Natalia Puga
Un documental para non 'despistarse' con Angrois
"Me despisté", dixo Francisco José Garzón Amo ao posto de control de Renfe nada máis descarrilar o tren Alvia na curva da Grandeira o 24 de xullo de 2013. "Espero que no haya muertos porque caerán sobre mi conciencia", engadiu cando ninguén podía imaxinarse o fatal desenlace de 80 falecidos e 144 feridos do que é o accidente ferroviario máis grave da Democracia en España. Ese descoido e que circulaba con exceso de velocidade recoñeceuno desde entón. A día de hoxe, coa instrución xudicial pechada, manteno como o único imputado por estes feitos. Pero ese descoido do maquinista non é, para a Plataforma Víctimas Alvia 04155 a única causa do sinistro. Non sosteñen esa afirmación no convencemento persoal nin en opinións particulares, senón en datos e nunha análise minuciosa de informes e documentos técnicos e dende o pasado outubro compárteno con todos os cidadáns a través do documental Frankenstein 04155. Actualmente en proxección en salas de cinema de varias cidades -ata este mércores tamén en Pontevedra- converteuse nun recurso imprescindible para quen non queira despistarse co que ocorreu aquel día no barrio compostelán de Angrois, para que o único descoido siga sendo o do maquinista e a verdade oficial non manteña despistados aos cidadáns.
Moito descoido para un só parágrafo, pero neste caso parece que se fai necesaria a repetición. O documental dirixido por Aitor Rei e producido por Boneca Lareta busca dar voz ás vítimas do Alvia, durante dous anos practicamente silenciadas salvo elogiables excepcións e o bo facer dalgún xornalista, pero busca, sobre todo, dar a coñecer a verdade e conseguir que se faga Xustiza. Para ambos os obxectivos faise necesario que responsables políticos e técnicos non se fagan os despistados e que o sector xudicial non se deixe despistar. O sobrepeso do tren, didacticamente explicado con gráficos e documentos, é un deses datos cos que nin políticos nin técnicos e xuíces e fiscais poden mirar cara a outro lado tras ver Frankenstein e, por se tiñan a intención de facelo, a plataforma tamén o engadiu ao proceso xudicial e utilizouno como argumento para tentar impedir o peche da instrución co maquinista como único imputado.
Si, engadírono ao proceso xudicial. E puideron facelo porque, como toda a información difundida neste documental, está baseada en informes técnicos de especialistas. Ata doce enxeñeiros están detrás do contido de Frankenstein 04155 porque tanto o director como as vítimas quixeron que esta non fose unha reportaxe máis cargada de bágoas ou de testemuños dolorosos, senón un documental rigoroso que arroxase luz sobre unha traxedia -non lles gusta chamarlle accidente- que "podía haberse evitado" se o tren que cubría a liña Madrid-Ferrol levase as máximas medidas de seguridade, se contase co sistema europeo de control continuo da velocidade ERTMS. Dúas decisións de 2011 e 2012, con gobernos diferentes do PSOE e o PP, levaron a que nin a vía do sinistro nin o tren descarrilado tivesen ese sistema, pero os responsables de adoptalas "están escondidos". Dio no documental Javier García Municio, pai dun mozo cuxa vida se viu truncada nas vías de Angrois, e recolle o sentir da maior parte dos feridos e familiares e de falecidos. Eles non queren vinganza, saben que "nada me va a devolver a mi hijo", pero, para poder poñer un punto e seguido e sentir que, en certo xeito, as feridas empezan a pecharse e o dano empeza a ser reparado, necesitan que alguén á parte do maquinista asuma a súa responsabilidade. Necesitan que se saiba a verdade e en Frankenstein 04155 atoparon o único camiño para chegar a ela. Se o conseguen ou non deberán xulgalo o espectador ou, en todo caso, un xuíz, pero do que si poden estar seguros é de que quen vai a velo abandona a sala de cinema un pouco menos despistado.