Pedro J. Peón Estévez
Escóitame ben, Pontevedra
Escóitame ben Pontevedra: Chámome Pedro Peón e nacín en Gándarela ( Lourizán ) en 1950, dez anos antes de que aparecese a Celulosa a foderlle-la a vida ós nosos pais e a toda a súa descendencia. Cansos de aturar aquela podremia, fuximos 25 quilómetros Lérez arriba na procura dun lugar limpo no que vivir pero, inxenuos nós, non contamos que a sombra da Celulosa é moi alongada -coma as raíces do eucalipto-, os seus tentáculos centos e os seus esbirros lexión. Veño de ler que Cerdedo- Cotobade ofrecen terreo para a ubicación da suposta planta termoeléctricá de biomasa da Celulosa... Mintira! Nin Cerdedo nin Cotobade ofreceron nada. En todo caso un tal Balseiros e un tal Cubela. Pero eses dous nada teñen que ofertar porque se dá o caso de que nin Cerdedo nin Cotobade son da súa propiedade...a ver se se enteran dunha puta vez!!.
E mira que volo dixen! Na xuntanza constitutiva da Plataforma Non á Fusión Cerdedo-Cotobade celebrada en Valongo e non atopando razón lóxica que xustificase minimamente aquel enxendro peperil, cadaquén expuxo o seu parecer. Eu dixen que min houbérame parecido razoable unha fusión entre Cotobade e Campolameiro, ambos integrantes de Terras de Pontevedra, de idéntica longura a ambas marxes do Lérez pero unha fusión Cerdedo-Cotobade era totalmente demencial, o colmo do absurdo, unha verdadeira chapuza baseada nun informe chapuceiro, impresentable a todas luces a non ser...a non ser que fose unha artimaña urdida por Balseiros (unha máis), secundada por Cubela e apadriñada por Rueda e Feijóo. Eses eran os actores sobre o escenario pero quen era o Barrigaverde oculto manexando os monicreques? A Celulosa, dixen. Daquela, poucos me creron, arestora está máis que claro. Todas as razóns que recitan este par de paveros xa as expuxen eu en Valongo hai máis dun ano. Era visto. Había demasiados síntomas. O que non había eran ganas de velos. Sempre caemos da burra cando é demasiado tarde.
Pero esta carta non é para narrar contos de aldea. Vai dirixida a Pontevedra, a Vila, a cidade, a Capital. Escoitame ben Pontevedra: se deixas instalar unha planta de biomasa na ría ( enténdase por Ría non só o mar senón todo o que verte nela, é dicir: Vertente sur do Castrove, norte do Morrazo e toda a conca do Lérez ata Noveliza (Aciveiro), se tal consintes date por fodida, (a non ser que esteas disposta a beber, lavar, cociñar, asearte etc. con auga mineral) ti e ámbalas bandas da ría ata Bueu e Sanxenxo.
Hai quen me chamaba alarmista. Agora xa non tanto. Non hai como verlle as orellas ó lobo para terlle respeto. Unha central de biomasa pápase toda a vexetación en quilómetros á redonda que será substituída por cultivos intensivos de eucalipto (pirófito ladrón de auga) Ó faltar o manto vexetal nas alturas, os ríos secan. Iso é así de sinxelo e non ten volta.
De vivir en Pontevedra, eu preocuparíame por coidar e defender a conca do Lérez.
Pedro Joaquín Peón Estévez