Julio C. Piñeiro
Crítica de cine: El lado bueno de las cosas
Pode parecer temerario, ou o que sería peor, propagandista e tendencioso, facer unha película que invite, dende o mesmo título, a ver o lado bo das cousas nestes tempos que corren. Agora moitos pensaredes nese tan controvertido anuncio de Campofrío nas pasadas festas de Nadal, que ademáis veu aderezado con tintes de orgullo nacional, entre a caspa do costumbrismo o berro dos desheradados, para uns unha maniobra panfletaria do sistema e para outros unha chamada a despoxarse dese histórico sambenito do complexo de inferioridade. Pero a historia que nos ocupa vai completamente por outra dirección, anónima, íntima (e persoal) e minimalista, na que a grandilocuencia colectiva (como a publicitaria) contrasta co descubrimento desas pequenas cousas que nos levan á felicidade, ese vellocino de ouro que todos perseguimos, e as veces non deixamos de ver como un soño imposible.
A película de David O. Russell, adaptando a novela de Mattew Quick, é outra cousa. Ao igual que os "silver linings" do título orixinal teñen unha dimensión metafórica moito maior cá da súa traducción ao castelán. E non se debe valorar dentro do contexto actual nin calquera outro, xa que esta relato da condición humana e a superación das propias pantasmas vólvese atemporal e universal a pouco que entramos na historia particular dos personaxes que a protagonizan. A narración camiña dun constructivo e sincero "un cravo quita outro cravo" (maniobra máis balsámica e redentora do que a súa simplicidade de plantexamento suxire) a un máis profundo, aínda que intrincado, "menos por menos é máis", unha lección de vida, de cómo saír adiante.
Un intenso e emocionante drama de redención emocional a través do amor e do apoio mutuo que queda lastrado a última hora por unha resolución demasiado vaga e simplona, que non está a altura da brillantez que caracterizaba o filme ata ese momento. Ao contrario do que sucede case sempre, aquí dez o quince minutos de máis de metraxe non só quedaría bien, senón que tamén resultaban necesarios ata certo punto. Unha pena, a verdade, porque o clímax emocional da película é dunha calidade compositiva e temporal abraiante, culmen dun continuo e harmónico crescendo dende o minuto uno da película.
Russell demostra unha vez máis a súa excelencia como dialoguista e a súa versatilidade como director: tanto levaba con pulso e tino as loitas no ring en The fighter como agora se mostra solvente noutro tipo de ring, o do baile, auténtica metáfora que na súa beleza estética (reforzada por unha soberbia química entre os compenetrados Jennifer Lawrence e Bradley Cooper) contén un intenso subtexto significativo, xa que a verdadeira danza é a das emocións humanas entre dous animais feridos, apaleados pola vida.
Sensacional por tanto a dirección de actores, outro forte do cineasta dende os seus inicios, nesa escola sobresaínte que é Sundance e unha tendencia cada vez máis presente, da que o neoyorquino segue sendo un dos maiores exponentes. Bradley Cooper no seu mellor papel ata o momento, en perfecta tensión sexual coa revelación do ano, Jennifer Lawrence (que cheira a Oscar, como case todo o que tocan os irmáns Weinstein), nunha sinerxia que leva o fío e o ritmo da narración ás costas. Tamén o mellor De Niro en moito tempo, un descubrimento tardío como Jackie Weaver e ata un insólito rol secundario para un irrecoñecible Chris Tucker.
Pois iso, que vaia mágoa de últimos cinco minutos.
(A crítica ampliada en: EnClavedeCine)
25.01.2013