motivos é a orixe humilde do club, que naceu en 1978 como actividade extraescolar para os fillos dos traballadores e traballadoras da empresa Central Lechera Asturiana.
Este fenómeno, xente animando un club ciclista en conxunto no canto de un só corredor, tivo a súa continuidade co equipo Euskaltel-Euskadi, activo entre 1994 e 2012, e que nos seus anos de gloria tiña unha boa recua de seguidores nas competicións en que participaba. Coincidiu un tempo co equipo Xacobeo Galicia, creado en 2007 co apoio de Valery Karpin e desaparecido en 2010 logo de que Ezequiel Mosquera nos fixese vibrar no seu duelo co siciliano Nibali no ascenso a La Bola del Mundo, no Guadarrama.
Amais do suízo Tony Rominger (e o seu amigo Jörg Müller), quizais os ciclistas máis sonados do equipo foron o oscense Fernando Escartín ou os donostiarras Peio Ruiz Cabestany e Abraham Olano. Non obstante, o CLAS sempre procurou incluír no plantel corredores da terra, e foron numerosos os ciclistas asturianos que chegaron ao primeiro nivel como gregarios. A idea era buscar un sucesor a Tarangu, que antes de ser director do equipo gañara dúas veces a Vuelta a España. Dous dos mellores ciclistas dos últimos tempos, Samuel Sánchez e Chechu Rubiera, colaboran co libro en senllos epílogos nos que explican que non chegaron a competir no CLAS por cuestións xeracionais, pero que si viron as súas carreiras deportivas marcadas pola existencia do equipo. Amais destes epílogos, o libro inclúe un un prólogo moi emotivo de Tony Rominger.
O equipo CLAS acolleu no seu seno varios ciclistas galegos, como o ponteareán Isidro Araujo, o pontevedrés Jesús Rodríguez Carballido, o padronés José Manuel Oliveira, o vigués Gonzalo Aguiar ou o masaxista Moisés Leboso, do Porriño. Tempo atrás, Asturias acollera tamén aos irmáns coruñeses Vicente e Xesús López Carril, que correron no equipo vasco Kas xunto Fuente.
O libro, de gran formato, foi maquetado e deseñado por Daniel Cabrero, que aparece como coautor. A obra está publicada por Ediciones Camelot, e non ten unha gran distribución, senón que funciona con impresión baixo demanda. Xa que logo, sería interesante que se fixese unha revisión ortográfica e estilística. É unha mágoa ver obras interesantes que poderían mellorar moito cun pequeno esforzo.