Adrián Estévez Iglesias
Lecturas desde O Alcouce: 'A pensión Eva'
A pensión Eva é unha novela do autor siciliano Andrea Camilleri. Foi publicada en italiano en 2006, e nese mesmo ano apareceu editada en galego da man de Galaxia, con tradución de Carlos Acevedo. Cómpre sinalar que non é un autor de fácil tradución, pois a súa linguaxe literaria contén numerosos elementos do dialecto siciliano.
Camilleri acadou sona en Europa como autor de novela negra grazas á saga do inspector Montalbano. Porén, esta novela escribiuna por diversión pouco antes do seu oitenta aniversario. A trama está ambientada na súa vila natal a comezos da década de 1940. O texto non é autobiográfico, aínda que a pensión Eva si que existiu en realidade.
O protagonista é Nenè, un rapaz que sospeita que a Pensión Eva non é unha hospedaxe como as outras da vila, xa que de día está sempre pechada. É a súa curmá Angela quen lle explica que a pensión é un prostíbulo. Canda a Angela, aínda na preadolescencia, descubren a sexualidade a través do xogo, mais ten un intenso conflito persoal por mor da educación católica recibida. Tempo despois, xa de adolescente, Nenè adoita ir cear ao prostíbulo cada luns cos seus amigos. Alí traba amizade coas prostitutas, a maioría delas chegadas da Italia peninsular, e que adoitan permanecer na pensión non máis de dúas semanas. Elas cóntanlles anécdotas e vivencias, desde as peripecias dos seus amantes á militancia política das rapazas. A chegada a Sicilia da Segunda Guerra Mundial trouxo bombardeos á cidade e o desembarco de tropas alemás e finalmente estadounidenses. En paralelo á loita da xente pola supervivencia, o prostíbulo segue funcionando. Por el pasan persoas como Calcedonio, un home de 80 anos xa impotente que recupera a súa virilidade durante un bombardeo, ou Tatiana, unha puta comunista que colabora coa resistencia partisana.
A cidade natal do autor, Porto Empedocle, aparece transfigurada na novela co nome de Vigàta. Empregou este recurso por vez primeira na novela Un fio dei fumo, e a poboación colleu fama por acoller a saga de Salvo Montalbano. De feito en 2003 as autoridades mudaron o nome oficial do concello por Porto Empedocle Vigàta, mais en 2009 a decisión foi revocada. A vila, chamada así na memoria do filósofo Empédocles, conta cunha escultura do famoso inspector.
Tematicamente a obra recolle a pegada do neorrealismo italiano, ao facer unha crónica do cotián en momentos difíciles e amosar as condicións sociais e humanas. Tamén está presente o conflito coa moral cristiá e son de grande importancia os diálogos, pois a interactuación entre os protagonistas é o elemento central da obra. Neste sentido, é visible a formación do autor no mundo do cinema, posto que traballou como guionista en diversas adaptacións.
A pensión Eva (Editorial Galaxia, 2006)
152 páxinas. ISBN 9788482888248