Elena Varela
Libérate
Chega un momento no que simplemente se di basta. Chega un momento no que xa non hai volta atrás: abríronse os ollos, nutriuse a mente e o corpo espertou.
Chega o momento no que te decatas de que a saia nunca vai ser do tamaño axeitado e o escote nunca vai ter a profundidade xusta. Non levarás a maquillaxe adecuada ou os tacóns nunca farán o suficiente ruído. As túas engurras serán demasiadas; as túas estrías non estarán o suficientemente escondidas e os teus peitos nunca terán o tamaño ideal.
Terás moita cintura, ou demasiado pouca; estarás flácida ou demasiado musculada. Serás de estatura baixa e pediranche que camiñes con tacóns. Cando o fagas, asegúroche que tamén o farás mal.
Obrigaranche a esconderte cando teñas a regra, porque iso non é natural. Bueno si que o é, pero é naturalmente das mulleres, co cal deixa de ser relevante. Iso si, cando decidas ter ou non ter fillos/as, aí xa non será cuestión de mulleres. Criticarán as túas decisións con respecto á maternidade: se decides non parir en toda a túa vida, automaticamente descenderás na lista de categorías femininas. E si, incluso se pode estar máis abaixo do que estamos xa por nacemento.
E a sexualidade? Un campo de batalla. Es muller, así que prepárate para non poder sentir pracer e para compracer os desexos da túa parella. Parella, en singular. Nin se te ocorra ter varios encontros con persoas distintas porque entón automaticamente só precisarán catro letras para definirte.
Ademais, é moi posible que durante toda a túa vida te violen, te agridan ou te asasinen por ser muller. Tranquila, ao parecer son catro tolos que o farán por amor. Así que practicamente débeste sentir agradecida, porque o amor é o teu obxectivo a alcanzar na vida. Xa sabes, a media laranxa, a persoa que te completa, o teu príncipe azul... lembra que sen el fracasaches coma muller. Que non se te esqueza.
E agora, pecha os ollos. Despois de ler isto o teu corpo, a túa mente e os teus ollos están dicindo a berros que digas basta. Nunca serás o suficiente para o mundo que te rodea, pero sempre poderás ser dabondo para ti. Ninguén te vai querer nunca máis do que te queiras ti. Ámate e respéctate. Libérate. De pequenas, non nos dixeron que nos tiñamos que querer por riba de todo, porque iso significaba empoderarse e o mundo non quere mulleres empoderadas. O mundo quere mulleres submisas, manipulables, inseguras, que non sexan críticas coa sociedade e que non se atrevan a cuestionar os privilexios dos demais e as desigualdades que sufrimos día tras día.
Somos donas das nosas vidas. Temos unha. Só unha. Loitemos por ela.