Patricia Vilán
A Xustiza pola man: o chamado "Caso Nóos"
"-Salvádeme, ¡ouh, xueces!, berrei… ¡Tolería!
De min se mofaron, vendeume a Xusticia.
-Bon Dios, axudaime, berrei, berrei inda…
Tan alto que estaba, bon Dios non me oíra
Entonces cal loba doente ou ferida,
dun salto con rabia pillei a fouciña,
rondei paseniño…¡Ne-as herbas sentían!
I a lúa escondíase, i a fera dormía
cos seus compañeiros en cama mullida.
Mireinos con calma, i as mans estendidas,
dun golpe, ¡dun soio!, deixeinos sen vida.
I ó lado, contenta, senteime das vítimas,
tranquila, esperando pola alba do día.
I estonces…estonces, cumpreuse a Xusticia:
eu, neles; i as leises, na man que os ferira"
Rosalía de Castro
Esta semana a frase máis escoitada foi, sen dúbida, que en España hai unha Xustiza para ricos e outra para pobres. Repetida ata a saciedade nos cafés, nos bares, nas escolas, na rúa...Non a comparto, nen por razóns xurídicas nen por razóns de oportunidade política.
Lidos multitude de comentarios nas redes sociais e moitos artigos, periodísticos e profesionais, explicarei a miña opinión.
O primeiro que debo aclarar, cuestión fundamental, é que a sentenza non é firme e por iso Urdangarín non ten que ingresar no cárcere se así non se acordase na comparecencia desta semana. Aquí non hai diferencias: son iguais Urdangarín e os meus exclientes da quenda de oficio. Por que? Pois porque existe un dereito fundamental á liberdade. Así de sinxelo.
E o segundo dato a ter en conta é que, neste chamado "caso Nóos", as acusacións non teñen feito ben o seu traballo; fallaron no xuizo e volveron fallar ao solicitar medidas cautelares para Urdangarín e o seu socio. A propia Audiencia Provincial de Palma dixo que non houbo máis argumento para que se acordase a prisión que esgrimir a gravidade da pena imposta (6 anos e 3 meses para Urdangarín). E isto non tería importancia se non estivésemos ante un sistema penal acusativo (ese que só permite que un xuiz me mande a prisión se alguén llo pide...menos mal!) e se non estivese nas mans das acusacións ter que demostrar ás xuizas da Audiencia de Palma que eran necesarias as medidas cautelares que pedían. Porque, non pedíamos unha Xustiza con xuices imparciais que só teñan que dictar sentenza, que só teñan que impoñer decisións porque llo demostra alguén, neste caso as acusacións? Pois as acusacións non o fixeron! Como naquel "caso Pujol" do que algún fiscal notable ten falado tanto.
Non demostraron que houbese risco de destrución de probas: Un imposible porque o xuizo xa foi e xa, salvo excepcións, non hai lugar a practicar ningunha proba máis.
Non falaron de aboar responsabilidade civil porque na comparencia desta semana só tocaba tratar cuestións persoais, é decir, sobre a situación persoal (prisión ou non) dos condenados.
E non demostraron que non hai risco de fuga e que Urdangarín non ten arraigamento acreditado en España. Semellaba que non o tivesen difícil porque vive en Suiza e, pese a non ser país da UE, vai poder pasear por Gales ou Italia sen atrancos, pero non conseguiron demostralo. Ao que hai que sumar que agora xa hai unha condea a 6 anos e 3 meses de prisión e antes do xuizo non.
Agora a pregunta é, se as acusacións non fixeron ben o seu traballo no xuizo e tampouco na "vistilla", van fallar de novo cando teñan que recurrir a sentenza, se é que o fixeran? E, ollo, a Fiscalía tamén é acusación. Seguiremos atentos; darame para outro artigo porque na sociedade seguiremos buscando un chivo expiatorio para canalizar as nosas decepcións. Quizais desexando "Unha Xustiza pola man", como rezaba Rosalía.