Daniel Froiz
O Apóstolo
Unha vez máis a animación galega é candidata para os premios GOYA. Esta vez en plastilina. O Apóstolo é un proxecto que ven de moi lonxe. Fernando Cortizo xa nos falou del hai máis de cinco anos. Daquela, acabáramos de producir xuntos a curta O ladrón de bonecas fermosa peza na que Fernando xa mostraba toda a súa capacidade para escribir e dirixir historias de intriga. A ambientación foi Santiago de Compostela, logo con O coidador de gatos foi Pontevedra. Despois, O Boiro. En cada curta ía descubrindo ao espectador un mundo novo, burtoniano en parte, máis sempre apegado ao folclore galego, ás nosas raíces, ás nosas lendas e tamén á nosa actualidade, aos nosos problemas de hoxe en día. Cada decorado, cada boneco, introdúcete neste mundo propio, cheo de matices que conseguen que esquezas a plastilina e o cartón pedra, para ver lugares, personaxes e historias.
Despois veu a longametraxe. Botaron moitos anos de traballo. Acadar o financiamento para un traballo deste tipo é moi complicado. Axudas públicas, vendas e prebendas nacionais e internacionais, inversión privada, crowfounding (610 persoas puxeron do seu peto para iniciar o proxecto). Isabel Rey, na súa primeira película como produtora, a artífice.
Buscando a verosimilitude nas personaxes, os actores non só cederon a súa faciana, para ser reproducida en plastilina, senón que fixeron a posta en escena das súas intervencións (estilo Dogville, con decorados marcados no chan) para que a partir de aí a equipa de animadores reproducise os seus movementos. En stop motion. Cada segundo, 14 cadros.
Paul Natschy, Luis Tosar, Geraldine Chaplin, Carlos Blanco, Celso Bugallo, Isabel Blanco, entre outros, os actores e actrices.
A dimensión onde nos traslada esta técnica é, sinxelamente, máxica. O Apóstolo, para máis orgullo galego, leva a historia da Santa Compaña por festivais de todo o mundo. Polos mellores. A música de Philip Glass envolvéndoo todo.
A miña intención no é facer unha crítica desta película, nin desta nin de ningunha, xa que pertenzo directamente a este sector, son partícipe del e perdo a distancia e a obxectividade necesarias para a boa crítica. Máis é a crítica, a especializada, a boa, nacional e internacional, a que é practicamente unánime na excelente consideración de O Apóstolo.
Esta marabilla de filme o ten todo. Segue loitando coas salas comerciais na procura do espazo que merece e co monopolio da industria americana que en conivencia coa lexislación vixente lle quita. Pero cada día chega a máis xente e non hai monopolio, non hai institución, goberno ou mafia que pare á xente. E a xente quere ver filmes coma O Apóstolo.
Ademais cabe dicir que se O Apóstolo e actualidade pola candidatura aos GOYA, tamén o é para min porque o xiro final da película define moi ben o sentir anímico da nosa sociedade hoxe en día, nun país onde todo o mundo rouba e pretende privilexios, quizais o mellor sitio para vivir é onde o protagonista de O Apóstolo remata, de motu propio. Gañe ou non a estatuíña, estou seguro de que se converterá nunha película imprescindible e que ninguén se arrepentirá de vela. Isa e Fer merecen ese Goya.
3.02.2013