Patricia Vilán
Trump tamén ten un primo como o de Rajoy
Donald Trump marchou do mundo civilizado. Teatralmente, nunha especie de mitin nos xardíns da Casa Blanca, arrodeado da cúpula do seu Goberno que aplaudía a rabiar. Porque "América é o primeiro" e o Acordo de París contra o Cambio Climático un "invento dos chineses", dixo.
De novo, a bandeira do nacionalismo exarcerbado e a falta de solidariedade internacional, xustamente dende o segundo país que máis contamina do mundo e que se coloca así ao mesmo nivel que Siria e Nicaragua. Aí é nada!
E iso que, segundo as derradeiras enquisas, sete de cada dez cidadáns norteamericanos apoian o acordo. Cidadáns que non leron a carta que en setembro de 2016 firmaban 375 científicos da "Academia Nacional de Ciencias de USA" e dirixida a aqueles que negan o cambio climático. Nesa carta falan de quecemento dos mares, a superficie terrestre e a atmosfera interior; de acidificación dos oceanos; de aumento do nivel do mar; de patróns de choiva alterados...
Se viñesen a Galicia: Seca extrema, choivas torrenciais, picos de calor en pleno mes de abril, xeadas (normais para esta época do ano, pero que teñen esquilmado as froitas que xa saliran porque vai demasiado calor) e moitísimas colleitas perdidas. E mentres, a Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio semella ter un primo como aquel de Rajoy que negaba o cambio climático e fía o futuro ao deseño dunha "estratexia" e a convocatorias de concursos de fotografía para "entender as nubes".
Debemos asumir (sen resignación) que o cambio climático vai seguir con nós a partires de agora e, precisamente por iso, que cómpren as axudas para o agro; que cómpre innovar, investigar e financiar accións para instalar sistemas que palíen as futuras secas que de seguro han de vir; que cómpre que o Goberno esixa dunha vez por todas un uso máis ecolóxico da auga no agro e a gandeiría e, tamén, que cómpre promover e subvencionar sistemas que prevexan solucións fronte as xeadas e o pedrisco.
Son precisas novas liñas de actuación destinadas, fundamentalmente, á adaptación aos cambios que se están a producir e que se producirán. Non podemos fiar todo a un primo como o que, nestes días, nos queda claro que durme debaixo da almofada de Donald Trump cada noite.