Pedro J. Peón Estévez
Eucalipsis Nâo
Este sábado fun por última (que non derradeira) vez caminhando ate a celulosa sobre o muro de contención da mesma malchamado autovía de Marín, avenida de Marín e mesmo "autopista" no dizer de certos intelectuais celulósicos. Foi unha de tantas andainas; unha marcha máis pero non rutineira pois atopei algúns cambios:
A, outrora flamante factoría, adubiada con peixinhos e barquinhos, ficaba obsoleta, abandoada...tristeira. En fin; convertida nunha morea de óxido e escombros. O famoso tendal con que nos agasalhan en cada edicción da marcha era o do ano pasado agás a falta de algún trapo. Volvía ser o xa moi visto "Sacade á política dos nosos empregos". E digo eu...pero aínda estades así? Estamos de acordo; votade a política fóra: a Tocino e o Del Álamo (por citar algúns) do conselho de administración e a Feijóo, Rueda ou Moreira (entre moitos) como apoio exterior.
Ó que iamos: a factoría vese descoidada. Dá a sensación de que os seus xestores tenhen présa por desfacerse dela. Disque "contrataron" algúns enxenheiros brasileiros...non sei eu. Dá a sensación de que queren desfacerse dela. Non sería a primeira vez. Mentres tanto, o comité de empresa, tocándolhe os güevos ó Concelho de Pontevedra pero... é que alguén esperaba outra cousa do Pedrosa e companha?
Son consciente de que nos enfrontamos ó poder absoluto e absolutista. Sei que a nosa forza é a que é malia termos toda a razón da nosa parte. Tenho claro que temos por diante unha dura batalha pero tanto ten. É unha cuestión de principios, de honra, de dignidade. é unha homenaxe aos que xa non están: A minha naicinha, a que queimaron os olhos ca sosa cáustica; á outra avoa dos meus filhos, a quen queimaron a pel, mortas as dúas por un "Párkingson atípico"; ó meu can, o Tobi, a quen apodreceron en vida. Á minha amada filha,á que provocaron unhá alerxia grave ó mercurio...a lista sería interminable.
Escoitade okupas da ría: Non me enganades, nunca o conseguistes. Estades de prestado na enseada de Lourizán. Sodes o serodio monumento franquista ó que cómpre erradicar. e, por se non abondase, sodes faltóns, mintiráns, rácanos (moi rácanos!), déspotas, hipócritas e fariseos. Si, fariseos que reparten esmolas virtuais entre un fato de esmoleiros reais. Isto é algo cíclico: hoxe imos de ricos, manhá de miserentos. Que llelo pregunten ós clubes desportivos da vila.
Pois nada: para o ano, outra vez a Lourizán no remate da concesión, malia tela prorrogado o Felón por outros interminabeis sesenta anos que iso é o "rien ne va plus", a repanocha e, (perdoando) a reostia. Moito máis que a innecesariedade, máis que a supramunicipalidade...lembran? E mentres, os meus filhos emigrados por obra e arte da incompetencia dos goberninhos peperís, pese a criárense ás portas do "progreso", do "motor" de Pontevedra. No, si...
Pedro Peón Estévez