Xermán Torres
Deberes si, deberes non? Isa é a cuestión
Teño escoitado e lido moitas veces aquelo de que a virtude está no xusto medio. De certo que o equilibrio, o sentido común e a harmonía son valores que compre ter en conta.
Sobre o tema dos deberes e tarefas escolares para levar á casa tense falado e escrito moito e con disparidade de criterios e de opinións.
Hai posturas que sinalan que nada de deberes para a casa. Por exemplo, unha personalidade pontevedresa que teño estudiado moito e que foi un gran docente e director escolar, Xosé Filgueira Valverde, mantiña esta posición e en moitos dos seus libros de texto da súa especialidade de Lingua e Literatura españolas, nas orientacións pedagóxicas e didácticas para o profesorado dicía taxativamente: "Nada de deberes para casa". Tamén é ben coñecida a súa opinión contraria sobre as chamadas pasantías ou clases particulares.
Os partidarios desta postura aducen que os nenos e mozos teñen xa unha cargada xornada escolar e teñen o seu dereito ao tempo de lecer e ao tempo de xogo cos iguais (que eu valoro enormemente).
Logo hai opinións moi a favor dos deberes para a casa, cantos máis, mellor.
Teño falado deste tema co profesor e presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, quen se mostra a favor dos deberes para a casa dun xeito razoable. Porque isto pode ser causa de desigualdade social. Se os cativos das clases desfavorecidas non adoptan uns hábitos de estudo e non traballan un pouco diariamente nas súas casas van saír prexudicados.
Con todo, sempre pode haber unha terceira vía, un punto de equilibrio. Efectivamente, hai que crear no alumnado un hábito de traballo intelectual e académico na casa, un tempo de dedicación ao traballo persoal, á lectura e ao estudo.
Mais isto non debe supoñer cargar aos rapaces de moitas tarefas repetitivas, mecánicas e aburridas. Hai que encargarlles pequenas tarefas de indagación-investigación, de creación, onde poñer en xogo a inventiva e a orixinalidade. Propoñer actividades que sexan atractivas, interesantes; mesmo divertidas, como pequenos desafíos, como retos. Que fagan que os nosos nenos e mozos dean o paso de estudiantes a estudosos, como ben dicía o tamén profesor e lembrado intelectual, Antón Fraguas, que descubran no estudo un pracer; o pracer por saber, por coñecer, por descubrir. Iso é chegar a ser un estudoso, un amante das letras, das ciencias, das artes. E organizándose ben, cunha boa planificación hai tempo para todo.
Pero iso si, isto é moi importante, tanto ou máis que os deberes, os nosos nenos e mozos teñen que ter o seu tempo para xogar e para estar na compaña dos seus iguais. Isto favorece a socialización e o equilibrio persoal e psicolóxico.
Deberes si, con moderación e equilibrio e que sexan tarefas que engaiolen aos máis novos; que os convertan en estudosos, amantes do saber e do coñecemento para seres cidadáns libres e felices.