Tribuna Viva
Os lombos salvan vidas
Somos técnicos en emerxencias sanitarias. Temos asistido a máis atropelos e accidentes de tráfico dos que desexariamos, e por iso queremos dar a nosa opinión publicamente, a partir da nosa propia experiencia, sobre o debate arredor dos lombos existentes na cidade de Pontevedra.
É evidente que os lombos das estradas teñen como obxectivo dificultar as condicións de circulación de calquera vehículo e, tamén, os traslados en ambulancia, xa que fan reducir drasticamente a velocidade -aumentando o tempo de resposta e asistencia- e tamén, provocan un impacto no vehículo que pode alterar a estabilidade do/a doente.
Mais os lombos non son os únicos elementos que dificultan a nosa circulación, tamén o fan, en diferente medida, as rotondas, os semáforos, a velocidade máxima a 30km/hora no casco urbano que agora se pretende trasladar a todas as cidades europeas, e, mesmo, o feito de que os rotativos das emerxencias non sexan azuis. Malia todo, cada un destes elementos é necesario nas nosas estradas porque cada un cumpre a súa función para aumentar a conciencia de condutores/as e peóns, mellorar a seguranza viaria e evitar accidentes graves ou mortais nas rúas de Pontevedra.
No caso dos lombos, o obxectivo é duplo. Coa súa instalación preténdese axudar a calmar o tráfico, para poder evitar accidentes, sobre todo atropelos, e
tamén permitir a mobilidade dende as beirarrúas a persoas maiores, persoas con mobilidade reducida, persoas con crianzas ou a calquera persoa que se despraza a pé ou en bicicleta, promovendo unha cidade inclusiva e integradora.
Calquera pode entender que sen este tipo de medidas aumentaría o número de sinistros, polo que evitar que estes acontezan é antepoñer a seguridade e
tentar salvar vidas a outro tipo de intereses ou reticencias.
Somos moitas as persoas, sobre todo aquelas que temos crianzas, que nos sentimos algo máis seguras cando temos lombos preto das nosas casas, e moitas son as que os solicitan, cando nos os teñen, para evitar que pase unha traxedia. Polo tanto, os lombos non son caprichos, son necesarios porque son útiles para salvar vidas. Por iso o debate non está en que haxa ou non lombos.
Ese debate ademais de falso, significaría un retroceso inxustificado en seguranza viaria nunha cidade como Pontevedra que hoxe está entre as máis seguras do mundo. A cuestión está na necesidade de mellorar os existentes, en como están feitos e na localización e construción dos lombos futuros.
Por norma parece que os lombos se fan á mesma altura das beirarrúas, independentemente que estas teñan 5 centímetros de altura ou 20, o que provoca que algúns se asemellen máis a muros de contención que a un paso sobreelevado.
Estamos seguros que os lombos cumprirían igualmente o seu cometido de facilitar a mobilidade aos peóns sen a necesidade de facelos tan excesivamente altos -á altura da beirarrúa- e si se lle suavizasen os ángulos de entrada e saída. Abondaría con facer unha pequena rampa dende a beirarrúa ata o lombo para rebaixalos, como hai nalgunhas zonas, e así reducir a velocidade igualmente, sen tanto impacto.
Porque todo pode ser mellorábel, mesmo no modelo de cidade que ten Pontevedra, ese que serve de exemplo a outras moitas cidades do mundo que buscan mellorar a calidade de vida das persoas que nelas habitan. O que non debera estar en discusión é desandar o andado na prevención da sinistralidade viaria, porque nós, como traballadores que socorremos diariamente a tantas persoas, preferimos que un lombo salve unha vida a que teñamos que acudir nós a tentar salvala.
Firmado: José Manuel Ribadomar García, José Rosales Barcia, Ramón Díaz Outeda, Rodrigo Pazos Castro, Baltasar García Campaña, Evaristo Millán Solla e José Reiriz Pérez
Técnicos sanitarios
Novas relacionadas
-
Bará, ante o veto da oposición aos lombos de Montecelo: "Que se atrevan a dar o paso a gobernar xuntos"
Por Alejandro Espiño |
-
Veciños e técnicos sanitarios plantan cara á febre dos 'lombos'
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
O xerente do CHOP reitera ao Concello o seu desacordo coa instalación de lombos diante do Hospital Montecelo
Por Redacción |