Beatriz Suárez-Vence Castro
Entroido
Non imos levar con nós nada que poidamos tocar. Por moito que queramos encher a vida de cousas o que de verdade nos fai ricos son as experiencias, os sentimentos e sobre todo o que dimos de nós, o que compartimos.
As veces, cando miramos ó redor é difícil ter isto presente porque en tempo de crise non é doado manter o sorriso. Sen embargo sempre podemos pintalo, facer o esforzo. Iso é, coido, o que nos ensina o Entroido.
O desfile do sábado en Pontevedra foi o máis longo que se lembra. Nin sequera o frío paralizou as ganas de esquecer tanta inxustiza recente, tanta nova fea.
Puidemos ser o que quixemos: fadas, trolls ,xigantes, mesmo Alicia atravesando espellos, desfacendo a realidade, ou reloxios xogando co tempo ó noso favor. O Entroido na rua é a festa do pobo que non se rinde por moito que zoe o vento na contra, por moito que ouven os lobos. Porque no entroido os lobos son cans mansos e o vento, brisa morna. Son días de voltar o mundo do revés, empurrando a forza de risa, de retranca. Son días de ensinar ós cativos o poder da fantasía, de pechar ós ollos e mirar polos deles, cando o descobren por primeira vez, de facer poderosa a imaxinación.
O entroido en Pontevedra non é tan espectacular coma os de Cádiz ou Tenerife pero ten un carisma que o fai auténtico, que se alimenta de personaxes da Istoria da cidade que é somentes nosa ,coma a botica de Ravachol, o loro que representa mellor que calqueira o humor desta beira da ría.
É difícil, aínda que non teñas a alma de festa, non rendirse ó encanto de algo que sae tan de dentro, que leva tantos anos con nós, que é parte da nosa identidade, dos nosos primeiros recordos de troulas con amigos que senten o mesmo ca ti.
O Entroido na rua é unha manifestación popular tan grande que non se pode disolver. Ten a forza imparable do humor e a imaxinación colectivos. E se ten que chover, que chova. Xa escampará.