Tribuna Viva
Corrupción ambiental en Pontevedra!
O goberno español vén de presentar un novo proxecto de Lei de Costas que na práctica vai supor a privatización do noso litoral e que, entre outras cousas, contempla a prórroga das concesións en terreos de dominio público por 75 anos mais, unha prórroga que para certas empresas (entre elas as do sector da pasta de papel) quedaría a expensas dun informe favorábel do goberno autonómico.
Na Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) somos conscientes das escasas posibilidades de que a Xunta de Galicia emita no seu día un informe contrario a continuidade de ENCE na Ría, e abondan as probas que demostran a existencia dunha absoluta conivencia entre a Xunta e os directivos do complexo industrial. En calquera caso, desde o goberno galego téñense feito numerosas declaracións insistindo na súa vontade de impedir con ou sen modificación da Lei de Costas- a permanencia de ENCE en Lourizán mais alá do 2018, unhas declaracións que poderían pasar factura ao PP galego no caso de emitir un informe favorábel á empresa.
E tardou ben pouco o PP en dar coa solución satisfactoria para os intereses de Xunta e ENCE; nunha volta de torca sen precedentes, o PP vén de alegar contra o seu propio proxecto de lei para que o goberno central poida obviar o informe autonómico argumentando o interese xeral. Deixa así nas mans do goberno central a decisión última e mesmo permitiría así á Xunta emitir un informe contrario á continuidade de ENCE na Ría sen pór en perigo os intereses da pasteira nin os seus intereses electorais.
Unha prórroga de 75 anos suporía un claro exemplo de inxustiza social e ambiental, xa que impediría a recuperación da Ría, da calidade de vida e da economía da comarca, que só pode vir da man da explotación racional dos recursos naturais e do turismo, un modelo económico sustentábel incompatíbel coa presenza de ENCE-ELNOSA en Lourizán que vén sendo esixencia dunha ampla maioría social.
Estamos, xa que logo, diante dun novo caso de corrupción ambiental en Pontevedra, dun novo caso de conivencia das administracións coas empresas contaminantes; trátase dunha empresa que ten esgotado o seu tempo de vida en Lourizán e que sempre se caracterizou polo seu absoluto desprezo polo medio e pola cidadanía; que foi condenada pola comisión dun delito ecolóxico continuado no tempo. Por iso non podemos permitir unha nova prórroga a ENCE, por iso temos que impedir a aprobación desta nova Lei de Costas. E só coa mobilización social poderémolo conseguir.
Antón Masa, presidente da APDR.
11.02.2013