Tribuna Viva
Primarias, por José Manuel Valcárcel e Juan Manuel Rey
Os e as socialistas que conformamos a alternativa do pasado congreso provincial socialista de Pontevedra apoiamos sen fisuras a decisión da Comisión Executiva Nacional Galega de convocar un consulta a toda a militancia do PSdeG con anterioridade á celebración do Congreso Nacional Galego no que elixiremos ao novo/a Secretario/a dos Socialistas de Galicia.
Entendemos que crear mecanismos de participación da militancia para deseñar o futuro do partido é a mellor forma de sentar as bases para recuperar a confianza perdida. E non se entende que alguén poida descalificar un proceso de consulta amparándose en cuestións de forma que non teñen validez moral neste momento transcedental para o socialismo galego.
O comunicado enviado pola executiva federal (CEF) á executiva galega recordando os estatutos do partido para os procesos congresuais é innecesario desde o momento en que unha consulta ás bases non só non vulnera os estatutos do partido senón que os completa. Neste sentido esperamos e desexamos que a CEF reconsidere a súa postura e entenda que en Galicia o debate e a participación non poden esperar ao 2016 e que calquera fórmula de participación que mellore a existente na actualidade debe ser acollida con receptividade e non con resistencia.
Mañá defenderemos no Comité Nacional Galego a necesidade de facer realidade "un militante, un voto". Militantes de moitas das agrupacións que representamos xa manifestaron que só participarán no vindeiro Congreso Nacional se previamente teñen oportunidade de amosar as súas preferencias sobre o/a candidato/a que debe liderar un novo proxecto. Así o faremos saber.
Este proceso é imparable, non valen escusas de si ten maior ou menor validez que as primarias sexan consultivas ou vinculantes. A vontade da militancia debe estar por encima desas consideracións semánticas e incluso coxunturais. Alguén está insinuando que os delegados tomarán unha decisión diferente á militancia á que representan?
Juan Manuel Rey
Xosé M. Valcárcel
2.03.2013