Andrés Díaz Sobral
As Primarias do cambio que España necesita
O Partido Socialista Obrero Español vive un momento crucial. Estamos en boca de todos e non sempre para ben. Hai xente doída polos acontecementos recentes. Pero son críticas sas, feitas dende o corazón. Porque se non somos socialistas, obreiros e españois que somos?
Unha cousa é modernizar as ideas e as estratexias e outra moi distinta é arrimarse tanto ao "establishment" económico e mesmo á Dereita política que os cidadáns non nos acaben recoñecendo. E que, por tanto, busquen noutro lado a nosa identidade perdida. Ou queden na casa.
As Primarias nas que os socialistas imos elixir ao noso novo secretario xeral son moito máis que un proceso interno. Son case unha primeira volta do que vai pasar en España. Seguimos como estamos? Seguimos finxindo que estamos asfixiando ao PP con retórica parlamentaria ou apostamos polo cambio que este país necesita como auga de maio? Apoiamos a Pedro Sánchez ou máis do mesmo? Porque, non nos enganemos, o cambio só pode chegar a través dun PSOE que ocupe a Moncloa e faga honor as súas siglas.
España necesita recuperar a ilusión para acabar con este desgraciado período de resignación, corrupción e mediocridade sen límites que forxou con man de ferro un país profundamente inxusto e desigual, no que todo se reduce á macroeconomía e no que recuperamos o nivel de riqueza de antes da crise a base de fabricar pobres, salarios de miseria, mozos emigrantes e xente tirada cunha man diante e outra detrás. Montoro, Guindos e Rajoy están facendo un "gran traballo" e as grandes fortunas estanlle moi agradecidas.
Os tempos cambiaron. A crise xerou non só sufrimento, senón tamén desconcerto social que tivo un claro reflexo no arco parlamentario. As vellas maiorías xa non son posibles. Así que os resultados non son comparables. Hoxe toca falar, dialogar e poñerse de acordo. E quen non o entenda quedou desfasado. O Partido Socialista debe tamén cambiar cos tempos. Somos un partido histórico, pero non podemos quedar nun partido vello que dá as costas á mocidade. Como dixo Pedro Sánchez, debemos elixir entre unha organización do século XX ou nunha organización do século XXI, que aposta pola democracia interna e o militante.
Acabaron os tempos dos baróns e baronesas. Dos que mandaron e queren seguir mandando dende consellos de administración e portas xiratorias. As Primarias son un gran invento. Un invento molesto.
Como socialista, fillo e neto de socialistas que loitaron pola Democracia na mesma terra na que repousan os osos de Federico García Lorca, estou farto dos discursos prefabricados. Os socialistas de convicción temos moi claro que o inimigo é o Partido Popular, que representa unha forma cruel de entender a sociedade. O que máis nos preocupa é recuperar o noso partido para volver a ocupar a esquerda, o noso sitio e onde nos recoñecemos.
Estas son as reflexións que me fan chegar os militantes, dende a súa humildade ferida e dende "as tripas", que é de onde brota o sentimento socialista. Por iso invitamos a Pedro Sánchez a visitar Ponte Caldelas. Non para molestar a ninguén (teño por norma ética non criticar nunca a compañeiros/as porque ese espectáculo paréceme triste).
No tempo que compartín con Pedro tiven a ocasión de achegarme a unha persoa sensata, con valores humanos e políticos e moi preocupada polo futuro deste país, mesmo antes que polo seu partido. Se había sintonía ideolóxica, creo que podo dicir que agora tamén haina persoal. Díxome que lle falaran moi ben de Ponte Caldelas, que somos un exemplo dun novo estilo de facer municipalismo dende o rural galego, de pelexar contra o caciquismo da Xunta que nos nega os investimentos que nos corresponden por puro partidismo, un exemplo de estar sempre a carón dos veciños, de reducir a débeda á metade en dous anos e baixando impostos. E, sobre todo, de gobernar cun pacto entre tres forzas políticas distintas, dúas de esquerdas (unha constitucionalista e outra nacionalista) e un partido independente. Un exemplo dos novos tempos.
Estou abraiado pola repercusión desta visita e recibo chamadas de compañeiros de toda Galicia que comparten as nosas inquedanzas. Hai moita ilusión en torno á figura de Pedro Sánchez porque é percibido como unha persoa libre e sen ataduras que pode facer historia en España corrixindo os abusos da Dereita. Unha esperanza que comparto. A política sen esperanza convértese niso que padecemos agora mesmo.
Así que moita sorte a Pedro. Conta co meu apoio. Co meu voto.