Beatriz Suárez-Vence Castro
O Centolo e o Banco de Alimentos
Miren que levaba eu unha tempada ben caladiña sen facer peticións ó alcalde Lores. Pero é que onte tiven un día moi raro. Estivo cheo de sinais, e ós sinais hai que facerlles caso. Non me refiro os de tráfico, que tamén son ignorados con frecuencia, senón os outros, coma cando levas meses "escaqueándote" de ir ó dentista, facendo ioga para non notar a dor no dente e o teu fillo pregúntache de repente se existe o ratonciño Pérez. Ese tipo de sinais.
Eu levaba moito tempo querendo suxerirlle ó alcalde, aparte do carril bici polo centro da cidade (que xa é como Wally nos meus artigos, se o buscan ben sempre aparece) pois, aparte diso, pensaba eu que sería bo poñer uns colectores onde depositar a comida que sobra dos restaurantes e bares, sempre que os propietarios dos mesmos estean dacordo. A razón é ben simple: Pontevedra está moi sucia.
Por motivo da crise, temos unha cantidade importante de xente que vive na rúa e que, por distintas razón, non se achega aos comedores sociais e anda a remexer nos colectores de lixo na procura de algo para comer. Esta estampa tan triste e tan urbana que hai un tempo só se vía en cidades meirandes ca nosa, está a se converter en algo habitual. O problema, aparte da desgraza que sofre a persoa que se atopa en tal situación, é que, ó remexer no lixo, vai descartando, é dicir botando fóra do colector, o que non pode comer e o lixo termina espallado pola beirarrúa.
Os que temos cans somos ben coñecedores do problema porque os nosos animais sempre están dispostos a botar a boca ó que deixan tirado e solucionar o tema. Pero nós non os deixamos porque o que a man famenta do humano descartou antes non está en condicións de ser comida tampouco polos nosos compañeiros peludos.
Como sei que este tipo de cousas adoitan considerarse mal menor, estiven ben caladiña coma se a cousa no fose comigo. Ata hoxe. Porque o luns, coma lles dixen, foi un día de sinais que lles paso a contar:
Despois de facer unhas xestións mañaneiras, cheguei ó mediodía a zona do Hospital Provincial, algo habitual no meu percorrer dende casa da miña nai ata a academia, e vin achegarse un fotógrafo que traballa en La Voz de Galicia e a un grupo de personalidades locais ata o que antes eran as escaleiras. Así que branco e en botella. Alí tiña que estar o alcalde para facer a foto das obras de remodelación da entrada principal. E efectivamente: Aló no alto, atopando o seu lugar para a instantánea, estaba o edil.
Como eu ía a fume de carozo non podía esperar para falar con el e facerlle a miña petición e pensei que tanto tiña. A cousa podía esperar. Pero o que pasou despois convenceume de que era máis urxente do que parecía. A cousa foi que atopei un centolo na calzada. Como llo conto.
Levei a miña cadela polas inmediacións da Praza de Galicia e alí estaba.
Era un centolo fermoso, con bastante boa cor, feitiño, con todas as súas patas. Mirei dúas veces porque non son quen de atopar así un centolo mirándonos a min e a miña cadela dende o medio da rúa sen desconfiar do que estou vendo. Pero si. Alí estaba.
A miña cadela está máis interesada na carne de tenreira ou nos carozos de polo que forman parte da paisaxe que solemos atopar así que cheirou o centolo, miroume con cara de decepción e seguiu investigando ata que a mandei finalizar as suas pescudas.
Comprenderán agora que atopar a Lores e un centolo na rua no mesmo día non son sinais que se podan ignorar. Así que, xa non podo permanecer calada: pídolle o Excelentísimo Señor Alcalde e mais os hostaleiros que, por favor, miren de amañar este problemiña que temos de organización de residuos.
As ceas de Nadal de empresa e familiares están ó caer e o marisco pode moi ben ocupar varios metros de calzada. Os "gorrillas" non van dar feito apartando centolos para que a xente poida aparcar. Algún condutor pode haber que ó saír un pouco achispadiño, o xusto para non dar positivo, non lembre onde deixou o coche e atope unha familia de centolos no seu sitio. Pode ser, imaxino, unha experiencia moi desconcertante e mesmo traumática se o condutor é persoa sensible.
Pode ser, imaxino, unha experiencia moi desconcertante e mesmo traumática se o condutor e persoa sensible.
Tamén pedir ós particulares que miren ben o que fan coas sobras da cea e mesmo os aperitivos porque tal e como vexo as cousas, se empeza por uns ósos de olivas e rematase plantando bacallau e coliflor nunha rotonda.
Este tema do centolo lévame tamén a destacar un ano mais a inconmensurable labor que fai o Banco de Alimentos na nosa cidade que, dende hai anos, encárgase de que as familias menos favorecidas teñan a súas provisións indispensables de cara as Festas.
Soliedariedade verdadeira é o que levan a cabo organizadores e voluntarios. A fin de semana pasada recolléronse en Pontevedra produtos de primeira necesidade nos supermercados na chamada Operación Kilo que este ano contou co reporteiro vigués Gonzo como padriño para atender as necesidades dunhas 25.000 familias que, mentres os demáis comemos ata fartar, non poden nen encher a cesta da compra porque carecen dos recursos suficientes.
A miña noraboa a todos os voluntarios que adicaron unha parte do seu tempo libre a axudar e máis a Federación Provincial Banco Alimentos. Estas iniciativas supoñen ademais unha razón moi clara para subliñar a incoherencia da comida, moita dela en perfecto estado que se bota ó lixo.
Centolos fóra da rúa, xa!