Tribuna Viva
Resposta da Mancomunidade de Montes de Pontevedra á campaña de ENCE
A Mancomunidade de Montes de Pontevedra, ante a campaña iniciada por ENCE na súa loita por acadar a prórroga da concesión en Lourizán máis alá do 2018, quere saír ao paso de informacións inexactas e mesmo tendenciosas publicadas pola empresa e puntualizar algunhas das súas afirmacións:
1.- A afirmación de que, de marcharse ENCE da Ría de Pontevedra, os propietarios forestais non terán a quen venderlle a madeira non é exacta. As comunidades de montes, que son propietarios forestais importantes en Galicia, venden boa parte da súa produción en Portugal, Asturias e outras zonas da Península Ibérica.
2.- A afirmación de que a proximidade da fábrica na Ría de Pontevedra beneficiou aos propietarios forestais da comarca tampouco é certa, porque ENCE nunca pagou máis por tal proximidade. Os veciños de Salcedo ou Lourizán (por poñer dous casos), que teñen a madeira ao pé da fábrica, nunca cobraron nin un céntimo de mais por tal motivo.
3.- ENCE marca o prezo da madeira de eucalipto en Galicia. Aumenta as importacións cando hai maior oferta de madeira en Galicia, provocando a baixada artificial dos prezos e forzando aos propietarios galegos a vender barato. As comunidades de montes e outros propietarios forestais que coñecen os prezos do mercado, saben que os pagados por ENCE son con frecuencia inferiores aos do resto de España. Por iso en moitas ocasións venden a súa madeira en Aveiro ou Navia (que curiosamente tamén pertence a ENCE). Nesta situación, a ubicación física da fábrica non ten relevancia para o sector forestal.
4.- A afirmación de que é o motor do emprego forestal en Pontevedra é rotundamente falso. Os empregos directos xerados por ENCE son mínimos entre a industria pontevedresa, e mesmo son minoritarios no propio sector forestal. Os empregos indirectos son máis numerosos, pero non dependen da ubicación concreta da fábrica. Por outra parte, non se pode negar que a actividade dunha empresa de pasta de papel xera gran valor engadido á madeira, pero isto soamente se traduce en importantes beneficios económicos que marchan fóra de Galicia a incrementar os dividendos que se reparten os accionistas de ENCE.
5.- Asemade, vencellar a produción de pasta de papel coa xeración de emprego é absurdo e mesmo tendencioso. A produción industrial de pasta de papel é o subsector que menos emprego xera dentro do sector forestal, tanto en proporción ao volume de materia prima empregada como ao investimento realizado. Outras actividades forestais contan con maiores índices de emprego, mesmo o uso da madeira de eucalipto para outros sectores distintos da produción de pasta.
6.- A ubicación concreta da empresa de pasta de papel na Ría de Pontevedra leva provocando nas últimas décadas unha continua polémica social e unha forte controversia política, agravadas polo constante interese de ENCE en querer presentarse como portavoz do sector forestal. Esta polémica prexudica moito ao sector forestal galego, que é visto como contaminante e con forte carga negativa por unha parte importante da poboación da comarca pontevedresa e oculta a importancia social do sector forestal alleo a ENCE en toda a comarca.
7.- A situación da fábrica de pasta de papel na Ría de Pontevedra enfronta ao sector forestal cos sectores turístico e marisqueiro, moi importantes na comarca e xeradores de maior emprego. Debido ás polémicas xeradas, estes sectores ven ao forestal como un atranco para o seu desenvolvemento e como o destrutor do seu principal recurso. O sector forestal non é merecente desta situación.
8.- A Mancomunidade de Montes de Pontevedra é consciente de que a concesión da prorroga na Ría de Pontevedra suporía un beneficio importantísimo para ENCE e melloraría enormemente as súas expectativas de futuro. Hai que recordar que a fábrica foi vendida con data de caducidade e que a prórroga da concesión incrementaría moito a rendibilidade do investimento. Ademais, o mantemento das condicións da concesión, das que disfrutou desde os tempos en que era empresa pública, convertería á fábrica, de largo, na máis rendible da empresa e xeradora de grandes beneficios. Pero ENCE debe ser consciente de que este empeño presenta unha forte contestación social e política que seguirá prexudicando ao sector forestal e non pode continuar cunha constante polémica que a enfronta a parte da poboación pontevedresa. Unha saída consensuada, negociando unha nova ubicación coa administración galega que posibilite á empresa seguir en Galicia e mantar os postos de traballo sería a máis conveniente para este sector forestal ao que ENCE en moitas ocasións pretende representar.
9.- O sector forestal galego precisa dunha industria de pasta de papel e dunha papeleira que complete o ciclo da fabricación de papel e derivados en Galicia. A ubicación máis correcta, as condicións industriais e ambientais, e as características da futura concesión deben ser feitas publicas pola Xunta de Galicia e negociadas co sector industrial. Pero tales parámetros deben evitar o enfrontamento cos demais sectores da Ría de Pontevedra e deben respectar as competencias municipais na ordenación do concello e o lexítimo dereito dos pontevedreses de rexeitar a actual ubicación.
Carlos Morgade
Presidente da Mancomunidade de Montes de Pontevedra