Beatriz Suárez-Vence Castro
Carmen Quinteiro e O Gato de Cheshire
Os pequenos anacos da vida son os que máis se gozan. As persoas que coñeces sen que fagas nada por atopalas.
A Ismael Cabaleiro coñecino na casa da miña nai por un cúmulo de casualidades que, como moitas, comenzan cunha conversa coa miña amiga María, da que sei que sempre, vai chegar algo bo.
Eu celebraba o aniversario dun familiar moi querido para mín e andaba na procura dunha persoa que finalmente non atopei. María, que sempre sabe no que ando a teimar, atopou a Ismael para mín. El chegou, tocou xunto con dous amigos seus, e entre os tres puxeron o toque de maxia que eu andaba buscando para que a noite fose redonda.
A Carmen cheguei por outra carambola feita de coñecidos comúns e por esa amabilidade súa que a fai tan cercana sen coñecela e que ,cando a coñeces, faite querela. Agora xa é habitual na miña axenda. Ela e a súa poesía. Dende a beira que sexa.
E un día a miña amiga María, a mesma que me falou de Ismael por primeira vez, pon un video no Face e dime: "Chámanse O gato de Cheshire; Tes que escoitalos". E pensei: "vale xa o farei". E non o fíxen.
Pero a carambola xa estaba empezando a formarse a pesar da milla falla de colaboración. Carmen Quinteiro amosa un post de O Gato de Cheshire e volve a aparecer Ismael. Entón como a miña amiga María leva dende os catorce anos dicindo que non a escoito e eu non quero por nada do mundo darlle a razón, avísoa de que aqueles músicos dos que falara tocan en Pontevedra e escoito por fín o video que colgara, sen saber ata entón que Ismael Cabaleiro é o cincuenta por cento de O Gato de Cheshire.
No concerto reencóntrome con Ismael e a súa música, as vibracións que consegue arrincar das cordas do seu violín e escoito por primera vez a voz e a guitarra de Jonathan Balbuena, a outra metade do gato de Cheshire. Admírame a valentía con que ambos versionan a Revólver ou La Frontera, entre temas de seu. entre frases de Galileo que fanme erizar a pel, a dozura que conseguen coa Bossa Nova, a maneira de casar a guitarra española e o violín; o fácil que fan algo tan difícil.
Non me queda máis remedio que darlle, a razón a María: pode que as veces non lle preste toda a atención que debería. Esta frase que endexamais voltarei repetir diante dela débese a caprichosa casualidade. A casualidade pola que coma nunha serendipia, buscando algo bo, atopas algo mellor.
O gato de Cheshire, o nome do dúo musical é un personaxe da literatura popular inglesa que se fixo moi coñecido por aparecer na obra de Lewis Carrol: Alicia en el país de las Maravillas. Socarrón e un pouco inquedante, como todos os gatos, ten a peculiaridade de aparecer e desaparecer a sua vontade. É ademáis un gato filósofo e caracterízase polo seu peculiar sorriso. A mín gústame dende sempre, a pesar de que no meu corazón sempre haxa un can, ou unha cadela.
O venres pasado no Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra estivo Carmen Quinteiro, recitando, e misturándose coa sua voz, outra, a de Jonathan Balbuena coa sua súa guitarra. Acompasando os dous estaba tamén Ismael Cabaleiro, suliñando os versos, contestando as voces, falando baixiño ou berrando; facendo todo iso mentres vibraban as cordas do seu violín.
Despois de escoitar os tres xuntos, pregúntome como raio puiden eu deixar entrar así un gato na miña vida. Un gato que, moito me temo, chegou para quedarse.
A única explicación que se me ocorre é que Sueños, a gata de Carmen, e Nora, a miña cadela, anden a conspirar entre elas para que as súas compañeiras humanas non poidamos pensar nunca máis que, a estas alturas, a vida non sorprende para ben. Abofé que o fai.
A próxima cita co gato e con Carmen téñoa en Santiago, o 29 de Decembro en Calderería, onde tentarei levar a miña amiga María, a que empezou a metade de toda esta lea. Ela aínda non coñece a Carmen e eu non podo permitir que non saiba dela . Aínda que como María, leva dende os catorce anos sen escoitarme, non sei se o fará esta vez. Quizáis sí, se lle digo as palabras máxicas, as que a teñen hipnotizada: "María: toca o Gato de Cheshire, ímos?".
Vaian vostedes tamén a escoitalos a Calderería ,fagan o favor, se gustan da música e da poesía. Axudarame ter compaña se a miña amiga, finalmente, non vai, porque eu non podo quedarme soa cun gato que sorrí desa forma na noite. Por moito que estea tamén Carmen Quinteiro para axudarme a espantar os meus medos cos seus poemas.