Jorge Cubela López
Defectos e afectos da política...
Non hai que ser licenciado en case nada nin deses todólogos que falan de todo sen saber de nada, así, en ocasións, penso no intelixente que era Sócrates recoñecendo a súa "ignorancia", para darse conta que estamos, atrévome a dicir, ante a peor crise institucional da democracia, pola falta dunha lei clara para o financiamento dos partidos políticos, a fraude patente e latente, e a ruptura constitucional por parte do poder político e a inexistencia dunha separación de poderes clara e efectiva, na que o Executivo ten ao seu dedo poder nomear dende o CGPJ ata o Presidente do Museo do Prado.
O futuro inmediato da nosa democracia pasa por solucións políticas. Que ninguén se confunda. Ninguén de "despacho" vai sentir a chamada do poder senón ten unha vocación de servicio pública.
Encántame ser ousado, porque creo que é o que temos que facer os mozos. Para comulgar co sistema establecido xa están os da retirada.
España sentou cátedra no ano 76 desde a propia legalidade xurídica ao aprobar nas Cortes Xerais o camiño a unha legalidade nova, desde a Lei de Reforma Política creáronse os instrumentos para o advenimiento dunha democracia coa súa respectiva Constitución.
Nunha democracia, a lexitimidade só a dá as urnas.
Ante a desafección cidadá que existe cos políticos, eu sempre defendo que debemos reafirmar a condición de que a maioría dos políticos loitan polos seus ideais, fortalecidos pola soldadura de partidos políticos que representan os diferentes modos de entender a sociedade. Que nos medios de comunicación presenciemos cada día múltiples casos de corrupción é a noticia de sensación, cando deberíamos de falar tamén desas innumerables persoas de ben que cada día tratan de axudar ós demais dende a representación pública, a ese poder político municipal que, sen ter en conta a ideoloxía dos seus administrados, pelexan ante as administracións para que os cidadáns afectados por distintos problemas vexan resoltas as súas dificultades.
En xeral, non quere dicir que agora haxa máis corrupción que fai 10, 20 ou 40 anos, senón que, precisamente, agora estase a perseguir os modos ilícitos de certas persoaxes que non representan a ninguén, sexan da cor que foren, nin a un país que, despois de 40 anos de Dictadura, soubo asentar os piares dunha democracia sólida, moderna e europea dende os principios da convivencia, da tolerancia e da bandeira do recoñecemento dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas, así como os feitos culturais dos seus territorios.
A xuventude ten moito que dicir nun momento en que todo está sendo sometido a debate, plantexándose cuestións metafísicas de quen somos e cara onde queremos camiñar.
O máis doado para moitos sería non renunciar a certas cuestións personais, e seguir facendo unha vida normal, mais iso sería unha traición a un mesmo nun momento en que as circunstancias me facilitaron no seu día a dar o paso e entrar na acción política para traballar polo meu pobo, dende o pobo, para o pobo e ao servicio do pobo.
21.01.2013