Manuel Pérez Lourido
Reloxos e poemas
Leo que disque dixo Manuel Benítez Reyes que a poesía é coma facer reloxos. Oxalá, pensei: facendo reloxos aínda se pode gañar un peso. Supoño, porque supoñer é gratis e somos moito de supoñer así, "a lo loco", que estábase a referir a construir unha engranaxe con elementos que cheguen a funcionar coma un todo. Benítez Reyes está a promocionar o seu novo poemario Las Identidades, que reúne a súa poesía dos últimos seis anos e eu aínda ando a vender o meu primeiro, Vértebras e lóstregos. El é un poeta recoñecido, eu son un poeta por recoñecer. Hai días que nin eu mesmo me recoñezo, de feito. Pero sobre poesía podo falar con coñecemento de causa (se cadra despois ven Alexander Vórtice a retrucarme, pero asumirei o risco). E quero dicir o seguinte: un bo poema ten algo de reloxo, dacordo, pero de reloxo que non da a hora. A ver se nos explicamos: a esencia da poesía é o misterio, non a exactitude. Un vai fiando palabras nunha conta de versos, procurando de que os tropos non esgazen as ideas, senón que as iluminen na conciencia do lector. O poeta busca a beleza por riba de todo, busca un artefacto fermoso e busca que esvare un pouco nas mans, que non se deixe atrapar de todo.
Hoxe en día a poesía é pouco máis cunha epifanía persoal que moi poucos comparten. Daquel soño de Celaya de seres un arma cargada de futuro, só poderíamos correxir hoxe: cagada de futuro. Porque iso foi o que o futuro trouxo. No mundo post. 11-S a poesía é un guiño ás comunidades gays e hispana na investidurara de Barak Obama no seu segundo mandato e na voz de Richard Blanco. Richard Blanco era coñecido na súa casa, en Miami, á hora das comidas pero seguro que nestes días os seus libros adornan escaparates e pode que alguén se decida mercar por primeira vez un poemario. Pero para cantar o himno americano escolléuse a Beyoncé, que seguro que non sabía tampouco quen era o poeta escollido, aínda que dubido que este non a coñecera a ela. Menudo lío que me estou a facer para expoñer ás máis que coñecidas prioridades dos mass media no que ao arte e a todo en xeral atinxe.
Unha das cousas que máis dano lle fai á poesía é a súa aureola de disciplina para iniciados (que nunca se inician porque pasan cantidubi) e outra a sona de non servir absolutamente para nada. Coma a décima de Mahler, por exemplo. A poesía vive nun ghetto do que só saíu cando foi cantada por xoglares, trovadores ou, máis modernamente, cantautores. Pero é igualmente certo que o máis parvo dos parvos, o rei parvo do pais dos parvos, é quen de notar a peculiaridade da súa linguaxe, a potencia da súa estética, aínda que non entenda o sentido estrito dun poema. O caso é poñerse.
27.02.2013