Tribuna Viva
Era visto!: O PP pretende asegurar a continuidade de ENCE na ría
O Partido Popular vén de emendar a modificación da Lei de Costas no que fai á prórroga ás grandes empresas situadas no litoral e suxeitas á normativa que regula as concesións na zona marítimo-terrestre. Propón que a decisión última para determinar a concesión desta prórroga sexa competencia do Estado e non dos gobernos autonómicos, que no borrador inicial da citada modificación da Lei tiñan a posibilidade de vetar a prórroga en base a razóns medioambientais.
E esta decisión vai ter unha repercusión evidente na continuidade de ENCE na Ría, que podería ver prorrogada a súa concesión por 75 anos máis no 2018.
Definitivamente, queda clara a posición do PP verbo da permanencia da CELULOSA en Lourizán, unha posición que para a Asociación Pola Defensa da Ría era evidente pero que viña sendo negada sistematicamente pola Xunta de Galicia; en efecto, e co obxectivo de gañar apoio social na comarca de Pontevedra, desde o goberno galego veuse asegurando que, con modificación da Lei de Costas ou sen ela, impedirían a renovación da concesión de ENCE na Ría.
A fórmula adoptada agora polo PP permítelle seguir mantendo formalmente esta posición sen poñer en perigo os intereses de ENCE, cos que coincide de cheo; o goberno galego podería facer un informe contrario á permanencia da pasteira en Lourizán e mesmo amosar o seu desacordo contra a decisión do goberno central e evitar así ter que dar contas dun suposto cambio de actitude ao respecto que podería supor a perda de apoio social na comarca.
Fronte a esta nova situación, só queda a loita social, unha loita que pasa pola denuncia desta manobra do PP e que desde a APDR imos potenciar, tanto pola vía xudicial coma pola da mobilización social.
Pola APDR,
Asinado, Antón Masa, presidente.