A gran familia do rugby galego e, singularmente, a dos practicantes e amantes deste deporte na cidade de Pontevedra, está de loito. O venres, sempre arroupado pola súa familia, faleceu Manuel Garrido Arruti, un dos referentes históricos do deporte do balón ovalado en Galicia. Coñecido por "Arruti" nos ambientes rugbísticos, foise este venres despois de soportar con valentía, e durante moitos anos, unha moi grave enfermidade coa que loitou como o máis bravo dos "pilier".
Como tantos miles de galegos dos anos sesenta do pasado século non lle quedara outra que abandonar a terra que o vira nacer hai 74 anos, primeiro para facer a mili como paracaidista e, posteriormente para forxar un futuro laboral que lle conducirá a unha longa experiencia laboral en Barcelona como empregado bancario. Foi precisamente na capital catalá onde Manolo Garrido descobre o rugby e pasa a formar parte do "quince" do Natació Montjuïc. Neste equipo e onde se forma como xogador, adquire experiencia e, á vez, namórase definitivamente dun deporte que, de xeito activo, ten que deixar de practicalo logo dunha dolosa lesión á temperá idade de 28 anos.
Así e todo, Manolo Garrido procura de seguido continuar ligado ao rugby e, desde Barcelona, convértese nun arbitro que pasa a percorrer semana tras semana todos e cada un dos campos de rugby de Cataluña a apliacar a xustiza da arbitraxe. Un novo papel que compatibiliza coa súa profesión bancaria e que lle permitirá acadar cotas deportivas que como xogador nunca lograra. O seu prestixio como árbitro subiu enteiros co paso do tempo e continuos ascensos de categoría permitiranlle a Manuel Garrido Arruti dirixir en breve tempo enfrontamentos na División de Honra do rugby español. O seu maior éxito deportivo chegaralle cando foi seleccionado pola FIRA para dirixir en Lisboa un encontro Portugal e Marrocos. Un partido celebrado en Lisboa o 21 de Marzo de 1982 e que significou o seu debut como arbitro internacional á vez que, con el, se converterá no primeiro galego que logra un nomeamento de tal altura deportiva.
Retornado a Galicia tamén por motivos laborais, "Arruti" foi dos que en 1983 poría en marcha unha nova Federación Galega de Rugby na compaña de Maxi Casares, Gerardo Dorda, Pedro Cano, Ezequiel Patiño e Pepe Flores. Mais a súa misión principal continuou a ser a arbitraxe e a formación de novos colexiados nun momento que, despois de décadas de silenzo e esquecemento dos seu pasado durante a República, o rugby galego comezaba de novo a espertar. Manolo Garrido pasou neses anos a percorrer humildes campos de xogo soportando as máis das veces "patatais" e vestiarios en precario, sen que seu entusiasmo e entrega non lle conducise senón a procurar a dignificación, tanto da propia arbitraxe, como á reivindicación de instalacións dignas e a seguridade médica dos xogadores.
Desenvolvendo a súa actividade laboral xa na cidade de Pontevedra, en 1988 recibiu con enorme alegría a fundación, por parte dalgúns daqueles xogadores que dirixira como árbitro nas competicións universitarias galegas, do Mareantes Rugby Clube Pontevedra. El foi dos primeiros que ofreceu os seus consellos e experiencia para que aquel grupo de universitarios, encabezados e animados por Benito Hermida, e que retornaran á cidade despois de practicar rugby mentres estudaban as súas respectivas carreiras, asentasen de xeito pioneiro o rugby na cidade do Lérez. Manolo Garrido Arruti pasou a ser o primeiro Presidente do recién creado Clube e unha referenza para todos eles. Tanto no aspecto asociativo, desde o seu talante como árbitro, como por medio das súas conversas no "terceiro tempo", enchidas sempre de anecdotario, e tantas veces referidas aos seus heroicos tempos de arbitraxe en campos míticos como o Baldiri Aleu de Sant Boi Llobregat, a Foixarda de Barcelona, o Central da Complutense ou no de Orcasitas, nos que el tivera o privilexio de dirixir aos grandes nomes do rugby español como o lendario Moriche.
Manolo Garrido Arruti viviu con satisfacción e orgullo o activo desenvolvemento do rugby galego e a aparición de quinces en practicamente todas as cidades do país. Retirado da arbitraxe por motivos de idade, sempre se mantivo atento aos éxitos tanto do seu querido Mareantes RCP como das formacións galegas que chegaron a categorías que nunca antes se acadaran nin se soñaran. Un primeiro recoñecemento a súa ampla traxectoria chegaralle cando un encontro internacional entre España e Portugal celebrado en Santiago en marzo de 1999 foi celebrado na súa homenaxe. Posteriormente, cando xa se lle detectara a súa dura doenza, os seus vellos compañeiros do Mareantes Rugby Clube Pontevedra, reuníronse no desaparecido campo de rugby do Estadio da Xuventude —alí comezara todo— para xogar un partido de confraternidade no que participaron boa parte dos que, con el, fundaran décadas atrás o xa histórico quince pontevedrés, e naquela misma data foi nomeado Presidente Honorífico do Mareantes.
Manolo Garrido Arruti, que co mesmo espírito que aplicou ao rugby, foi igualmente un sólido sindicalista que arroupou como delegado sindical aos seus compañeiros de traballo nos difíciles momentos da restruturación bancaria. Máis tamén un firme protector das comunidades de montes en man común de Ponte Caldelas, o concello de onde era veciño e no que, coa súa dona María del Carme e os seus fillos Javier e Jesus, a súa neta Noela, tiña sempre aberta a súa casa familiar.
O recoñecemento do papel de Manuel Garrido Arruti en prol do rugby catalán, no seu día, do español como árbitro internacional que foi, e do rugby galego desde a súa mestría e carácter, referedarase a xeito dun minuto de silencio oficial que se gardará na súa memoria en todos por todos os campos e categorías. Unha homenaxe merecida e tamén unha evocación aos tempos históricos dun deporte que Manolo Garrido fixo un pouco máis grande.
Antonio Lemos foi presidente da Federación Galega de Rugb e do Mareantes Rugby Clube Pontevedra